InicioPOLÍTICAO PP acusa a Goretti Sanmartín de incumprir o compromiso sobre o...

O PP acusa a Goretti Sanmartín de incumprir o compromiso sobre o modelo de xestión da auga

Borja Verea cuestiona a decisión do goberno local de non someter ao Pleno a elección do sistema e critica a solicitude de novos informes técnicos

Publicado o

Xornal de Compostela

O portavoz do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, compareceu este martes en rolda de prensa para denunciar o que cualificou como un “incumprimento” por parte da alcaldesa, Goretti Sanmartín, en relación ao modelo de xestión do servizo municipal da auga.

Segundo explicou o dirixente popular, a súa formación entregou aos medios documentación na que, ao seu xuízo, se recolle que a rexedora compostelá “asina, co seu puño e letra, que o modelo de xestión da auga debe decidirse democraticamente no Pleno”. A partir dese documento, Verea sostivo que a actual posición do goberno local supón unha contradición respecto de acordos adoptados na anterior lexislatura.

O líder do PP afirmou que resulta “incoherente” que agora se cuestione a intervención do Pleno nunha decisión deste tipo e preguntouse polos motivos deste cambio de criterio. “É necesario ter a cara de cemento armado para dicir agora que non interesa a vontade democrática do Pleno”, declarou.

Durante a súa intervención, Verea asegurou que esta situación responde a unha dinámica máis ampla na acción do executivo local, ao que acusou de non cumprir compromisos adquiridos previamente. Neste sentido, sinalou que o goberno municipal, ao non contar con maioría suficiente, “decide abandonar o principio democrático” que defendía con anterioridade.

O portavoz popular tamén cuestionou a decisión do executivo de solicitar novos informes sobre o modelo de xestión da auga. Segundo indicou, xa existe un estudo previo cun custo de 80.000 euros que, segundo afirmou, apunta á opción dunha sociedade mixta. “Se xa encargaron un informe de 80.000 euros que, segundo eles mesmos, di claramente que a opción é a sociedade mixta, por que necesitan agora outro informe?”, preguntou.

Verea lembrou ademais que, segundo a súa versión, foron as propias forzas que integran o goberno —BNG e Compostela Aberta— as que apoiaron no Pleno esa alternativa baseándose nese informe. Por iso, criticou que se continúe solicitando nova documentación técnica sen avanzar na toma de decisións.

CUESTIONAMENTO POLÍTICO E PETICIÓN DE EXPLICACIÓNS

O dirixente popular estendeu as súas críticas ao conxunto das forzas que sustentan o goberno municipal, incluído o PSOE, ao considerar que a súa actuación “amosa falta de coherencia” e ausencia dun proxecto definido para a cidade.

Na súa intervención, Verea concluíu advertindo de que este tipo de actuacións poden afectar á confianza da cidadanía nas institucións e cualificou a situación como unha “gran decepción”. Tamén criticou que, ao seu xuízo, o executivo local non estea a ofrecer solucións concretas para Santiago.

A polémica en torno ao modelo de xestión da auga mantense así como un dos asuntos centrais do debate político municipal nas últimas semanas.

ÚLTIMAS

Pacientes do CHUS denuncian un “colapso” permanente nos accesos ao Clínico

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou o “colapso” permanente dos accesos...

A CIG anuncia mobilizacións contra Monbus e reclama a readmisión dun traballador despedido tras a folga en Santiago

A CIG anunciou novas mobilizacións e accións penais contra o grupo Monbus para reclamar...

“Traballaba as 24 horas”: unha muller relata como foi traída desde Colombia e obrigada a prostituírse

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, acolleu este...

A néboa e o vento obrigan a desviar sete voos con destino a Santiago

As condicións meteorolóxicas complicaron este martes pola tarde a operativa do aeroporto de Santiago-Rosalía...

Pedro Blanco inicia unha rolda polos barrios de Santiago para elaborar propostas coa veciñanza

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, iniciou este martes '#ConversasDeBarrio', unha...

Verea comprométese a reducir a 30 días o pagamento aos provedores no primeiro ano de mandato

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, volveu situar os prazos de...

O Concello contratará un préstamo de 2,97 millóns e abre 90.000 euros en axudas para asociacións veciñais

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns o expediente para contratar...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here