InicioCULTURAO podcast ‘No es el fin del mundo’ aborda en Santiago a...

O podcast ‘No es el fin del mundo’ aborda en Santiago a dimensión xeopolítica da física de partículas

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías organiza na Casa das Máquinas o primeiro episodio en directo en Galicia dun dos programas máis escoitados en español

Publicado o

Xornal de Compostela

O podcast ‘No es el fin del mundo’, un dos programas de divulgación máis seguidos en lingua española, chega por primeira vez a Galicia da man do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e da Xunta de Galicia. O evento celebrarase o xoves 19 de febreiro, ás 19:00, na Casa das Máquinas, en Santiago de Compostela, cun episodio en directo de acceso libre ata completar a capacidade do espazo.

A sesión estará conducida por Fernando Arancón, Alba Leiva e Eduardo Saldaña, integrantes do equipo do podcast, e centrarase na relación entre a física de partículas e nuclear e a xeopolítica ao longo da historia. O episodio analizará como esta disciplina científica condicionou o desenvolvemento tecnolóxico e influíu en decisións e procesos de alcance global, desde os inicios da revolución científica até os grandes avances dos séculos XIX e XX.

Ao longo da gravación abordarase o impacto social e político de fitos como a creación da bomba atómica ou accidentes como o de Chernóbil, así como a pegada que deixaron no imaxinario colectivo. Xunto a estes episodios, o programa repasará as aplicacións civís derivadas da investigación fundamental en física de partículas, entre elas os raios X, os escáneres PET, a radioterapia, a creación da world wide web, as pantallas táctiles, distintos tipos de sensores e detectores ou o desenvolvemento da computación avanzada e da xestión de grandes volumes de datos.

O contido do episodio tamén incluirá unha análise dos desafíos actuais e futuros asociados á chamada segunda revolución cuántica. Neste eido, tratarase o interese crecente das principais potencias polo desenvolvemento da computación cuántica, unha tecnoloxía chamada a transformar as comunicacións e a capacidade de procesamento dos sistemas informáticos.

‘No es el fin del mundo’ é un podcast semanal de divulgación internacional producido por El Orden Mundial, centrado na análise dos grandes fenómenos xeopolíticos contemporáneos desde múltiples enfoques temáticos. Desde o seu lanzamento en 2023, o programa publicou arredor de 250 episodios e consolidouse entre os máis escoitados en España. En 2025 foi recoñecido co Premio Ondas ao Mellor Podcast Conversacional e superou os 13,5 millóns de reproducións anuais en Spotify.

UN CENTRO CON PROXECCIÓN INTERNACIONAL

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías foi creado en 1999 coa finalidade de coordinar e impulsar a investigación en Física de Altas Enerxías, de Partículas e Nuclear, así como noutras áreas relacionadas como a Astrofísica, a Física Médica ou a Instrumentación. Na actualidade conta cun cadro de arredor de 140 persoas dedicadas á investigación teórica e experimental.

Desde a súa fundación, o Instituto mantén unha marcada orientación internacional e participa en grandes infraestruturas científicas como a Organización Europea para a Investigación Nuclear, da que é membro fundador do experimento LHCb. En 2025, o persoal do IGFAE recibiu, xunto ao conxunto da comunidade do CERN, o premio Breakthrough na categoría de física fundamental.

Ademais da súa actividade experimental, o Instituto colabora co CERN en investigación teórica en ámbitos como a cromodinámica cuántica, os neutrinos ou a física nuclear, e participa nos grupos de discusión sobre os futuros proxectos desta organización e na Estratexia Europea de Física de Partículas. O seu persoal tamén forma parte doutras iniciativas internacionais, como o Observatorio Pierre Auger, a colaboración LIGO ou os aceleradores GSI/FAIR, GANIL e FRIB.

O IGFAE foi recoñecido en 2017 e 2023 como Unidade de Excelencia María de Maeztu pola Axencia Estatal de Investigación, e integra a rede CIGUS da Xunta de Galicia. O centro conta con financiamento da Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.

ÚLTIMAS

Un percorrido polo simbolismo das estatuas do Mestre Mateo

Dúas estatuas repousan hoxe, senlleiras, no Museo do Pobo Galego. Abraham e Isaac —ou...

O persoal de Viaqua mobilízase en catro concellos galegos ante o “bloqueo” do convenio

O conflito laboral esténdese polos servizos de xestión de auga en Galicia. O cadro...

PP e PSOE alertan da caída dos indicadores turísticos de Santiago

Os grupos do PP e do PSOE coincidiron este mércores en advertir da evolución...

O Concello leva o patrimonio das parroquias de Santiago á hostalaría e aos centros educativos

O Concello de Santiago puxo en marcha o proxecto 'Compostela Iconográfica. Patrimonio Vivo nas...

Un percorrido polo simbolismo das estatuas do Mestre Mateo

Dúas estatuas repousan hoxe, senlleiras, no Museo do Pobo Galego. Abraham e Isaac —ou...

A biblioteca Anxel Casal acolle unha mostra sobre as últimas décadas do cómic checo

O conselleiro de Cultura, José López Campos, destacou este martes a aposta que está...

A Xunta inaugura no Arquivo de Galicia a mostra ‘Cousas do tempo’ con mapas meteorolóxicos históricos de Lavacolla

O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora xeral de Enerxías Renovables...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here