A campaña de sensibilización para a recollida de cartón pregado porta a porta en establecementos comerciais de Santiago de Compostela pechou o seu balance tras un mes de actuacións continuadas, desenvolvidas entre o 11 de novembro e o 9 de decembro de 2025. A iniciativa, promovida polo Concello de Santiago de Compostela coa colaboración de Coregal, permitiu contactar directamente con preto de mil locais de comercio, hostalaría e servizos e percorrer máis de medio cento de rúas da cidade.
Segundo os datos facilitados, as visitas porta a porta abrangueron diferentes ámbitos urbanos nos que se presta este servizo municipal, como o Ensanche, a Cidade Histórica, San Lázaro–Avenida de Lugo e Santa Marta–A Choupana. Do total de establecementos visitados, seis de cada dez correspondéronse con comercios, mentres que dous eran locais de hostalaría e outros dous pertencían ao sector servizos.
Durante as visitas, o persoal informador repartiu dípticos explicativos e caixas formativas cos pasos necesarios para o tratamento axeitado do cartón e o seu depósito correcto, co obxectivo de facilitar a adhesión a este servizo gratuíto e mellorar a separación de residuos na actividade diaria dos negocios.
INCREMENTO DE ADHESIÓNS AO SERVIZO
Ao inicio da campaña había arredor de 300 establecementos xa adheridos á recollida porta a porta. Ao remate do proceso, outros tantos manifestaron o seu interese en sumarse, polo que a previsión municipal é que desde comezos de 2026 o número total de locais participantes se achegue aos 500. O servizo permite adaptar a recollida ás necesidades de cada negocio, tanto en días da semana como en volume de cartón xerado.
Entre os locais que levan anos facendo uso do servizo, os resultados da Enquisa de satisfacción reflicten unha valoración elevada. O horario de recollida obtivo unha nota media de 8,89 e o servizo prestado por Coregal acadou un 8,65 nunha escala de 1 a 10. Ademais, o 97% dos establecementos entrevistados recomendarían o servizo a outros negocios.
A comodidade da recollida porta a porta, a conciencia ambiental do persoal e o cumprimento da normativa en materia de residuos figuran entre as principais motivacións para adherirse. Pola contra, entre as melloras sinaladas aparecen a posibilidade de ampliar os horarios de depósito e recollida para locais que pechan antes das 20:00, así como a necesidade de divulgar boas prácticas entre a veciñanza para evitar a acumulación doutros residuos xunto ao cartón.
Dende o Concello e a empresa concesionaria sinalan que se continuará a traballar na formación e información ambiental, co obxectivo de reforzar hábitos responsables de redución, reutilización e reciclaxe, en liña coas coñecidas 7Rs, e avanzar nun modelo de xestión de residuos máis sostible no ámbito urbano.

