InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOÁvila acolle a celebración polo 40 aniversario da declaración de Santiago, Segovia...

Ávila acolle a celebración polo 40 aniversario da declaración de Santiago, Segovia e Ávila como Cidades Patrimonio Mundial

A alcaldesa Goretti Sanmartín reivindica os retos de Santiago como cidade histórica viva nun acto que reuniu representantes das quince cidades do grupo estatal

Publicado o

Xornal de Compostela

O Centro de Congresos e Exposicións Lienzo Norte, na cidade de Ávila, converteuse este sábado no punto de encontro das Cidades Patrimonio da Humanidade para conmemorar os corenta anos da súa primeira declaración pola Unesco. O aniversario lembra o recoñecemento simultáneo, en decembro de 1985, dos cascos históricos de Santiago de Compostela, Segovia e Ávila, que abriron posteriormente o camiño á creación do actual grupo de quince cidades.

Ao acto asistiron representantes municipais das localidades que integran a asociación, entre eles a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, que compartiu escenario cos alcaldes de Ávila, Segovia, Salamanca e Toledo, ademais de concelleiros doutros municipios. A Sala Sinfónica reuniu autoridades e público nun evento que combinou intervencións institucionais cun programa musical e teatral no que participaron formacións das tres cidades protagonistas da efeméride.

A celebración incluíu actuacións da soprano Estela Araceli Vicente Díaz e da pianista Bohdan Syroyid, do Orfeón Terra a Nosa —dirixido por Luis Martínez, con Juan Manuel Varela ao piano— e da Escolanía de Segovia xunto coa Orquesta Sinfónica de Segovia, que presentaron a obra El misterioso asesinato del tosedor de conciertos baixo a dirección escénica de Alberto Sagredo.

Antes do inicio do espectáculo, os alcaldes e alcaldesa de Ávila, Santiago e Segovia subliñaron o significado do título Unesco como mandato compartido de preservación e divulgación do patrimonio. O alcalde anfitrión, Jesús Manuel Sánchez Cabrera, lembrou a responsabilidade cidadá na conservación dos bens culturais e expresou o desexo de que esta conmemoración marque “un novo capítulo de traballo conxunto” entre as cidades.

No mesmo sentido, Goretti Sanmartín apuntou que Compostela “continúa afrontando retos decisivos para garantir a súa continuidade como Cidade Histórica viva”. Referiuse á necesidade de protexer a autenticidade do centro histórico, manter o tecido social e comercial, equilibrar o uso turístico coa vida cotiá, avanzar na loita contra o cambio climático e mellorar a habitabilidade e o dereito ao descanso. Para a rexedora, estes desafíos son parte esencial da responsabilidade que implica manter o recoñecemento internacional.

O presidente do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e alcalde de Segovia, José Mazarías, definiu as tres cidades declaradas en 1985 como “irmás xemelgas” e destacou que a familia medrou ata quince integrantes. Defendeu tamén o carácter “compacto” da entidade, que traballa de maneira coordinada para promover e protexer o patrimonio histórico e cultural común, así como para procurar respostas aos retos que comparten.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Catedral de Santiago e San Martiño Pinario abrirán as súas bibliotecas ao público con visitas guiadas este venres

O patrimonio bibliográfico de Santiago de Compostela será protagonista este venres 23 de outubro,...

Santiago acollerá en 2027 o Foro Consultivo Anual dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa

Santiago de Compostela será a sede en outubro de 2027 do Foro Consultivo Anual...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here