InicioPOLÍTICASanmartín defende a aprobación dos orzamentos e reclama responsabilidade política no pleno...

Sanmartín defende a aprobación dos orzamentos e reclama responsabilidade política no pleno do día 25

A alcaldesa de Santiago insiste na necesidade de sacar adiante as contas municipais para garantir servizos, investimentos e persoal, e acusa á oposición de bloquear avances clave para a cidade

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou que o pleno extraordinario para a aprobación dos orzamentos municipais se celebrará o vindeiro 25 de marzo pola tarde, nunha sesión que se dividirá en dúas xornadas debido ao volume de asuntos a tratar. A rexedora subliñou a relevancia destas contas e apelou á responsabilidade dos grupos políticos, preguntando “que gaña Santiago co voto en contra” da súa aprobación.

Sanmartín insistiu en que os novos orzamentos son necesarios para garantir o funcionamento dos servizos públicos, destacando o incremento dos custos en ámbitos como a limpeza e recollida de residuos, cun gasto de 14 millóns de euros, ou a depuración de augas, que supón 4,2 millóns. Segundo explicou, o capítulo destinado a estes servizos medra un 5,65% e supera os 70 millóns de euros.

A alcaldesa tamén puxo o foco no incremento do gasto social, que cifrou nun 250% máis, con especial atención a programas como o de atención no fogar. Ademais, sinalou que a aprobación das contas permitirá manter arredor de 2 millóns de euros en axudas ao tecido social, cultural, deportivo e veciñal.

No ámbito de persoal, Sanmartín destacou que o orzamento contempla a incorporación de novos efectivos, entre eles seis bombeiros, tres policías e persoal en áreas como servizos sociais, administración ou informática. Tamén permitirá cumprir compromisos laborais pendentes, como a valoración de postos de traballo.

En materia de investimentos, avanzou que se prevén actuacións por valor de varios millóns de euros, entre elas 2 millóns destinados ao rural, un millón para pavimentación e melloras urbanas, así como intervencións en equipamentos como o pavillón de Lamas de Abade ou a Casa dos Maiores. Tamén mencionou proxectos vinculados a financiamento europeo, como o colector da Avenida de Lugo ou a factoría de Salgueiriños.

A rexedora advertiu de que unha prórroga orzamentaria “estanca moitos proxectos” e impide iniciar outros novos, polo que reiterou a súa chamada á aprobación das contas.

Durante a súa intervención, Sanmartín criticou a postura do Partido Popular, ao que acusou de actuar baixo a lóxica de “canto peor, mellor”. Tamén cuestionou a posición do Partido Socialista e das concelleiras non adscritas, cualificando a súa actitude de “tacticismo” e advertindo de que responde a cálculos electorais.

A alcaldesa defendeu que existiu diálogo durante semanas co resto de grupos e asegurou que se incorporaron propostas ao proxecto inicial. “Houbo negociacións e avances positivos”, afirmou, fronte ás críticas sobre a falta de acordo.

Sanmartín informou tamén de que o proceso de licitación do novo contrato de transporte urbano continúa en marcha, tras pecharse o prazo de presentación de ofertas con cinco empresas candidatas: Castromil, Martín, Transportes Rober, Aute Estelae Urbano Santiago e Viguesa de Transportes.

A alcaldesa valorou positivamente o interese suscitado e avanzou que o Concello traballará para axilizar o proceso. Subliñou que o novo modelo, agora formulado como contrato de servizos e non concesión, permitirá adaptar o sistema ás necesidades reais, especialmente no ámbito rural.

Neste sentido, comprometeuse a que o servizo chegará á parroquia de Grixoa, indicando que o modelo baseado na contratación de quilómetros facilitará a adaptación das liñas.

Outro dos asuntos abordados foi o proceso para definir o modelo de xestión do ciclo da auga. Sanmartín asegurou que o Goberno municipal continuará avanzando na súa regularización, pese á falta de acordo no pleno.

A alcaldesa defendeu que o debate xa se produciu e que o executivo actuará dentro das súas competencias para impulsar os estudos necesarios. “O goberno non pode quedar parado”, afirmou, incidindo en que a situación actual é “precaria” e require solucións.

MOCIÓN PARA A RECUPERACIÓN AMBIENTAL DE MIRAMONTES

Por último, Sanmartín anunciou que o Goberno municipal levará ao pleno unha moción para instar á Xunta de Galicia a retirar os residuos da canteira de Miramontes e acometer a recuperación ambiental da zona.

A iniciativa busca tamén apoiar as reivindicacións da plataforma veciñal e de FERUSA tras a sentenza que condena a empresa responsable por un delito ambiental. A alcaldesa reclamou á Xunta un calendario concreto de actuacións e advertiu de que “é inaceptábel” que non se dea unha solución definitiva, mentres persistan os riscos para a veciñanza.

A rexedora concluíu reiterando a necesidade de avanzar nos principais retos da cidade e advertindo de que a falta de acordos pode derivar nunha parálise institucional nun momento clave para Santiago de Compostela.

ÚLTIMAS

O PP de Santiago denuncia unha “proliferación de vertedoiros” incontrolados na cidade

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Vila, denunciou este venres unha "preocupante...

Atopado o corpo sen vida dun home nunha vivenda en Avenida de Ferrol

O corpo sen vida dun home maior foi achado nunha vivenda situada na avenida...

O PSOE de Santiago critica a actuación da Xunta na senda do Banquete de Conxo e levará o caso ao Parlamento

O secretario xeral do PSOE de Santiago compareceu este venres para trasladar a posición...

A Policía detén a polo menos catro persoas nunha operación contra narcopisos no Ensanche de Santiago

A Policía Nacional detivo a polo menos catro persoas nunha operación contra o tráfico...

Compostela Aberta e BNG instan á Xunta a retirar os residuos da canteira de Miramontes tras a sentenza xudicial

O Goberno municipal de Santiago, integrado por Compostela Aberta e BNG, presentará no próximo...

O PSOE anuncia que non apoiará os orzamentos de Santiago e condiciona o seu voto á incorporación de medidas

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Santiago confirmou que non votará a favor...

As non adscritas levan ao pleno unha batería de peticións para mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria en Vidán

As concelleiras non adscritas Mercedes Rosón, Mila Castro, Marta Álvarez e Gonzalo Muíños trasladarán...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here