O portavoz do Partido Popular no Concello de Santiago, Borja Verea, cargou este luns contra a alcaldesa, Goretti Sanmartín, pola súa reacción tras o último pleno municipal no que non prosperou o modelo de concesión do servizo da auga. Verea asegurou que a rexedora leva varios días “enfadadísima” despois dunha votación que, segundo indicou, saíu adiante nos termos que ela mesma defendía.
Durante a súa comparecencia ante os medios, o líder popular afirmou que a situación é “difícil de explicar” e formulou reiteradamente a mesma cuestión: “Por que está tan enfadada se gañou a votación?”. Ao seu xuízo, se o Goberno municipal quere impulsar o modelo de concesión, debe apoialo explicitamente no pleno. “Se quere o modelo de concesión, que vote a favor. O resto é marear”, declarou.
Verea defendeu a decisión do seu grupo de optar pola abstención e negou que o PP bloquease o expediente. Segundo explicou, na Comisión da Auga xa manifestaran a súa intención de levar o debate ao pleno para que “todo o mundo se retrate”.
“O que non podemos facer é autorizar a un goberno que leva tres anos dicindo que a concesión é mala para a cidade e que agora pretenda sacala adiante”, sinalou. Engadiu que o contrato da auga é “o máis importante da cidade” e que require, ao seu entender, “coherencia e responsabilidade”.
En resposta ás críticas polo cambio de voto entre comisión e pleno, sostivo que a súa posición foi clara e que responderon tanto ao contexto como ao seu criterio político. “Nós votamos segundo o que creemos e segundo o contexto”, afirmou.
CHAMAMENTO A UN PLENO EXTRAORDINARIO
O portavoz popular instou á alcaldesa a convocar un pleno extraordinario nun prazo de 24 ou 48 horas se realmente desexa avanzar no modelo concesional. “Se vota a favor, mañá mesmo estaremos traballando nos pregos da concesión”, asegurou.
Tamén fixo referencia ás declaracións dun membro do Goberno local no pleno, no que, segundo indicou, se falou dun suposto 20% de gastos inexistentes por parte da concesionaria actual. Verea considerou que o Executivo municipal deberá aclarar esas afirmacións e explicar “onde están os cartos”.
Preguntado pola proposta de crear un fronte común para desbloquear a situación, o portavoz popular sinalou que esa responsabilidade corresponde ao Goberno municipal e aos seus socios. “Son eles os que decidiron gobernar a cidade e os que teñen que buscar unha solución”, manifestou.
A este respecto, insistiu en que o PP non asumirá a tarefa de resolver as discrepancias internas do Executivo local. “Só faltaba que teñamos que ser nós os que solucionemos os seus problemas”, apuntou.
ELECCIÓNS DE 2027
Na quenda de preguntas, Verea tamén foi interpelado sobre a súa posible candidatura ás eleccións municipais de 2027. O portavoz indicou que a designación de candidatos corresponde ás direccións provincial e autonómica do partido e ao presidente da formación.
“Eu traballo moi duro para ser alcalde en 2027, non para ser candidato”, afirmou, subliñando que as listas deberán estar conformadas “polos mellores”.
A controversia arredor do modelo de xestión do servizo da auga continúa así aberta no Concello de Santiago, á espera de que o Goberno local concrete os seguintes pasos respecto ao contrato.

