InicioPOLÍTICAO PP rexeita cambiar o nome do CEIP Apóstolo Santiago

O PP rexeita cambiar o nome do CEIP Apóstolo Santiago

Borja Verea cualifica a proposta de supresión como unha decisión con “profunda carga simbólica” e cuestiona a postura do Goberno local

Publicado o

Xornal de Compostela

O portavoz do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, manifestou este luns o rexeitamento do seu grupo á proposta de eliminar o nome ‘Apóstolo Santiago’ do primeiro grupo escolar da cidade, fundado en 1954. A iniciativa figura na orde do día do pleno municipal previsto para este xoves.

Durante unha rolda de prensa, Verea sinalou que “toda iniciativa cidadá merece respecto”, pero subliñou que o nome dun centro escolar “non é unha marca comercial que se poida cambiar segundo tendencias”, ao considerar que se trata dunha decisión que transcende o ámbito dunha asociación concreta ou dun consello escolar determinado.

O líder popular sostivo que a denominación do colexio forma parte do “patrimonio común” da cidade e incidiu na súa dimensión histórica e simbólica, ao tratarse dun centro con máis de setenta anos de traxectoria e polo que pasaron varias xeracións de composteláns. “Un colexio pertence a toda a cidade”, afirmou, engadindo que unha decisión deste tipo “vai moito máis alá da AMPA ou do consello escolar”.

Verea indicou que o seu grupo xa trasladara meses atrás á comunidade educativa que non consideraba prioritaria esta cuestión. Ademais, atribuíu ao Goberno municipal a defensa da proposta na comisión preparatoria do pleno, ao entender que foi apoiada polos seus representantes.

O portavoz popular enmarcou a iniciativa nun contexto que cualificou de “proceso de eliminación” de símbolos vinculados á identidade compostelá e asegurou que o seu grupo votará en coherencia con esa posición no pleno.

A SANCIÓN DE AUGAS DE GALICIA

Noutro momento da comparecencia, Verea referiuse á sanción imposta por Augas de Galicia ao Concello, tras a que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, apuntara a un suposto compoñente político na resolución.

O portavoz popular mostrou a súa sorpresa por esas declaracións e lembrou que, segundo indicou, a Fiscalía abriu dilixencias sobre o asunto. “Entende a alcaldesa que a Fiscalía tamén actúa desde un punto de vista partidista?”, preguntou, ao tempo que considerou que a presentación de alegacións ante unha sanción forma parte do procedemento administrativo habitual.

DEBATE SOBRE O CONTRATO DA AUGA

En relación co modelo de xestión do servizo da auga, Verea avanzou que o PP non fará público o sentido do seu voto ata a xuntanza previa ao pleno, como é habitual. Non obstante, cualificou de “contradición” que o Goberno municipal poida impulsar unha concesión se, segundo afirmou, defende outro modelo de xestión.

O portavoz popular sostivo que a decisión debe adoptarse no pleno e cuestionou que o executivo local promova unha fórmula coa que, ao seu xuízo, non comunga. “Non imos participar nun circo”, afirmou, en referencia ao debate político arredor do contrato.

CRÍTICAS AOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS

Finalmente, Verea valorou a situación dos orzamentos municipais e sinalou que, ao seu entender, as contas aprobadas nos dous últimos exercicios —que cualificou como as máis elevadas da historia do Concello— non se traduciron nunha mellora perceptible da cidade.

O portavoz do PP mencionou cuestións como a limpeza urbana, o funcionamento dos centros socioculturais ou o prezo da vivenda, e cuestionou tamén o número de cargos eventuais no Goberno local. Segundo indicou, o seu grupo analizará a proposta orzamentaria cando se leve a pleno para fixar a súa posición definitiva.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

O PP de Santiago esixe a Sanmartín que condene os disturbios da Coruña e evite un posible boicot á Carreira Pedestre

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclamou á alcaldesa de...

Pedro Blanco propón reforzar a atención temperá e ampliar o lecer accesible en Santiago

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago de Compostela, Pedro Blanco, anunciou que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here