InicioMOV. SOCIAISErguer critica a presenza da Garda Civil e da Policía Nacional nun...

Erguer critica a presenza da Garda Civil e da Policía Nacional nun acto na Facultade de Dereito da USC

O sindicato estudantil difunde un vídeo nas súas redes no que cuestiona a participación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e do profesor Luís Míguez Macho nesta palestra

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A organización estudantil Erguer fixo público este sábado un vídeo nas súas redes sociais no que manifesta o seu rexeitamento á celebración dunha xornada na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) coa participación de representantes da Garda Civil e do Corpo Nacional de Policía.

Segundo a información facilitada a Xornal de Compostela por parte de Erguer, o acto celebrouse o día anterior na Sala de Xuntas do centro e consistiu na presentación do libro Las entidades locales frente al reto de la ciberseguridad. A convocatoria, dirixida ao estudantado de Dereito, indicaba que intervirían un membro da Garda Civil e outro do Corpo Nacional de Policía, así como o profesor Luís Míguez Macho, e ofrecía a posibilidade de obter un certificado de asistencia mediante inscrición previa.

No vídeo publicado, Erguer afirma que a Facultade de Dereito está a ser “captada polos discursos españolistas e, portanto, polo autoritarismo militarista”. A organización considera “inadmisíbel” a “normalización e integración na USC das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”, e sostén que a universidade pública debe garantir “aulas libres de discursos reaccionarios que nos negan como nación”.

O sindicato tamén rexeita a intervención do profesor Míguez Macho, ao que atribúe posicionamentos que, segundo expresa, “negan realidades e dereitos fundamentais como a diversidade ou o uso da nosa propia lingua”. No mesmo vídeo, Erguer sinala: “Non imos permitir a intromisión na Universidade Pública das Forzas de Ocupación Española nin da retórica fascista”.

Na mensaxe de convite remitida ao alumnado, á que tivo acceso este medio, indicábase que a actividade podería resultar de interese para o estudantado e facilitábase información sobre o programa da xornada, así como unha ligazón para formalizar a inscrición. O texto estaba asinado cun “Un saúdo afectuoso” e facía referencia expresa á participación do profesor Míguez Macho e doutros relatorios.

Erguer defende que a USC debe ser “un espazo de pensamento crítico, plural e obxectivo” e cuestiona que este tipo de iniciativas contribúan a ese obxectivo. Polo momento, non transcendeu ningunha valoración pública por parte da Facultade de Dereito nin da propia universidade sobre as críticas formuladas polo sindicato estudantil.

OUTRO ENCONTRO CON PRESENZA MILITAR EN FARMACIA

Este posicionamento súmase a outra protesta protagonizada por Erguer o pasado 5 de febreiro, cando denunciou a celebración dunha palestra na Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela baixo o título ‘Sanidade militar como oportunidade de saída laboral’. Segundo trasladou a organización, parte do estudantado tivo que asistir “case de xeito obrigatorio” a unha sesión impartida polas forzas armadas.

O sindicato estudantil sostivo que esta actividade incumpriría o artigo 4.9 dos estatutos da USC, que establece que a institución non colaborará no desenvolvemento de proxectos con fins armamentísticos ou bélicos, e cualificou a iniciativa de “propaganda” vinculada a unha estratexia do Ministerio de Defensa. Naquel comunicado, Erguer afirmou que “a universidade debe ser un lugar de pensamento crítico, non unha plataforma ao servizo dos intereses bélicos do Estado”, e criticou o que considera unha normalización de discursos militaristas nos espazos educativos.

ÚLTIMAS

A USC abre o curso 2026/2027 coa defensa da universidade pública, dos dereitos humanos e da memoria emigrante

A Universidade de Santiago de Compostela inaugurou este venres o curso académico 2026/2027 cun acto...

O Consorcio abre as primeiras axudas para reformar os locais comerciais da Cidade Histórica

O Consorcio de Santiago abrirá este sábado a primeira convocatoria de axudas destinada especificamente...

Verea reclama explicacións ao Goberno local ante a posible existencia de quendas con só seis policías

O Partido Popular de Santiago reclamou ao Goberno municipal que aclare se durante os...

O XV Encontro Artes pola Integración arranca en Santiago con danza contemporánea no Teatro Principal

O Teatro Principal de Santiago abrirá o vindeiro martes, 15 de setembro, a programación...

Traballadores de conserxería e limpeza dos colexios de Santiago volverán á folga

Traballadores de Lacera, a empresa concesionaria de conserxería e limpeza nos colexios de Santiago,...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Sanidade Galega con Palestina convoca unha concentración no Obradoiro pola liberación do doutor Hussam Abu Safiya

Sanidade Galega con Palestina (SGCP) convocou para este domingo, 6 de setembro, unha concentración...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here