O Concello de Santiago de Compostela presentou este xoves a proposta coa que participará en Fitur 2026, unha estratexia orientada á promoción do turismo de congresos e encontros profesionais como unha das liñas prioritarias do modelo turístico da cidade. A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, explicou nunha rolda de prensa que a presenza compostelá na feira estará dirixida principalmente ao mercado profesional, tendo en conta o carácter especializado do certame.
Segundo detallou a edil, a proposta desenvolverase baixo o lema ‘Compostela é moito máis’, cunha mensaxe que busca posicionar a capital galega como un destino axeitado para o turismo MICE (reunións, incentivos, congresos e eventos), un segmento que, segundo indicou, presenta aínda marxe de crecemento en relación coa capacidade e calidade dos recursos existentes na cidade.
No ámbito do aloxamento, Louzao subliñou que Santiago dispón de arredor de 5.500 prazas hoteleiras, das cales 4.700 corresponden a establecementos de máis de tres estrelas, incluíndo hoteis históricos, de deseño ou vencellados á oferta gastronómica. A esta capacidade súmanse as infraestruturas específicas para congresos e reunións, que alcanzan unhas 5.000 prazas, distribuídas en equipamentos de distinta tipoloxía.
Entre os espazos destacados figuran grandes instalacións como o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, a Cidade da Cultura, o Recinto Feiral de Amio ou o Multiusos Fontes do Sar, xunto con auditorios e espazos culturais como o Auditorio de Galicia, o Auditorio Abanca ou a sede da SGAE. Tamén se inclúen instalacións universitarias, simbolizadas no Paraninfo da Universidade, así como espazos singulares e privados como o Pazo de San Lourenzo ou a Finca da Rocha, ademais de salas de congresos integradas en hoteis.
A concelleira puxo o foco nunha das salas do Palacio de Congresos, utilizada como imaxe principal da campaña, cun aforo para 1.580 persoas, dotada de cabinas de interpretación, un escenario de ata 300 metros cadrados, unha pantalla de 15 por 6 metros e unha potencia técnica de 120.000 vatios. O obxectivo, segundo explicou, é que este tipo de espazos, representativos do conxunto da cidade, estean ocupados o máximo tempo posible ao longo de todo o ano.
A proposta que se presentará en Fitur inclúe un audiovisual promocional no que se integran tanto estas infraestruturas como outros recursos turísticos da cidade, entre eles a Alameda, o río Sarela, prazas da cidade histórica, museos, así como elementos que reflicten a conectividade de Santiago, como o aeroporto Rosalía de Castro ou a estación intermodal Daniel Castelao.
Louzao incidiu en que a aposta polo turismo de congresos encaixa co modelo turístico que defende o goberno local, ao tratarse dun segmento que xera valor engadido, contribúe á desestacionalización e resulta compatible cun turismo sustentable, rendible e integrador coa vida cotiá da veciñanza. Neste sentido, explicou que o lema ‘Compostela é moito máis’ tamén pretende convidar o sector profesional a ampliar a mirada máis alá da catedral e da zona histórica, incorporando outros recursos patrimoniais, naturais e culturais da cidade.
Durante a rolda de prensa, a concelleira recoñeceu que non se dispoñen de datos globais exactos sobre o número total de visitantes asociados a este tipo de turismo, debido á diversidade de espazos organizadores, aínda que citou como exemplo congresos recentes que reuniron ata 5.000 participantes, así como outros encontros de menor tamaño. Neste contexto, lembrou o papel do Santiago de Compostela Convention Bureau, como organismo encargado de apoiar e acompañar a organización deste tipo de eventos.
A presentación oficial da proposta compostelá en Fitur terá lugar o mércores 21 ás 17:20, no pavillón da Xunta de Galicia, dentro da programación habitual da feira.

