InicioPOLÍTICAAs non adscritas levan ao pleno unha batería de peticións para mellorar...

As non adscritas levan ao pleno unha batería de peticións para mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria en Vidán

As concelleiras non adscritas do Concello de Santiago anuncian iniciativas sobre mobilidade, mantemento urbano e accesibilidade tras unha visita ao barrio xunto coa asociación veciñal

Publicado o

Xornal de Compostela

As concelleiras non adscritas Mercedes Rosón, Mila Castro, Marta Álvarez e Gonzalo Muíños trasladarán ao vindeiro pleno municipal unha relación de demandas formuladas pola veciñanza de Vidán tras un percorrido polo barrio realizado esta semana coa presidenta da Asociación Veciñal Mestra Victoria Míguez, Celia Pinaque. O obxectivo, segundo expuxeron, é reclamar intervencións en materia de mobilidade, seguridade viaria e mantemento de infraestruturas básicas.

A iniciativa será defendida por Mercedes Rosón, que presentará unha proposta con medidas que define como “concretas e asumibles”. A edil sostén ademais que, en boa parte dos casos, se trata de actuacións que “na maioría dos casos non requiren de grandes investimentos, senón vontade política e unha correcta xestión dos recursos ordinarios municipais”.

Un dos puntos sobre os que puxeron o foco é a situación dunha parcela anexa á confluencia das rúas Rocha Nova e Serafín Zas. Segundo explican, este espazo, de uso dotacional e empregado na práctica como aparcadoiro improvisado, serve tamén de acceso a varias vivendas. Entre elas atópase a dunha persoa con mobilidade reducida que, segundo denuncian, ten que atravesar unha superficie deteriorada e con forte pendente.

Neste ámbito, Rosón reclama ao Concello unha solución provisional que pase por habilitar un aparcadoiro en superficie, reorganizar os colectores e actuar sobre a inclinación do acceso ás vivendas. A finalidade sería facilitar o paso a persoas usuarias de cadeira de rodas e evitar problemas de bloqueo nos accesos e servidumes.

ACTUACIÓNS NA CONTORNA DA PONTE VELLA

Outra das zonas sinaladas polas non adscritas é a de Ponte Vella de Abaixo, na contorna do lavadoiro tradicional. Alí propoñen a instalación dunha marquesiña na parada de autobús e a mellora do camiño de acceso con máis iluminación e cunha varanda. Segundo expón Rosón, ese sendeiro presenta unha pendente pronunciada e funciona como conexión entre Ponte Vella de Abaixo, Ponte Vella de Arriba e a Rocha Nova coa parada do bus.

As concelleiras vinculan esta demanda coa reorganización do transporte urbano, ao considerar que esta parada podería incrementar o seu uso coas novas liñas de autobús.

Tamén reclaman unha intervención definitiva na rúa dos Caraveis, afectada por un corremento de terras en 2024. A situación obrigou, segundo indican, á adopción de medidas provisionais que reduciron o ancho da calzada e condicionan a circulación. Por iso, solicitan unha obra que permita estabilizar o noiro e recuperar as condicións habituais da vía.

PREOCUPACIÓN POLA RÚA DA CODESEIRA

No percorrido polo barrio, as non adscritas tamén detectaron o deterioro doutras rúas de Vidán e piden actuacións de asfaltado ou rebacheo na rúa da Ponte Vella de Arriba, rúa da Rocha Nova, rúa de Vidán, rúa Campo da Fonte e Praza de Vidán.

Especial atención dedican á rúa da Codeseira, onde advirten dun estreitamento progresivo da calzada a causa do seu mal estado. Segundo sinalan, esta situación podería dificultar o acceso de vehículos de emerxencia, entre eles ambulancias, ás vivendas da zona. Xunto a isto, propoñen completar a conexión peonil entre esta vía e a rúa Concha Castroviejo, rematando a escaleira xa existente cun itinerario acondicionado para o paso a pé.

A relación de incidencias inclúe tamén problemas de iluminación pública en distintos puntos de Vidán. Entre eles mencionan a cancha de baloncesto da Ponte Vella de Abaixo, onde cuestionan a disposición actual dos focos por non alumear de maneira axeitada a superficie de xogo, malia tratarse dun espazo utilizado por familias con crianzas.

Mercedes Rosón insta ao goberno local a incorporar estas peticións á planificación municipal para, segundo sinala, “mellorar a calidade de vida no barrio de Vidán” e garantir condicións axeitadas de accesibilidade, seguridade e mantemento urbano.

ÚLTIMAS

A Audiencia Provincial da Coruña ratifica un delito ambiental na canteira de Miramontes en Santiago

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña ditou unha sentenza, con data do...

O PSOE anuncia que non apoiará os orzamentos de Santiago e condiciona o seu voto á incorporación de medidas

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Santiago confirmou que non votará a favor...

O Salón Teatro esgota as entradas para as tres primeiras funcións de ‘Hamlet’

A obra de teatro Hamlet, dirixida polo actor e director Tito Asorey, será presentada...

O Son do Camiño incorpora a DJ Snake nunha edición cos abonos xa esgotados

O festival O Son do Camiño volverá situar a Santiago de Compostela no circuíto musical...

O PSOE anuncia que non apoiará os orzamentos de Santiago e condiciona o seu voto á incorporación de medidas

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Santiago confirmou que non votará a favor...

Mila Castro presenta unha proposición para que o Pleno decida o modelo de xestión da auga en Santiago

A concelleira non adscrita do Concello de Santiago, Milagros Castro, rexistrou unha proposición para...

O PSdeG critica que o novo contrato de transporte urbano se tramite sen participación veciñal en Santiago

A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, cuestionou o proceso de elaboración do...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here