InicioPOLÍTICAVerea acusa ao goberno local de buscar fins recadatorios coa instalación de...

Verea acusa ao goberno local de buscar fins recadatorios coa instalación de máis radares

O portavoz popular cuestiona o incremento previsto por multas e critica o balance e as propostas do executivo municipal para 2026

Publicado o

Xornal de Compostela

O portavoz do PP no Concello de Santiago, Borja Verea, compareceu este luns en rolda de prensa para valorar tanto a actualidade municipal como o balance presentado polo goberno local de BNG e Compostela Aberta para o ano 2026. A intervención estivo centrada no anuncio da instalación de máis radares na cidade e na previsión de incrementar de maneira significativa os ingresos por sancións, unha medida que o dirixente popular vinculou a un obxectivo recadatorio.

Segundo expuxo Verea, a previsión municipal de duplicar os ingresos por multas respecto de 2024 non responde a criterios de seguridade viaria. O portavoz do PP cuestionou que se xustifique a medida cando, segundo indicou, non se detectaron novos puntos negros nin un aumento de accidentes ou atropelos. “Se non hai afán recadatorio, a solución é moi sinxela: baixar o IBI na mesma cantidade que se incrementan as multas”, afirmou, insistindo en que así se demostraría que a prioridade é a seguridade e non a recadación.

Durante a súa intervención, Verea relacionou o incremento das sancións co que cualificou como aumento do gasto político no actual mandato. Nese sentido, asegurou que o número de asesores e altos cargos se duplicou desde a chegada do actual goberno, pasando de oito a quince asesores e de catro a dez directivos, aos que atribuíu retribucións de ata 75.000 euros anuais. O portavoz popular defendeu que unha redución destas partidas permitiría liberar recursos para servizos como a policía local, os bombeiros ou o transporte urbano, sen recorrer a máis multas.

O dirixente do PP tamén criticou o balance presentado polo executivo municipal para o vindeiro ano, ao considerar que non existe un proxecto común nin retos definidos. Neste contexto, cualificou como insuficiente o anuncio de que a alcaldesa reciba á veciñanza mediante citas limitadas a dous días ao mes, unha iniciativa que, ao seu xuízo, chega tras tres anos sen atención directa á cidadanía. “É unha tomadura de pelo”, afirmou, ao entender que a medida non responde ás demandas reais dos barrios.

Preguntado polos orzamentos municipais, Verea indicou que o seu grupo non recibiu ningún borrador e sinalou que o goberno local debe negociar as contas cos grupos que sosteñen o executivo. O portavoz popular subliñou que o PP conta cun proxecto alternativo de cidade, afastado do modelo que, segundo dixo, representan BNG, Compostela Aberta e PSdeG, e reiterou que as prioridades orzamentarias do seu grupo serían “completamente diferentes”.

Na quenda final, Verea insistiu en que, de existir unha verdadeira preocupación pola seguridade viaria, os radares deberían instalarse unicamente en zonas con maior sinistralidade, algo que, segundo indicou, non se corresponde coa situación actual da cidade. O portavoz concluíu reafirmando a posición do PP como alternativa de goberno e asegurou que manterá unha postura “unida e constante” en asuntos como o contrato da auga ou o transporte urbano no Concello de Santiago de Compostela.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

O PP denuncia a paralización das obras da rúa García Lorca e reclama medidas urxentes para garantir a seguridade viaria

O Grupo Municipal do Partido Popular de Santiago denunciou a situación das obras de...

O PSOE alerta dunha caída do turismo en Santiago e reclama medidas para reforzar o atractivo da cidade

O Grupo Municipal Socialista de Santiago expresou a súa preocupación polos datos rexistrados no...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here