InicioSUCESOSA Policía Local detén unha moza con 140 gramos de cocaína tras...

A Policía Local detén unha moza con 140 gramos de cocaína tras unha intervención nun edificio da rúa da Rosa

A detida asegurou que a droga e o diñeiro intervido non eran da súa propiedade, mentres a persoa que a acompañaba na vivenda conseguiu fuxir e segue en busca policial

Publicado o

Xornal de Compostela

Axentes da Policía Local de Santiago de Compostela detiveron na mañá do domingo unha moza á que lle foron intervidos 140 gramos de cocaína e unha importante cantidade de diñeiro en efectivo durante unha actuación nun inmoble da rúa da Rosa, no Ensanche compostelán. A intervención produciuse tras unha alerta cidadá por unha discusión no interior do edificio.

Segundo fontes coñecedoras do operativo, cando as patrullas acudiron ao lugar localizaron á nova cunha bolsa que contiña a substancia estupefaciente e varios miles de euros. A muller manifestou ante os axentes que tanto a droga como o diñeiro pertencían a outra persoa que se atopaba con ela na vivenda. Ese individuo abandonou o inmoble antes da intervención policial e continúa en paradoiro descoñecido, polo que a investigación segue aberta.

Os feitos ocorreron nun edificio no que, segundo relataron residentes da zona, se viña detectando desde había meses un trasiego continuado de persoas, circunstancia que levantara sospeitas sobre a posible existencia dun punto de venda de drogas. A chamada que alertou da discusión no interior do inmoble, na que tamén se apuntaba a un posible caso de violencia de xénero, mobilizou varias patrullas policiais arredor das 10:00 da mañá.

De acordo coa información dispoñible, a persoa que fuxiu entregoulle previamente a bolsa á súa parella para que abandonase o edificio, mentres el escapaba por unha das fiestras. Posteriormente, decretouse unha orde de busca e captura contra el.

A muller, de nacionalidade española e estudante en Santiago, foi detida como presunta autora dun delito contra a saúde pública e posta a disposición xudicial. Tras declarar, quedou en liberdade sen medidas cautelares, ao considerar a autoridade xudicial que existe arraigo e que xa se practicaron as actuacións necesarias para a investigación.

QUEIXAS DOS VECIÑOS DO ENSANCHE

Veciños do Ensanche consultados sinalan que a presenza deste tipo de pisos xera situacións de inseguridade, con discusións frecuentes e concentración de persoas nas inmediacións dos edificios. Asociacións veciñais da zona levan tempo reclamando unha maior intervención policial ante a existencia doutros posibles puntos de venda de drogas nalgúns barrios da cidade.

Desde a Policía Local indicaron que a investigación continúa aberta co obxectivo de esclarecer completamente os feitos e determinar a responsabilidade das persoas implicadas.

ÚLTIMAS

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

Centos de persoas protestan en Santiago contra a participación de médicos israelís nun congreso internacional

Máis de 200 persoas concentráronse este xoves en Santiago de Compostela para rexeitar a...

O PP de Santiago esixe a Sanmartín que condene os disturbios da Coruña e evite un posible boicot á Carreira Pedestre

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclamou á alcaldesa de...

Pedro Blanco propón reforzar a atención temperá e ampliar o lecer accesible en Santiago

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago de Compostela, Pedro Blanco, anunciou que...

Un menor resulta ferido tras ser atropelado na costa de San Domingos

Un menor resultou ferido este martes nun atropelo rexistrado na costa de San Domingos,...

A caída dunha árbore obriga a cortar a Avenida das Burgas no Campus Sur de Santiago

A caída dunha árbore de grandes dimensións provocou na mañá deste mércores o corte...

A Policía propón para sanción o dono dun local de Santiago por permitir o consumo de drogas no interior

O propietario dun establecemento de Santiago de Compostela foi proposto para sanción por permitir...