InicioSANTIAGOAMESUCIN denuncia deficiencias na Biblioteca Municipal do Milladoiro e esixe unha intervención...

UCIN denuncia deficiencias na Biblioteca Municipal do Milladoiro e esixe unha intervención urxente

A formación advirte de filtracións reiteradas, deterioro estrutural e risco para fondos bibliográficos e persoas usuarias

Publicado o

Xornal de Compostela

A formación política UCIN fixo pública a súa denuncia pola situación na que, segundo sinala, se atopa a Biblioteca Municipal do Milladoiro, no concello de Ames. A través do seu coordinador autonómico, José Luis Calo, a organización advertiu de filtracións reiteradas, deficiencias estruturais e falta de mantemento nun equipamento que cualifica de esencial para a veciñanza.

Segundo expón a formación, nas últimas datas difundíronse imaxes nas que se poden observar cubos recollendo auga no interior das instalacións e varias placas do falso teito retiradas. Para UCIN, estas escenas “non son propias dun edificio público en funcionamento, senón dunha infraestrutura abandonada á súa sorte”.

Calo manifestou que “é absolutamente intolerable que un espazo destinado ao estudo, á lectura e á formación da nosa mocidade teña que operar en condicións que comprometen tanto a conservación do material bibliográfico como a seguridade das persoas usuarias”.

A organización sinala que a persistencia das filtracións pode derivar en deterioro irreversible de libros e documentos, así como en posibles incidencias nas instalacións eléctricas. Tamén alerta de problemas de salubridade asociados á humidade continuada.

Neste sentido, o coordinador autonómico de UCIN sostén que “a cultura non pode depender de parches nin de solucións provisionais ano tras ano” e engade que, ao seu xuízo, “o que se precisa é unha intervención integral e definitiva no inmoble”.

PETICIÓNS E EXPLICACIÓNS AO CONCELLO DE AMES

A formación reclama ao Goberno municipal de Ames que informe con detalle sobre as actuacións previstas para resolver esta situación, así como o calendario estimado para a súa execución. Considera que a veciñanza do Milladoiro “merece instalacións públicas dignas e en condicións óptimas, especialmente nun servizo básico como é unha biblioteca municipal”.

Finalmente, José Luis Calo instou ao executivo local a actuar “con carácter urxente” para evitar que os problemas se agraven co paso das semanas e ante as condicións meteorolóxicas do inverno. “A responsabilidade na xestión pública mídese tamén no coidado dos espazos culturais que vertebran a vida dunha comunidade”, concluíu.

ÚLTIMAS

Os CEIP e escolas unitarias de Santiago abren o curso con 4.299 escolares

O curso escolar comezou este mércores en Santiago con 4.299 nenos e nenas matriculados...

A USC dá por controlada a situación no San Clemente e agarda unha avaliación técnica para decidir as obras

A Universidade de Santiago de Compostela considera controlada a situación no Colexio Maior San Clemente...

Sanmartín evita entrar nas críticas de Pedro Blanco e pídelle que facilite a chegada directa de fondos de vivenda a Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, evitou este mércores entrar nun intercambio de declaracións...

A USC asegura o Colexio Maior San Clemente tras desprenderse parte da cornixa e da cuberta

A Universidade de Santiago de Compostela iniciou actuacións de urxencia no Colexio Maior San Clemente,...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

Colectivos veciñais de Ames esixen explicacións ao Concello pola desaparición do can ‘Gordo’

Colectivos veciñais e particulares de Ames reclamaron explicacións ao Concello polo paradoiro de 'Gordo',...

O BNG de Ames reivindica a memoria das vítimas do franquismo e alerta contra o seu branqueamento

A reivindicación da memoria das vítimas da represión franquista centrou un acto no que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here