O BNG levou ao debate municipal dúas propostas centradas na seguridade das persoas peregrinas e no acceso á vivenda no concello de Ames. Por unha banda, a formación reclama a recuperación do trazado histórico do Camiño de Santiago a Fisterra ao seu paso polo lugar de Ventosa, na parroquia de Covas, e, pola outra, propón a aplicación dun recargo no IBI ás vivendas desocupadas de carácter permanente.
No caso do Camiño, o BNG sinala que a veciñanza de Ventosa leva tempo advertindo de que o percorrido actual non coincide co camiño tradicional, tal e como recolle a memoria popular e os testemuños de persoas maiores da parroquia. Segundo expón a formación nacionalista, este trazado histórico tería maior valor patrimonial e permitiría evitar o paso pola estrada principal, onde existe un punto especialmente perigoso para as persoas que realizan a ruta a pé.
En concreto, no núcleo de Ventosa as persoas peregrinas vense obrigadas a atravesar a estrada AC-453 nun tramo sen paso de peóns nin outras medidas de seguridade, nunha zona de escasa visibilidade situada entre dúas curvas. Desde o BNG advirten de que esta situación supón un risco evidente para a seguridade viaria e pode derivar en accidentes.
A voceira nacionalista, Escarlata Pampín, explicou que a formación considera necesario que o Concello de Ames, en colaboración coa veciñanza, asociacións da zona e entidades vencelladas ao Camiño, recompile información sobre o trazado histórico orixinal, avalíe a súa viabilidade como alternativa máis segura e proceda á súa sinalización, mantemento e promoción como opción preferente do Camiño de Santiago a Fisterra entre o Alto do Vento e Ventosa.
Por outra banda, o BNG tamén defendeu unha moción para regular un recargo no IBI ás vivendas desocupadas, co obxectivo de facer fronte á situación do mercado inmobiliario no concello. Pampín advertiu de que o incremento dos prezos da vivenda, tanto na compra como no alugueiro, está a provocar un fenómeno de “expulsión”, polo que moitas veciñas e veciños se ven obrigados a abandonar Ames para buscar alternativas noutros municipios.
Desde a formación nacionalista consideran socialmente inaceptable que, mentres existe unha demanda crecente de vivenda sen atender, haxa inmobles que permanezan baleiros de forma permanente, especialmente no caso de grandes tenedores. Ao seu xuízo, esta situación supón un uso ineficiente do solo urbano, frea o desenvolvemento social e económico do concello e incumpre a función social da propiedade.
A proposta do BNG pasa por definir como vivenda desocupada aquela que permaneza baleira durante máis de dous anos de forma continuada e sen causa xustificada, sempre que pertenza a titulares de catro ou máis inmobles de uso residencial. Así mesmo, a moción recolle unha serie de excepcións nas que non se aplicaría o recargo, como os traslados temporais por motivos laborais ou formativos, situacións de dependencia ou saúde, vivendas sometidas a litixio, inmobles en rehabilitación ou aqueles postos á venda por un máximo de un ano ou en alugueiro durante un máximo de seis meses a prezos de mercado.

