InicioSANTIAGOO Concello de Santiago creará no primeiro semestre o Consello Municipal da...

O Concello de Santiago creará no primeiro semestre o Consello Municipal da Infancia

O novo órgano consultivo permitirá a participación directa de nenas e nenos nas políticas municipais e estará constituído antes de que remate o curso escolar

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago, a través do departamento de Dereitos Sociais, porá en marcha no primeiro semestre do ano o Consello Municipal da Infancia, un órgano estable de participación co obxectivo de garantir que as nenas e nenos poidan expresar a súa opinión e formar parte activa da vida municipal. O anuncio foi realizado este martes pola concelleira María Rozas, quen subliñou que esta iniciativa dá cumprimento á Convención dos Dereitos da Infancia, que recoñece o dereito dos menores a seren escoitados nos asuntos que lles afectan.

Segundo explicou a responsable municipal, a creación deste órgano insírese na liña de traballo desenvolvida polo goberno local en materia de participación cidadá durante o actual mandato. Nese contexto, lembrou a reactivación do Consello Municipal de Maiores, a recuperación do Consello Municipal de Cooperación, a actualización do regulamento do Consello Municipal de Mocidade tras máis de dúas décadas sen revisión e o impulso de iniciativas como os Orzamentos Participativos. Rozas destacou que a infancia constitúe un colectivo prioritario para a Concellaría de Servizos Sociais e que a participación debe ser garantida do mesmo xeito que outros dereitos básicos como a educación ou a saúde.

A concelleira presentou os detalles do procedemento acompañada pola xefa de servizo de Servizos Sociais, Teresa Furelos, e por Deloga, a consultora que se encargará de dinamizar o proceso participativo que precederá á constitución do Consello.

UN PROCESO EN PARTICIPACIÓN COS CENTROS EDUCATIVOS

O Consello Municipal da Infancia terá carácter consultivo e permitirá que os nenos e nenas poidan formular propostas, expoñer preocupacións e participar no deseño de accións municipais que lles afecten de maneira directa, ao tempo que se fomenta a aprendizaxe en valores democráticos.

Para a súa creación, o Concello activará un proceso participativo no que estarán implicados todos os centros educativos de educación primaria de Santiago, as ANPAS e as entidades do terceiro sector vinculadas á infancia. A folla de ruta inclúe varias fases. A primeira será a presentación da iniciativa aos centros educativos, cunha xuntanza convocada para o 3 de febreiro. Ademais, organizaranse sesións informativas dirixidas ao profesorado e distribuirase material explicativo para as familias.

Nunha fase posterior, desenvolveranse encontros co alumnado nos propios centros co obxectivo de explicar o proxecto, incentivar a participación e recoller propostas iniciais por parte dos menores.

GRUPO IMPULSOR E APROBACIÓN PLENARIA

O proceso continuará coa creación dun grupo impulsor, integrado por nenos e nenas de entre 9 e 12 anos —correspondentes a 4º, 5º e 6º de Primaria—, que poderán incorporarse por iniciativa propia ou a proposta do profesorado, das ANPAS ou das entidades sociais. Este grupo será o encargado de definir o funcionamento do Consello, os temas a tratar e a organización das reunións, así como de elaborar o futuro regulamento, que deberá ser aprobado polo Pleno da Corporación.

A previsión municipal é que todo o proceso quede culminado coa constitución formal do Consello Municipal da Infancia antes de que remate o curso escolar. Os integrantes do grupo impulsor poderán formar parte inicialmente do órgano como conselleiros e conselleiras infantís.

Ademais de recoñecer a participación da infancia como un dereito fundamental, este novo órgano pretende promover a igualdade de oportunidades, reforzar valores como a cohesión social e a corresponsabilidade, mellorar as políticas públicas incorporando a visión dos menores e crear canles estables de colaboración entre centros educativos, familias, profesorado, entidades sociais e a administración local.

As persoas interesadas en participar no proceso ou en solicitar máis información poden contactar a través do correo electrónico conselloinfancia@santiagodecompostela.gal ou do teléfono 604 04 73 37.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here