InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO Consorcio de Santiago subvencionará 45 proxectos de rehabilitación a través do...

O Consorcio de Santiago subvencionará 45 proxectos de rehabilitación a través do programa ‘Ter É Manter’

A entidade interadministrativa destina 700.000 euros a actuacións en carpinterías, reixas e envolventes exteriores da Cidade Histórica, que mobilizarán máis de 2 millóns de investimento privado

Publicado o

Xornal de Compostela

O Consorcio de Santiago concederá axudas a 45 proxectos de rehabilitación no marco do programa ‘Ter É Manter’, unha liña de subvencións dirixida ao mantemento das envolventes exteriores e á restauración de carpinterías de madeira e reixas en edificios de titularidade privada situados na Cidade Histórica.

Segundo os datos da convocatoria, nas últimas semanas o persoal técnico do Consorcio elaborou a documentación necesaria e avaliou as 92 solicitudes rexistradas, das cales resultaron seleccionados 45 proxectos. O importe total das subvencións acada os 700.000 euros, unha achega pública que permitirá mobilizar un investimento privado estimado en arredor de 2,1 millóns de euros en actuacións de conservación e mellora do parque edificado.

As obras subvencionadas permitirán intervir sobre un total de 1.386 metros cadrados de carpinterías, dos cales 780 metros cadrados serán restaurados, mentres que o resto corresponderán a carpinterías de nova execución. Neste ámbito inclúense galerías, portas, fiestras interiores, contraventás e fiestras tradicionais enrasadas, elementos característicos da arquitectura histórica compostelá.

O programa contempla tamén a restauración de 175 metros cadrados de reixas, outro dos elementos singulares presentes nas fachadas e patios dos edificios do ámbito histórico.

REQUISITOS E PERSOAS BENEFICIARIAS

O programa ‘Ter É Manter’ está dirixido a propietarios, arrendatarios, titulares dalgún dereito de uso sobre os inmobles, así como a comunidades de propietarios. Para acceder ás axudas é necesario que os edificios estean situados dentro do ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica, conten cunha antigüidade superior aos dez anos e cumpran as condicións mínimas de seguridade estrutural e estanqueidade fronte á choiva.

As subvencións abranguen tanto a restauración ou reposición de elementos especiais e de interese arquitectónico, como carpinterías de madeira, galerías, portas de entrada e fiestras, como o mantemento de fachadas exteriores, patios interiores e cubertas. Ademais, inclúense actuacións orientadas á mellora da eficiencia enerxética, ao illamento acústico e á consolidación ou reposición das estruturas tradicionais de madeira.

Con esta nova convocatoria, o Consorcio continúa impulsando a conservación do patrimonio edificado privado da Cidade Histórica, combinando a protección dos valores arquitectónicos coa mellora das condicións de habitabilidade dos inmobles.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Catedral de Santiago e San Martiño Pinario abrirán as súas bibliotecas ao público con visitas guiadas este venres

O patrimonio bibliográfico de Santiago de Compostela será protagonista este venres 23 de outubro,...

Santiago acollerá en 2027 o Foro Consultivo Anual dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa

Santiago de Compostela será a sede en outubro de 2027 do Foro Consultivo Anual...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here