Unha muller de 39 anos resultou ferida na mañá deste mércores tras sufrir un accidente de tráfico cun turismo en Compostela. O sinistro produciuse nas proximidades do túnel do Hórreo, onde a ciclista tivo que recibir asistencia sanitaria antes de ser evacuada ao Hospital Clínico da capital galega.
Segundo a información facilitada polo 112, os feitos ocorreron pouco antes das 07:00, cando un particular contactou co servizo de emerxencias para comunicar que se producira unha colisión entre unha bicicleta e un coche nesta zona da cidade.
Durante a chamada, a persoa que deu a voz de alarma advertiu de que a ciclista se atopaba inconsciente despois do impacto, polo que se activou o dispositivo de asistencia para atender a ferida.
Tras recibir o aviso, o 112 trasladou a información ao 061 e á Policía Local de Santiago, que foron mobilizados para intervir no lugar do accidente.
A vítima, identificada coas iniciais M. M. D. e de 39 anos, recibiu unha primeira atención por parte dos profesionais sanitarios desprazados ata o punto do sinistro. Posteriormente, foi evacuada nunha ambulancia de Soporte Vital Avanzado ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, onde quedou baixo atención médica.

