InicioSANTIAGOAMESA Real Academia Galega e o Concello de Ames impulsan a cuarta...

A Real Academia Galega e o Concello de Ames impulsan a cuarta edición de ‘Modo galego, actívao!’ en once centros públicos

O programa involucra arredor de 2.700 escolares, preto de 300 docentes e máis de 200 profesionais da educación non formal, cunha aposta polo uso do galego en todos os ámbitos cotiáns

Publicado o

Xornal de Compostela

A Real Academia Galega e o Concello de Ames colaboran na cuarta edición da iniciativa ‘Modo galego, actívao!’, un programa dirixido a fomentar o uso da lingua galega entre o alumnado de educación infantil e primaria do municipio. A proposta abrangue este curso a uns 2.700 nenos e nenas dos 11 centros públicos de Ames.

A actividade arrancou tras a celebración do Día de Reis e prolongarase ata este venres, 6 de febreiro, coa implicación de arredor de 300 docentes e máis de 200 profesionais da educación non formal, segundo trasladou o consistorio. O programa propón unha aproximación global ao uso do idioma, promovendo que o galego estea presente durante o maior tempo posible en todas as situacións do día a día.

Neste sentido, o Concello subliñou que a iniciativa non se limita ao ámbito estritamente académico, senón que inclúe tamén espazos como o comedor escolar, as actividades extraescolares e mesmo o entorno familiar, co obxectivo de reforzar a presenza da lingua propia fóra da aula.

Desde os centros participantes destácase o impacto da iniciativa no alumnado. Luís Dobarro, responsable do CEIP de Ventín, un dos colexios incluídos no programa, sinalou que ‘Modo galego, actívao!’ “motiva aos nenos e nenas a asumir con aprecio o desafío de expresarse en galego” e apuntou que durante estes días “escóitase moito nas aulas, nos corredores ou no patio”.

A administración municipal salientou tamén o carácter integral do proxecto, ao contar coa participación simultánea de todos os centros educativos do concello, unha estratexia orientada a “animar a romper a falar a lingua propia” e a facer fronte á perda do 10% de galegofalantes iniciais detectada nos últimos anos.

Por outra banda, o Concello de Ames destacou que a Real Academia Galega traballa xa na extensión do programa a outros municipios galegos, entre os que se atopan Pontevedra, Carballo ou Rois. Ademais, puxo en valor a implicación da RAG noutras iniciativas de ámbito tecnolóxico, como a doazón de voces en galego ao ‘Proxecto Nós’, unha liña de traballo orientada a mellorar a presenza do idioma no ámbito dixital e favorecer a súa incorporación no desenvolvemento de aplicacións baseadas na Intelixencia Artificial.

ÚLTIMAS

Mil persoas participan na oitava edición da carreira lúdica ‘Holi Gaiás’

Ao redor de mil persoas participaron este sábado na oitava edición da carreira lúdica...

Un sinistro con catro coches deixa dous feridos en Compostela

Dúas persoas resultaron feridas e tiveron que ser trasladadas ao hospital tras un accidente...

O Concello presiona a adxudicataria para reactivar as obras da rúa García Lorca

O Concello de Santiago manterá a presión sobre a empresa responsable das obras da...

Detido por tres agresións sexuais cometidas no mesmo día no Milladoiro

A Garda Civil do Posto Principal de Milladoiro-Ames detivo a un home, de 45...

Detido por tres agresións sexuais cometidas no mesmo día no Milladoiro

A Garda Civil do Posto Principal de Milladoiro-Ames detivo a un home, de 45...

Ames adxudica por 251.039 euros a pavimentación dos viarios da aldea de Vilaverde

O Concello de Ames avanza no plan de mellora das infraestruturas municipais coa adxudicación...

Ames celebra o Orgullo LGBTIQ+ cunha programación de obradoiros, música e actividades xuvenís

O Concello de Ames desenvolverá os días 26 e 27 de xuño unha programación...