InicioSANTIAGOAMESA cuarta edición de 'Modo Galego, actívao!' da comezo en Ames coa...

A cuarta edición de ‘Modo Galego, actívao!’ da comezo en Ames coa incorporación das escolas deportivas municipais

O proxecto impulsado pola Real Academia Galega e o Concello de Ames inicia unha nova xeira con máis de 2.700 escolares implicados e reforza o seu carácter transversal e avaliable

Publicado o

Xornal de Compostela

O CEP de Ventín acolleu este mediodía a presentación da cuarta edición de ‘Modo Galego, actívao!’, unha iniciativa de investigación-acción promovida pola Real Academia Galega e o Concello de Ames que ten como obxectivo fomentar o uso do galego entre a poboación máis nova e analizar os efectos das accións postas en marcha. O programa, que se desenvolve de maneira continuada desde 2023, implica alumnado, profesorado, familias e persoal de servizos complementarios dos centros públicos do municipio.

Un dos novos fitos desta edición é a incorporación das escolas deportivas de xestión municipal, ampliando así os espazos de intervención máis alá das aulas. A nova xeira comezará o luns vindeiro, coa sinatura por parte de arredor de 2.700 nenos e nenas do chamado “Acordo de compromiso lingüístico”, un documento que o propio alumnado negocia e concreta nas aulas como punto de partida dos retos do programa.

A experiencia conta tamén coa participación de case 300 docentes, desde educación infantil ata a ESO, e duns 200 profesionais da educación non formal, cuxa implicación é considerada clave para o desenvolvemento das actividades. Os retos propostos buscan crear contornas estimulantes, ofrecer referentes positivos e asociar o uso do galego a vivencias lúdicas que favorezan cambios nas actitudes lingüísticas.

En infantil e primaria, o alumnado afrontará retos diarios, que deberán cumprir nas seguintes 24 horas e que lles permitirán completar un mapa animado das parroquias de Ames mediante adhesivos. En secundaria, as propostas terán carácter semanal e estarán orientadas a descubrir contidos en galego vinculados aos intereses da mocidade.

INVESTIGACIÓN E CONTINUIDADE COMO EIXOS DO PROGRAMA

Durante o acto, o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, destacou que ‘Modo Galego, actívao!’ combina dinamización lingüística e investigación, ao partir do Mapa sociolingüístico escolar de Ames, elaborado no marco da colaboración iniciada en 2018 entre ambas institucións. Segundo explicou, o Seminario de Sociolingüística da RAG encárgase de avaliar os resultados de cada edición, o que permite axustar e mellorar o programa.

A coordinadora deste seminario, María López-Sández, puxo o acento na importancia da continuidade no tempo para acadar efectos visibles a medio prazo e sinalou o papel pioneiro do Concello de Ames ao manter e reforzar esta liña de traballo ao longo dos anos.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, subliñou o carácter replicable do modelo e expresou a vontade de que poida estenderse a outros municipios. Neste sentido, lembrou o recente protocolo de colaboración asinado entre a Real Academia Galega e a asociación de entidades locais Alingua, orientado a facilitar a reprodución da experiencia noutros concellos a partir da elaboración dos seus propios mapas sociolingüísticos escolares.

APOIO INSTITUCIONAL E PAPEL DA COMUNIDADE EDUCATIVA

As entidades promotoras fixeron tamén referencia á necesidade de contar coa implicación da Xunta de Galicia, responsable da xestión dos centros educativos. O secretario xeral da Lingua, Valentín García, salientou o valor de apoiar iniciativas xa contrastadas e indicou que a súa aparente sinxeleza require planificación, execución e avaliación para poder ser adaptada a outros contextos.

No acto interveu igualmente a directora do centro anfitrión, quen puxo en valor o compromiso da comunidade educativa do CEP de Ventín e sinalou que o éxito do programa depende da implicación conxunta do profesorado, das familias e do propio alumnado, entendendo o galego non só como materia escolar, senón como lingua de uso cotián dentro e fóra da escola.

ÚLTIMAS

‘A Santa’ de Asorey regresará a Galicia cen anos despois da súa creación

A Xunta de Galicia trasladará desde Uruguai a escultura 'A Santa', unha das obras...

Santiago entrega a Alba de Compostela nun acto dedicado a “todas” as vítimas do franquismo

O Concello de Santiago entregou este 25 de xullo, por cuarto ano consecutivo, as...

A USC reconstrúe dixitalmente a ‘Raíña Orante’ do mestre Mateo

Un proxecto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Centro de Investigación...

Santiago vive un multitudinario Día de Galicia entre tradición, política e festa

Como cada 25 de xullo, Santiago de Compostela celebrou o Día Nacional de Galicia...

Escarlata Pampín, candidata do BNG en Ames para “recuperar o impulso e o avance”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este mércores na presentación de Escarlata...

Ames percorre o Pazo da Peregrina nunha visita teatralizada arredor da pegada de Rosalía

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu o pasado sábado 20 de xuño unha...

A Xunta prevé abrir en agosto a senda peonil e ciclista entre a Intermodal e O Milladoiro

A Xunta de Galicia prevé poñer en servizo este verán, no mes de agosto,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here