InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO Concello de Santiago rexeita os recursos polos edificios en ruína da...

O Concello de Santiago rexeita os recursos polos edificios en ruína da Praciña das Penas, San Roque e Loureiros

A Xunta de Goberno Local confirma a denegación das licenzas de rehabilitación, aproba revisións de prezos en limpeza e lixo, adxudica o mantemento de TAO 2.0 e realiza novos acordos en persoal e subvencións

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela acordou este luns rexeitar os recursos de reposición presentados contra a denegación das licenzas de rehabilitación de tres inmobles catalogados con nivel 4 de protección do Plan Especial da Cidade Histórica, situados na Praciña das Penas número 5, San Roque número 23 e Loureiros número 14. Os recursos foran interpostos pola mesma comunidade de herdeiros, propietaria dos edificios.

Segundo explicou en rolda de prensa a concelleira de Turismo, Urbanismo e Cidade Histórica, Míriam Louzao, o expediente arrástrase desde hai máis de dúas décadas. O Concello xa advertira en 2002 á propiedade do incumprimento dos deberes de conservación, iniciándose un proceso que quedou interrompido en varias ocasións sen que se executasen actuacións de rehabilitación, mentres os inmobles continuaban a degradarse. En 2011, os edificios foron incluídos no Rexistro de Soares e Edificios a Rehabilitar, decisión avalada en 2013 por unha sentenza xudicial que rexeitou o recurso da propiedade ao non xustificar o incumprimento da obriga de edificar.

Tras novos anos sen intervención, o Concello declarou en febreiro de 2024 o incumprimento do deber de conservación e reincorporou os inmobles ao rexistro en abril dese mesmo ano. A propiedade solicitou licenza de rehabilitación entre xaneiro e febreiro de 2025, mais os informes técnicos do Servizo de Licenzas e os ditames da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico foron desfavorables, ao detectar incumprimentos substanciais da normativa urbanística e de protección patrimonial. A Xunta de Goberno Local denegou as licenzas e acordou posteriormente a venda forzosa mediante poxa pública, procedemento que quedou suspendido por decisión xudicial tras un novo recurso contencioso.

Louzao detallou que o recurso de reposición presentado en maio non era o instrumento axeitado para introducir modificacións de fondo nos proxectos e subliñou que a Lei do Solo de Galicia establece un procedemento imperativo para estes casos. A concelleira lembrou que a declaración de incumprimento dos deberes urbanísticos, notificada en 2024, impide que a solicitude posterior dunha licenza paralice o proceso de intervención municipal, ao tempo que priva á propiedade da posibilidade de patrimonializar a edificabilidade dos soares.

No ámbito da contratación, a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente para a adxudicación, mediante procedemento negociado sen publicidade, do Servizo de Mantemento do Software da Plataforma de Administración Electrónica TAO 2.0, cun orzamento base de licitación de 486.639,35 euros e unha vixencia de 12 anos.

Tamén se autorizou a revisión de prezos do contrato do Servizo de Recollida de Lixo e Limpeza Viaria, conforme ao previsto nos pregos. No caso do lote 1, adxudicado a Orbacer, a revisión ten efectos desde o 11 de xuño de 2024 e supón un incremento de 432.212,93 euros sobre o facturado en 2024 e de 777.983,28 euros anuais para cada exercicio seguinte, situando o importe anual con IVE en 9.909.242,76 euros. O lote 2, correspondente á recollida de papel e cartón e adxudicado a Cogami Reciclado de Galicia SL, incrementa o seu custo mensual en 3.236,11 euros desde o 2 de xuño de 2024, ata acadar un importe anual de 494.622 euros.

A concelleira precisou que estas cantidades non inclúen os descontos aplicados por incumprimentos de calidade, que entre xaneiro e setembro sumaron máis de 128.000 euros. Neste contexto, lembrou que a recadación municipal pola taxa do lixo sitúase en algo menos de 6,5 millóns de euros, fronte a un custo do servizo próximo aos 10 millóns, e vinculou esta diferenza á negativa do PP e do PSOE a apoiar a proposta de ordenanza fiscal presentada polo Goberno local para adecuar a taxa ás exixencias da normativa estatal de residuos.

Noutro orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local acordou o nomeamento de Guillermo Tato González como director da Asesoría Xurídica do Concello, tras a convocatoria do posto por concurso de libre designación. Tato pertence ao Corpo Superior de Administración da Xunta de Galicia, escala de letrados, e conta con experiencia no Consello Consultivo e na formación na Escola Galega de Administración Pública.

En materia de subvencións, aprobáronse os expedientes xustificativos de varios convenios de colaboración con entidades sociais e deportivas, así como dúas resolucións de xustificación da convocatoria de axudas a clubs e asociacións, que suman 329.999,73 euros e benefician a 56 entidades. Ademais, o Concello acordou solicitar unha subvención á Consellería de Sanidade para un proxecto de prevención de condutas aditivas dirixido á mocidade, cun orzamento de 271.000 euros para o período 2025-2028.

Finalmente, por vía de urxencia, aprobáronse as bases do concurso de escaparates de Nadal correspondente á campaña 2025-2026, completando unha sesión da Xunta de Goberno Local marcada por decisións en urbanismo, contratación e apoio ao tecido social e deportivo da cidade.

ÚLTIMAS

Santiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos ao longo de todo o ano

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e a directora do...

Convocan unha mobilización en Santiago contra o colapso sanitario: “Ou nos mobilizamos ou a sanidade seguirá destruída”

A Plataforma SOS Sanidade Pública convocou unha concentración para o domingo 1 de febreiro...

O Concello de Santiago adxudica a Eulen o contrato de dinamización da rede de centros socioculturais

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou a adxudicación do contrato de...

O Premio Literario San Clemente distingue tres obras elixidas polo alumnado de Bacharelato

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e o secretario xeral...

O CIFP Compostela transformou en compost case 10 toneladas de residuos orgánicos ao longo de 2025

O CIFP Compostela transformou durante o ano 2025 un total de 9.750 quilos de...

O Museo Catedral de Santiago pecha 2025 cun novo récord de visitantes

O Museo Catedral de Santiago pechou o ano 2025 cun total de 446.518 visitantes,...

Os socialistas piden ao Goberno local a reposición da escultura ‘Maternidade’ e da placa histórica de Área Central en Fontiñas

O Grupo Municipal Socialista de Santiago trasladou esta mañá a súa preocupación pola ausencia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here