A agrupación UCIN en Santiago de Compostela manifestou o seu rexeitamento ao proceso vivido arredor da aprobación dos orzamentos municipais de 2026, ao que cualifica como un “auténtico teatro político” tras os movementos rexistrados nas últimas horas no seo da corporación.
A formación pon o foco no cambio de posición das concelleiras non adscritas, que pasaron da abstención ao apoio ás contas nun prazo de apenas 24 horas. Segundo UCIN, esta variación produciuse “sen explicación pública convincente nin modificacións substanciais no documento”, o que leva á organización a cuestionar as motivacións deste xiro.
Neste contexto, tamén sinalan a postura do PSOE, que mantivo a súa abstención, unha decisión que consideran reflexo dunha “preocupante indefinición política” no momento de abordar unha cuestión central para a cidade.
Dende UCIN formulan varias preguntas sobre o ocorrido, entre elas: “Que cambiou en 24 horas? Que negociacións se produciron? Onde queda a transparencia que merece a veciñanza?”, en referencia ao proceso que desembocou na aprobación das contas municipais.
A pesar das críticas, a formación recoñece a necesidade de que Santiago conte cun orzamento en vigor, aínda que advirte de que o documento aprobado presenta, ao seu xuízo, “carencias importantes, falta de ambición e múltiples aspectos mellorables”.
Ademais, UCIN considera que este tipo de actuacións políticas poden contribuír a aumentar a desconfianza cidadá cara ás institucións, ao percibirse como afastadas da realidade social. “Santiago necesita estabilidade, coherencia e responsabilidade, non movementos tácticos nin decisións de última hora orientadas ao titular”, sinalan.
Por último, a organización lembra que os orzamentos municipais constitúen unha ferramenta clave para definir o modelo de cidade, polo que reclama que a súa elaboración se realice “con diálogo real, transparencia e responsabilidade”, afastada de intereses partidistas.

