InicioSUCESOSDesaloxan a comisaría da Policía Nacional de Santiago por un incendio

Desaloxan a comisaría da Policía Nacional de Santiago por un incendio

Ata o lugar desprazáronse 13 efectivos dos Bombeiros de Santiago

Publicado o

Xornal de Compostela
Un incendio declarado na comisaría da Policía Nacional de Santiago de Compostela, localizado nunha zona da planta inferior onde había pneumáticos almacenados, obrigou a desaloxar o inmoble situado na avenida de Rodrigo de Padrón e, máis tarde, a evacuar tamén o IES Rosalía de Castro e a Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O incendio mobilizou un operativo de emerxencias integrado por 13 efectivos do servizo municipal de bombeiros e xerou unha fumareda visible dende varios puntos da cidade.

Segundo explicou a comisaria xefa, Nuria Palacios, a voz de alarma activouse arredor das 10:00, momento no que se procedeu á evacuación controlada do persoal. “A orixe non o podemos determinar aínda. O que sabemos é que foi nunha zona por baixo da planta principal, nun soto, onde hai acumulación de pneumáticos. Por iso o fume é tan denso e está a provocar esta nube que é rechamante e super molesta”, indicou.

O dispositivo despregado inclúe 13 bombeiros que deben ir relevándose nas tarefas de extinción, xa que as condicións do lugar impiden permanecer durante períodos prolongados no interior. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que se desprazou ata o punto xunto coa comisaria, cualificou o fume de “tóxico” e sinalou que as tarefas de ventilación serán determinantes para dar por finalizada a intervención.

Pasadas as 11:30, procedeuse ao corte da praza na que se atopa o edificio, no ámbito do centro histórico compostelán, co obxectivo de facilitar o traballo dos equipos de emerxencia e garantir a seguridade na contorna.

En relación cos danos materiais, Palacios indicou que polo momento só hai constancia de afectación na planta baixa, aínda que precisou que “non os podemos valorar aínda”. A comisaria solicitou tamén “paciencia” ás persoas que tiñan cita na Oficina de Expedición do DNI e na Oficina de Estranxeiría, xa que descoñece cando poderá recuperarse a “normalidade” na actividade administrativa.

O lume mantense localizado nunha área concreta do inmoble, segundo trasladaron as autoridades no lugar dos feitos, mentres continúan as tarefas de control e ventilación para disipar o fume acumulado no interior do edificio. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, en declaracións aos medios, detallou que o lume está “absolutamente controlado” e apuntou a un curtocircuíto nunha das zonas de tiro da Comisaría como a causa do incendio.

EVACUACIÓN COMISARÍA E ORIXE

A voz de alarma deuse ao redor das 10.00 horas e, a continuación, procedeuse á evacuación da comisaría de forma “controlada”, cando se comprobou que non había persoal afectado. Posteriormente, pasadas as 11.30 horas, procedeuse ao corte da praza na que está emprazado o inmoble, situado no centro histórico. En relación a danos materiais, a comisaria só ten constancia polo momento da planta baixa. “Non os podemos valorar aínda”, indicou. Ademais, pediu “paciencia” ás persoas que tiñan cita na Oficina de Expedición do DNI e a Oficina de Estranxeiría, xa que descoñece cando se poderá retomar a “normalidade” na comisaría.

ÚLTIMAS

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

Centos de persoas protestan en Santiago contra a participación de médicos israelís nun congreso internacional

Máis de 200 persoas concentráronse este xoves en Santiago de Compostela para rexeitar a...

O PP de Santiago esixe a Sanmartín que condene os disturbios da Coruña e evite un posible boicot á Carreira Pedestre

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclamou á alcaldesa de...

Pedro Blanco propón reforzar a atención temperá e ampliar o lecer accesible en Santiago

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago de Compostela, Pedro Blanco, anunciou que...

Un menor resulta ferido tras ser atropelado na costa de San Domingos

Un menor resultou ferido este martes nun atropelo rexistrado na costa de San Domingos,...

A caída dunha árbore obriga a cortar a Avenida das Burgas no Campus Sur de Santiago

A caída dunha árbore de grandes dimensións provocou na mañá deste mércores o corte...

A Policía propón para sanción o dono dun local de Santiago por permitir o consumo de drogas no interior

O propietario dun establecemento de Santiago de Compostela foi proposto para sanción por permitir...