InicioCULTURASantiago impulsa tres paseos literarios para recuperar a memoria da escritora e...

Santiago impulsa tres paseos literarios para recuperar a memoria da escritora e xornalista Concha Castroviejo

O Concello presenta a iniciativa 30 anos con Concha Castroviejo, con rutas guiadas, lectura de textos e actividades para a mocidade entre o 10 e o 13 de decembro

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago presentou este martes unha nova iniciativa dedicada a rescatar a figura de Concha Castroviejo, escritora, xornalista e crítica literaria compostelá falecida hai 30 anos. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, explicou que o obxectivo é difundir a traxectoria dunha autora “atrevida e adiantada ao seu tempo”, cuxa vida e obra continúan a ser pouco coñecidas mesmo dentro da cidade.

A actividade, impulsada pola área de Igualdade e desenvolvida pola cooperativa MAUS, estrutúrase en tres paseos literarios que permitirán percorrer lugares vinculados á biografía de Castroviejo. As sesións celebraranse o mércores 10 e o venres 12 ás 18:30, e o sábado 13 ás 12:00, con 30 prazas por quenda e inscrición previa. Son propostas de balde e pensadas para público adulto.

Sanmartín salientou que Castroviejo, autora de novelas como Los que se fueron ou Víspera del odio, “rompeu prexuízos”, desenvolveu unha carreira independente e mantivo un posicionamento firme a favor da legalidade republicana e en contra do golpe franquista, feito que marcou parte da súa vida e o seu exilio. A rexedora lembrou tamén a súa relevancia como pioneira no xornalismo compostelán e na crítica literaria estatal.

A cooperativa MAUS, representada por Xiana Iglesias, detallou o contido dos paseos, que tomarán como punto de partida a Praza de Conxo Terrabia e rematarán na Casa Europa, en Vista Alegre. As rutas combinarán contexto biográfico, referencias espazo-temporais e a lectura de fragmentos da autora.

Iglesias definiu a Castroviejo como “unha das grandes escritoras compostelás do século XX”, lembrando que Borobó xa a situaba como referente literaria dunha xeración. Subliñou o seu papel como primeira muller da cidade que asinou crónicas xornalísticas, a súa defensa do divorcio e a súa capacidade para narrar experiencias extremas como o exilio. A traxectoria da autora desenvolveuse entre Santiago, Francia, México e Madrid, onde concluíu a súa carreira profesional.

Nos paseos participará a xornalista compostelá Marga Tojo, quen lerá textos de Castroviejo e outros escritos para a ocasión, e tamén intervirá, na sesión do día 10, Nina Santos, sobriña da autora e figura clave para acceder á documentación familiar empregada na investigación.

ACTIVIDADES PARA A MODALIDADE E MATERIAIS DIVULGATIVOS

Ademais dos itinerarios literarios, MAUS preparou unha xincana sobre a vida de Castroviejo, baseada no libro El jardín de las siete puertas e pensada para rapazada de 12 a 16 anos, cunha versión presencial na zona vella e outra en formato online, accesibles a través da web do CIM.

As persoas interesadas en participar nas rutas deberán inscribirse no formulario dispoñible en www.i.gal/concha. O Concello difundirá tamén uns folletos elaborados polo CIM de Santiago, nos que se recolle unha cronoloxía da vida da autora, marcada polo exilio republicano e a súa intensa actividade xornalística.

ÚLTIMAS

Santiago presenta a campaña ‘Compostela con Palestina’ para manter visible a situación en Gaza

O Concello de Santiago de Compostela presentou este mércores a campaña 'Compostela con Palestina',...

Unha ciclista de 39 anos resulta ferida tras colidir cun coche nas proximidades do túnel do Hórreo

Unha muller de 39 anos resultou ferida na mañá deste mércores tras sufrir un...

Un libro percorre 31 cúpulas de Santiago para descubrir o patrimonio arquitectónico menos visible da cidade

Santiago de Compostela conta cun patrimonio arquitectónico que vai máis alá das fachadas e...

Madrid desaloxa a acampada pola vivenda, pero Santiago resiste: “Non temos intención de marchar”

O desaloxo dunha acampada non significa necesariamente o final dunha mobilización. Mentres na Porta...

Cineuropa celebra os seus 40 anos en Santiago con máis de 150 películas, retrospectivas e homenaxes ao cinema internacional e galego

O festival Cineuropa cumprirá 40 edicións cunha programación de máis de 150 películas repartidas...

O loito polo accidente de Urda obriga a aprazar o concerto de Kid Mount en Santiago: que pasará coas entradas?

O Concello de Santiago decidiu aprazar o concerto de Kid Mount previsto para este...

Clara Cantore presenta en Santiago ‘Regreso’, un disco que une as raíces musicais arxentinas e galegas

A cantante e compositora Clara Cantore presentará este venres, 30 de outubro, en Santiago...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here