InicioSANTIAGORosa Crujeiras e Maite Flores pasan á segunda volta nas eleccións á...

Rosa Crujeiras e Maite Flores pasan á segunda volta nas eleccións á reitoría da USC

O pase de Maite Flores á segunda volta produciuse por tan só 30 votos ponderados

Publicado o

Xornal de Compostela

USC vén de pechar a xornada de votación electrónica para a elección da nova reitora e fixo públicos os resultados definitivos tras o escrutinio. Ningunha das catro candidatas acadou a maioría absoluta —máis do 50% dos votos ponderados—, polo que o proceso continuará cunha segunda volta entre as dúas aspirantes máis apoiadas.

Segundo os datos oficiais, os resultados ponderados sitúan a Rosa Crujeiras en primeira posición cun 41% dos votos, seguida de Maite Flores, que obtivo un 21%. Tamén con 21% figura María José López Couso (aínda que con 33 votos ponderados menos que Flores), mentres que Alba Nogueira acadou o 15% dos apoios ponderados.

Resultados das eleccións na USC – USC
DISTRIBUCIÓN DO VOTO POR SECTORES

No reconto global, Crujeiras sumou 4.480 votos (985 ponderados), con especial respaldo no Sector I —profesorado doutor con vinculación permanente—, onde obtivo 459 apoios (19% do voto ponderado total). Tamén liderou no estudantado (Sector III), con 2.995 votos emitidos a favor da súa candidatura.

Flores reuniu 2.354 votos (536 ponderados), mentres que López Couso acadou 1.845 votos (503 ponderados). A diferenza entre ambas no cómputo ponderado foi de tan só 30 votos, o que determinou que sexa Flores quen pase á segunda volta. Nogueira sumou 1.567 votos (380 ponderados).

PARTICIPACIÓN FINAL: CASE O 96% NO PROFESORADO PERMANENTE E MÁIS DO 30% NO ESTUDANTADO

A participación global situouse no 37,49% do censo total (28.327 persoas), cun comportamento desigual segundo sectores.

O Sector I rexistrou unha participación do 95,94%, mentres que o Sector IV (PTXAS) alcanzou o 86,71%. No Sector II (resto do PDI) votou o 71,04% do censo.

Destaca especialmente o dato do Sector III, correspondente ao estudantado, cunha participación do 30,83% (7.190 votos a candidaturas), unha cifra superior á habitual en procesos electorais universitarios e que superou o 30% do censo estudantil.

FACULTADES CON MAIOR MOBILIZACIÓN DO ESTUDANTADO

No Sector III obsérvanse diferenzas significativas entre centros. A Facultade de Matemáticas rexistrou unha participación do 60%, mentres que na Facultade de Óptica e Optometría foi do 57,09%, situándose entre as máis elevadas do conxunto da USC.

Tamén superaron o 40% centros como Farmacia (41,97%) e Física (42,70%). Pola contra, noutras facultades a mobilización estudantil situouse por baixo do 25%.

A elevada participación en Matemáticas —onde é catedrática Rosa Crujeiras— e en Óptica —onde exerce como catedrática Maite Flores— coincide cos dous centros vinculados academicamente ás candidatas que pasan á segunda volta. A escasa diferenza no voto ponderado entre Flores e López Couso puido facer ao estudantado un factor determinante para configurar o resultado final da primeira volta.

ANTONIO LÓPEZ AGRADECE A ELEVADA PARTICIPACIÓN

Pola súa banda, o actual reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, celebrou o desenvolvemento da xornada electoral e felicitou ás candidatas Rosa Crujeiras e Maite Flores por pasar á segunda volta. Nun audio remitido aos medios, tamén trasladou o seu recoñecemento a María José López Couso e Alba Nogueira, ás que felicitou, do mesmo xeito que ás dúas finalistas, “por contribuír entre todas ao debate institucional ao redor do futuro da universidade”.

López destacou especialmente o nivel de mobilización rexistrado nesta convocatoria. “Temos ademais que congratularnos pola participación, con especial atención ao estudiantado, que superou o 28% do seu censo”, sinalou. Así mesmo, agradeceu o labor do persoal implicado na organización do proceso electoral, subliñando que na xornada “se demostrou a eficacia do voto electrónico como ferramenta incentivadora da participación”.

RENOVACIÓN INSTITUCIONAL

A votación desenvolveuse entre as 09:00 e as 18:00 mediante o sistema electrónico habilitado pola USC. Coincidindo coa elección á reitoría, tamén se celebraron as eleccións ao Claustro Universitario, máximo órgano de representación da comunidade académica; ás Xuntas de Centro e aos Consellos de Departamento.

A segunda volta decidirá quen asumirá a reitoría da USC nos próximos seis anos, nun proceso que mantén a mobilización da comunidade universitaria tras unha primeira votación marcada por unha participación elevada en varios sectores e por unha diferenza axustada na loita polo segundo posto.

ÚLTIMAS

A Xunta remítese á información pública sobre a planta de residuos de Cacheiras e evita concretar unha reunión coa veciñanza

A Consellería de Medio Ambiente da Xunta limitouse este luns a lembrar que a...

O Concello anuncia unha reunión “en breve” coa nova reitora da USC para reforzar a colaboración institucional

O Concello de Santiago manterá “en breve” un encontro coa nova reitora da Universidade...

O Concello de Santiago adxudica a conexión de Lavacolla á rede de auga e impulsa novas actuacións en parques e cultura

O Concello de Santiago vén de dar luz verde a varios acordos en materia...

O Compos impónse ao Arousa na Lomba e recupera o liderado cun dobrete de Guisande

O SD Compostela conseguiu un triunfo de relevancia na Lomba tras vencer por 0-2...

O Concello anuncia unha reunión “en breve” coa nova reitora da USC para reforzar a colaboración institucional

O Concello de Santiago manterá “en breve” un encontro coa nova reitora da Universidade...

Rosa Crujeiras convértese na primeira reitora da USC cunha gran “responsabilidade histórica”

A catedrática de Estatística Rosa Crujeiras tomou posesión este venres como nova reitora da...

O concurso do Conector Central avanza coa selección de cinco propostas finalistas

O proceso para a transformación do denominado Conector Central de Santiago de Compostela continúa...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here