InicioECONOMÍAO Pleno debate o pagamento das horas extras a policías e bombeiros...

O Pleno debate o pagamento das horas extras a policías e bombeiros entre críticas: “Non é diñeiro, son dereitos”

Publicado o

Xornal de Compostela

O Pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou este xoves o levantamento do reparo formulado pola Intervención Xeral no seu informe número 1875/2025 para facer efectivo o pagamento das gratificacións por servizos extraordinarios e traballo en días festivos correspondentes a distintos colectivos municipais. A proposta saíu adiante cos votos favorables de BNG, Compostela Aberta e PSOE, mentres que o PP e os concelleiros non adscritos optaron pola abstención.

O expediente inclúe o aboamento das gratificacións da Policía Local e do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento correspondentes aos meses de xuño a outubro de 2025, así como as pendentes pola festividade de outubro dese mesmo ano. Ademais, contempla tamén o pagamento das gratificacións do persoal de Administración Xeral polos servizos extraordinarios realizados entre xaneiro e outubro de 2025.

O concelleiro de Facenda, Manuel César, detallou no Pleno que o importe das gratificacións que se sometían a aprobación ascendía a 842.517,54 euros, que se suman aos máis de 2,17 millóns de euros xa aprobados con cargo ao exercicio 2025, elevando o total ata 3.013.989,37 euros. Segundo explicou, estas cantidades superan os límites inicialmente establecidos polo Pleno, motivo polo que foi necesaria a súa aprobación expresa. César defendeu que con este expediente “por primeira vez nos últimos anos, regularízase o pagamento das gratificacións”, cualificando a medida como “un logro deste goberno”.

Na súa intervención, o responsable de Facenda vinculou a elevada acumulación de horas extraordinarias á redución progresiva de efectivos nos últimos anos, especialmente en Policía Local e Bombeiros, unha situación que cualificou de “endémica” e relacionada coa aplicación da taxa de reposición. César sinalou que o actual goberno iniciou unha recuperación das plantillas e asegurou que se están a axilizar as convocatorias para cubrir vacantes, nun contexto marcado tamén polo aumento da actividade social, festiva e política na cidade.

Desde a oposición non adscrita, Gonzalo Muíños criticou con dureza o enfoque do goberno local e rexeitou que o conflito laboral poida reducirse a unha cuestión económica. “Non é dinheiro, son dereitos”, afirmou, insistindo en que as gratificacións corresponden a traballo xa realizado e que o Concello ten a obriga de pagalo “en tempo e forma”. Muíños asegurou que o seu voto non impediría o pagamento, pero responsabilizou ao goberno local dunha “neglixente xestión contable” e dunha falta de diálogo que, ao seu xuízo, agravou o conflito cos corpos de seguridade.

O Grupo Municipal Socialista, pola súa banda, apoiou o levantamento do reparo, cualificando de “boa noticia” o pagamento das gratificacións, pero advertiu de que o recurso sistemático ás horas extraordinarias revela un problema estrutural. A concelleira Marta Abal reclamou medidas inmediatas para incrementar os efectivos, en especial no Servizo de Extinción de Incendios, coa convocatoria das prazas vacantes pendentes e a análise de todas as vías legais dispoñibles para reforzar as plantillas. Abal subliñou que o obxectivo debe ser reducir as horas extras e garantir o descanso e a saúde do persoal.

Desde o PP, Evaristo Ben expresou o recoñecemento ao traballo de policías e bombeiros, pero puxo en dúbida a xestión do goberno local e a tramitación do expediente. O concelleiro popular sinalou deficiencias na autorización e xustificación das horas extraordinarias e asegurou que a cidade está a vivir situacións “sen precedentes”, como o peche puntual do parque de bombeiros ou de infraestruturas viarias, que vinculou á falta de efectivos e á maneira de afrontar o conflito por parte do executivo municipal.

Na quenda de réplica, Manuel César rexeitou as críticas e defendeu que o Concello está a cumprir cos dereitos recollidos nos acordos reguladores, lembrando que en mandatos anteriores tamén se produciron atrasos no pagamento das horas extras. O concelleiro reiterou o compromiso do goberno local de avanzar no incremento das plantillas dentro das limitacións orzamentarias e xurídicas existentes.

ÚLTIMAS

A Xunta reunirase co arquitecto das gárgolas do Hostal para revisar a solución aplicada

A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia manterá ao longo desta semana unha...

Un operario resulta ferido tras caer dunha estada en Vista Alegre e é trasladado ao hospital

Un operario resultou ferido este martes pola mañá tras sufrir unha caída dende unha...

O aeroporto de Santiago cesa a súa actividade ata finais de maio e cede voos ao da Coruña

Aena pechará desde este xoves, día 23 de abril, e até o 27 de...

A Xunta dá luz verde ao proxecto de Mallou en Santiago con máis de 3.600 vivendas

O Consello da Xunta aprobou inicialmente o proxecto de interese autonómico (PIA) para desenvolver...

Sanmartín defende o papel do Concello na captación de rutas e pide máis implicación da Xunta no aeroporto compostelán

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, respondeu ás críticas formuladas por Partido Popular e...

O Centro de Investigación Mestrelab de Santiago atrae 56 científicos e impulsa a creación de 27 empregos desde 2024

O Centro de Investigación Mestrelab (CIM), situado en Santiago de Compostela, acadou nos seus...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here