O Concello de Santiago de Compostela aprobou esta mañá, na Xunta de Goberno Local, o expediente de licitación do novo contrato do servizo de transporte urbano, un dos procedementos administrativos de maior relevancia económica e técnica do mandato. Así o deron a coñecer en rolda de prensa a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, quen destacaron a complexidade dun proceso que conta cun orzamento base de licitación superior aos 128 millóns de euros e unha duración prevista de 13 anos.
A alcaldesa subliñou que se trata dunha noticia “moi agardada” tanto pola veciñanza como polo propio goberno municipal e recoñeceu que o inicio da licitación “gustaríanos que chegase antes”, aínda que incidiu en que foi necesario un traballo prolongado para resolver cuestións técnicas e xurídicas co obxectivo de garantir a solidez do expediente.
Un dos elementos centrais do novo contrato é o cambio de modelo contractual. O Concello opta por renunciar á concesión administrativa e pasar a un contrato de servizos, de carácter mixto de servizos e obras. Segundo explicou Sanmartín, esta decisión responde á vontade de manter tarifas accesibles para fomentar o uso do transporte colectivo e reducir o vehículo privado. Ao asumir o Concello máis do 50 % dos ingresos do servizo mediante subvención, a empresa adxudicataria non soportará o risco operacional, circunstancia que, segundo a normativa vixente e os informes técnicos, obriga a empregar a fórmula do contrato de servizos.
O contrato inclúe tamén a execución de infraestruturas asociadas á electrificación da flota, como a construción dunha instalación de recarga para autobuses eléctricos e dun sistema de subministración de gas para os vehículos que empreguen este combustible. Estas obras xustifican, segundo o goberno local, o carácter mixto do contrato.
No plano do servizo, o novo modelo mantén o deseño do mapa de liñas xa presentado publicamente, co obxectivo de reducir solapamentos e ampliar a cobertura territorial. Entre as principais novidades figuran a creación da liña Transantiago, que conectará os límites do termo municipal entre Milladoiro e Sigüeiro con frecuencias superiores aos 30 minutos; a posta en marcha de tres liñas alimentadoras no rural, para mellorar o acceso das parroquias ao transporte urbano; o reforzo do servizo aos polígonos industriais; o mantemento da liña lanzadeira ao aeroporto, e a incorporación dun servizo nocturno de autobús, de mércores a sábado, con circulación ata as 05:00 nas principais liñas circulares.
Pola súa banda, Xan Duro afondou nas melloras técnicas do contrato, destacando especialmente a renovación integral da flota. O novo servizo contará con 67 autobuses, sete deles de reserva, fronte aos 43 actuais. Do total, 18 serán eléctricos e o resto funcionarán con gas natural comprimido, en liña cos criterios europeos de sustentabilidade e loita contra o cambio climático. O prego establece, ademais, vehículos de menor tamaño para determinadas liñas urbanas e rurais, así como a obrigatoriedade de piso baixo, rampas dobres e sistemas de accesibilidade óptica e acústica.
A empresa adxudicataria disporá dun prazo de doce meses para subministrar os vehículos definitivos, polo que durante o primeiro ano o servizo prestarase con autobuses provisionais, distintos aos actuais, cuxa calidade tamén será avaliada no proceso de licitación. Segundo indicou o concelleiro, a implantación do novo mapa de liñas suporá unha mellora inmediata do servizo, mesmo antes da chegada da flota definitiva.
Outro dos piares do contrato é a renovación completa do sistema de información ao usuario, incluíndo unha nova plataforma dixital e unha aplicación móbil con xeolocalización en tempo real, actualización constante dos horarios, incidencias, frecuencias e tempos de paso, co obxectivo de incrementar a fiabilidade do servizo.
No ámbito económico, o Concello prevé unha achega anual ao servizo que oscilará entre os 8,3 millóns de euros e máis de 10 millóns ao final do contrato. Este esforzo permitirá conter as tarifas: o billete ordinario sen bonificación terá un prezo estimado de 1,40 euros, o billete escolar de 0,56 euros, mentres que co bono ordinario o custo por viaxe situarase en 0,63 euros. O bono mensual, con viaxes ilimitadas durante 30 días, quedará en 35 euros. A liña específica ao aeroporto terá un prezo de 6 euros por traxecto e 10 euros ida e volta, mantendo tamén 100 viaxes gratuítas anuais para persoas pensionistas, cun prezo reducido a partir desa contía.
En canto aos prazos, o goberno municipal explicou que, unha vez publicado o expediente na Plataforma de Contratación do Estado, comezarán a contar os días hábiles para a presentación de ofertas, sen fixar un calendario pechado debido á posibilidade de recursos ou emendas. En todo caso, Sanmartín indicou que a previsión é que o contrato quede adxudicado ao longo de 2026, coa intención de axilizar ao máximo os trámites que dependen do Concello.

