InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIORomaño acolle o primeiro Campionato Mundial do Ghaiteiro Petroleiro, un evento que...

Romaño acolle o primeiro Campionato Mundial do Ghaiteiro Petroleiro, un evento que recupera a memoria creativa do ‘Nunca Máis’

O torneo, organizado por ‘Unha Gran Burla Negra’ e apoiado polo Concello, desenvolverase do 20 ao 22 de novembro con xogos, obradoiros e unha exposición sobre a baralla artística inspirada na catástrofe do Prestige

Publicado o

Xornal de Compostela

O Centro Cívico do Romaño, en Vista Alegre, converterase esta semana no epicentro dun encontro lúdico e cultural que reivindica a memoria social da catástrofe do Prestige. Trátase do I Campionato Mundial do Ghaiteiro Petroleiro, unha iniciativa promovida pola Asociación Cultural ‘Unha Gran Burla Negra’ coa colaboración da Concellería de Centros Socioculturais. O evento celebrarase entre o xoves 20 e o sábado 22 de novembro, e combinará competición, actividades familiares e unha exposición inédita arredor da baralla artística que dá nome ao torneo.

O concelleiro Xan Duro presentou o programa este mércores, coincidindo cos 23 anos do afundimento do petroleiro ‘Prestige’. Lembrou que a proposta forma parte dun traballo máis amplo para “recuperar, conservar e poñer en valor o arquivo creativo da mobilización cidadá” que xurdiu fronte á marea negra. O edil subliñou o papel que xogou a Plataforma Contra a Burla Negra, xurdida do ámbito cultural, e destacou que iniciativas como esta permiten “manter viva a memoria daquel novembro de 2002, que non pode quedar esquecida”.

UN XOGO ARTÍSTICO CONVERTIDO EN ARQUIVO COLECTIVO

O Ghaiteiro Petroleiro é unha baralla de 125 cartas creada en 2003 como resposta satírica á crise do Prestige. Na súa recuperación recente participaron máis de 80 artistas, ilustradoras e deseñadoras, configurando un arquivo visual que combina memoria, humor e crítica social.

O presidente de ‘Unha Gran Burla Negra’, Jorge Linheira, explicou que o proxecto renaceu en 2023 cunha exposición no Museo Reina Sofía e que desde entón se impulsaron presentacións en diversos puntos do país. A entidade procura agora “dar un novo pulo ao xogo e achegalo a máis xente” a través deste torneo, que contará con 24 prazas e premios para as persoas participantes.

Segundo Linheira, a baralla mantén o espírito retranqueiro que caracterizou a resposta cidadá ao desastre ecolóxico e integra símbolos do imaginario popular galego, referencias ao entroido e elementos da gastronomía tradicional, que son clave para gañar a partida. O xogo, afirmou, “é sinxelo e permite competir tras unhas poucas mans de aprendizaxe”.

A ilustradora Sol Álvarez, autora do cartel e de dúas cartas, definiu a baralla como “un catálogo da creatividade galega”, destacando a súa dimensión colectiva e a súa capacidade para “facer memoria ao tempo que divirte”. Tamén expresou o seu desexo de que este sexa apenas “o primeiro de moitos campionatos”.

EXPOSICIÓN, FORMACIÓN E ACTIVIDADES FAMILIARES

A programación comeza o xoves 20, entre 18:00 e 21:00, coa apertura da exposición dedicada ao xogo e coas primeiras sesións de iniciación, abertas a todas as persoas interesadas en aprender a mecánica da baralla.

O sábado 22, desde as 11:00, celebrarase o torneo oficial, para o que é posible inscribirse tanto presencialmente no propio Centro Cívico do Romaño como a través do correo unhagranbulanegra@gmail.com. Durante a mañá desenvolveranse tamén dúas actividades paralelas: un obradoiro infantil co ilustrador Diego Estevo e a creación dun mural colectivo guiado pola artista Lúa Gándara.

A asociación avanzou que a baralla poderá adquirirse o sábado no propio centro e, posteriormente, en librarías e tendas de Compostela como Astora, Alita Cómics e Númax.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Catedral de Santiago e San Martiño Pinario abrirán as súas bibliotecas ao público con visitas guiadas este venres

O patrimonio bibliográfico de Santiago de Compostela será protagonista este venres 23 de outubro,...

Santiago acollerá en 2027 o Foro Consultivo Anual dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa

Santiago de Compostela será a sede en outubro de 2027 do Foro Consultivo Anual...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here