O Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, en Bonaval, acolleu este 7 de xaneiro un acto de homenaxe a Castelao con motivo do 76º aniversario do seu pasamento. A convocatoria reuniu representantes institucionais, responsables culturais e público asistente nun encontro centrado na memoria, o legado político e cultural do intelectual rianxeiro e a súa vixencia no presente.
A apertura do acto correu a cargo do presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, quen comezou cunha intervención de agradecemento ás entidades participantes e cunha referencia ao proxecto de Estatuto de Autonomía impulsado nos anos vinte do século pasado. Seixas lembrou a iniciativa presentada por Enrique Rajoy dende o Concello de Santiago e destacou que en 1922 todos os concellos galegos se sumaron ao apoio ao estatuto, que podería ter convertido Galicia no segundo territorio do Estado con autogoberno, despois de Cataluña, de terse materializado.
Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, subliñou o carácter simbólico do espazo e definiu a Castelao como “unha forma de ver Galicia, entendela e defendela”. Formoso afirmou que a súa obra “retrata como ningunha outra a nosa forma de ser” e lembrou unha das reflexións máis coñecidas do autor: “Ningún idioma alleo poderá expresar os íntimos sentimentos. Se aínda somos diferentes é por obra e graza do idioma”. Na súa mensaxe, insistiu en que Castelao non pertence só ao pasado, senón que “é presente”, e que a súa figura “non divide, convoca e suma”.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, José López Campos, fixo referencia ao papel da tradición oral popular, lembrando a celebración do Día das Letras Galegas 2025, e amosou a súa satisfacción polos traballos desenvolvidos pola institución ao longo do último ano, entre eles a constitución da asociación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.
A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, centrou a súa intervención na necesidade de manter viva a memoria e de traer ao presente o pensamento de Castelao. “Cando unha persoa deixa pegada, non abonda con gardala, hai que revivila e traela ao presente”, afirmou, sinalando Bonaval como un lugar que “obriga a pensar” porque a memoria “ten terra, nomes propios e datas”. Sanmartín destacou que moitas das preguntas formuladas por Castelao seguen abertas 76 anos despois, como “que país somos, que país queremos ser ou que entendemos por dignidade”.
A rexedora compostelá subliñou tamén que o Concello de Santiago asume a herdanza de Castelao como unha responsabilidade colectiva, lembrando as iniciativas desenvolvidas ao longo do último ano para achegar o seu pensamento ás xeracións máis novas. Neste contexto, referiuse ao feito de que a estación intermodal de Santiago leve o nome de Daniel Castelao, unha decisión que, segundo indicou, “non é casual e fala dun país que se recoñece na súa historia”. Sanmartín evocou ademais a condición de exiliado e emigrante do autor, subliñando que esa experiencia o conecta directamente co presente, e concluíu que “lembrar a Castelao é tamén recordar que nada do que temos foi gratuíto”.
Durante o acto tomou tamén a palabra o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, quen afirmou que o legado de Castelao “non é só un recordo, é un triunfo”, asociado a unha Galicia orgullosa da súa lingua e solidaria coa súa xente. Blanco sinalou que os debuxos e escritos do autor “seguen chamándonos e inspirándonos” na construción do país.
Pechou a quenda de intervencións o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, cunha reflexión centrada na autonomía e no Estatuto. Santalices reivindicou ao longo da súa intervención a figura de Castelao como médico, humanista e cristián, matizando a interpretación de que abandonara a medicina por vocación humanitaria e defendendo que o fixo por problemas de visión, ao tempo que reclamou unha visión plural da súa traxectoria persoal e intelectual.
O acto concluíu cunha ofrenda floral na tumba de Castelao, situada no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, como xesto final dunha homenaxe institucional que volveu situar a figura do intelectual galego no centro do debate sobre a memoria, a identidade e o futuro de Galicia.

