InicioPOLÍTICAVerea afirma que o rexeitamento dos orzamentos evidencia a falta de apoio...

Verea afirma que o rexeitamento dos orzamentos evidencia a falta de apoio ao goberno local

O líder do PP en Santiago critica a xestión do executivo e presenta propostas alternativas en materia urbanística, social e de servizos públicos

Publicado o

Xornal de Compostela

O portavoz do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, valorou o pleno municipal no que os orzamentos do goberno local non foron aprobados, ao non contar co respaldo suficiente, e interpretou o resultado como unha mostra de falta de cohesión no executivo. Segundo indicou, a situación evidencia “un novo episodio do tripartito dos líos que leva meses bloqueando a cidade”.

O dirixente popular cualificou o proxecto económico presentado como insuficiente e asegurou que chega ao pleno “completamente suspenso, un suspenso político e tamén un suspenso en xestión”. Neste sentido, apuntou que a falta de apoio por parte dos socios do goberno municipal reflicte que “nin os propios socios da alcaldesa cren no seu proxecto”.

Desde o grupo popular sinalaron que non apoiaron as contas ao considerar que non responden ás necesidades da cidade nin ao seu modelo de xestión. Verea afirmou que o seu partido representa “unha alternativa real de goberno fronte a este espectáculo permanente de enfrontamentos internos” e engadiu que “non imos participar deste tripartito dos líos; queremos facer as cousas doutro xeito e mellor”.

Durante a súa intervención, expuxo algunhas das medidas que incluiría un hipotético orzamento liderado polo PP, entre elas a apertura do Parque de Belvís, o derrubo da Casa da Xuventude, a retirada de radares no túnel de Conxo, a creación dun banco público de vivenda en alugueiro con incentivos fiscais ou a redacción dun novo PXOM para favorecer a construción e rehabilitación.

Tamén fixo referencia a actuacións en materia de equipamentos e servizos, como a construción dunha piscina olímpica en Santa Marta, unha cidade do fútbol en San Lázaro ou a implantación dunha rede de conciliación con servizos como madrugadores, comedores e actividades extraescolares. Ademais, mencionou un modelo de cociñas propias nas escolas, a creación de parques infantís cubertos e medidas para o rural, así como novos aparcadoiros en zonas como o Campus Sur e Belvís.

No ámbito da seguridade e mantemento urbano, propuxo a instalación de cámaras de videovixilancia, o reforzo da Policía Local e plans específicos para mellorar viarios, beirarrúas, limpeza e o Refuxio de Bando. Neste contexto, asegurou que “Santiago está máis sucio, máis inseguro e máis abandonado que nunca”.

O líder popular tamén cuestionou as previsións económicas do documento orzamentario, indicando que, segundo os servizos técnicos municipais, son “irrealistas” e mesmo “de fantasía”, o que, ao seu xuízo, xera dúbidas sobre a viabilidade das contas. Así mesmo, criticou que se trate, segundo afirmou, dun proxecto con elevada recadación por impostos e multas e cun nivel de investimento reducido.

Verea responsabilizou ao BNG, Compostela Aberta e PSOE da situación actual da cidade e fixo referencia a cuestións como a evolución da criminalidade, o estado da limpeza, a vivenda ou a morosidade municipal. Por último, cuestionou a posición dos socialistas e sinalou que, no caso de vincular os orzamentos a unha cuestión de confianza, “abriríase unha oportunidade real para cambiar o goberno da cidade en 30 días”.

O portavoz popular concluíu que o pleno evidencia a existencia de “dous modelos”: “o do lío permanente do tripartito e o da alternativa de goberno que representa o Partido Popular”, asegurando que o seu grupo continuará traballando para optar ao goberno municipal.

ÚLTIMAS

O novo transporte urbano de Santiago comezará a operar nun prazo máximo de tres meses

O novo servizo de transporte urbano de Santiago de Compostela deberá entrar en funcionamento...

Santiago pide a Augas de Galicia unha valoración técnica sobre a evolución da vertedura de Tordoia

O Concello de Santiago solicitou por escrito a Augas de Galicia información detallada sobre...

Pacientes do CHUS denuncian un “colapso” permanente nos accesos ao Clínico

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou o “colapso” permanente dos accesos...

A CIG anuncia mobilizacións contra Monbus e reclama a readmisión dun traballador despedido tras a folga en Santiago

A CIG anunciou novas mobilizacións e accións penais contra o grupo Monbus para reclamar...

Pedro Blanco inicia unha rolda polos barrios de Santiago para elaborar propostas coa veciñanza

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, iniciou este martes '#ConversasDeBarrio', unha...

Verea comprométese a reducir a 30 días o pagamento aos provedores no primeiro ano de mandato

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, volveu situar os prazos de...

O Concello contratará un préstamo de 2,97 millóns e abre 90.000 euros en axudas para asociacións veciñais

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns o expediente para contratar...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here