InicioSUCESOSUn incendio nun bloque de Pontepedriña mobiliza numerosos servizos de emerxencia

Un incendio nun bloque de Pontepedriña mobiliza numerosos servizos de emerxencia

Dúas persoas foron atendidas por inhalación de fume e varias máis tiveron que abandonar o inmoble

Publicado o

Xornal de Compostela

Un incendio declarado na mañá deste sábado nun edificio residencial de Pontepedriña, a escasos metros da Estación Intermodal de Santiago de Compostela, provocou a mobilización de numerosos equipos de emerxencia e a evacuación parcial do inmoble. O aviso inicial chegou ao 112, cando varios particulares advertiron que un intenso fume saía do primeiro andar e que, posiblemente, tamén afectaba outras plantas.

Segundo confirmaron fontes municipais, o Concello de Santiago recibiu a alerta ás 10:45, momento no que se desprazaron á zona patrullas da Policía Local e unha primeira dotación dos Bombeiros de Santiago, integrada por catro efectivos. A comunicación ao 112 activou tamén unidades de apoio: dous bombeiros do GES de Brión e tres integrantes do parque de Ordes, que se incorporaron ás tarefas de control e ventilación do edificio.

As lapas iniciáronse na primeira planta, nunha habitación cuxa orixe do lume permanece aínda pendente de determinar. A pesar de que o foco principal quedou localizado nese espazo, o fume espallouse por todo o bloque, o que complicou a evacuación dos residentes e obrigou a realizar labores de rescate. Segundo as primeiras informacións trasladadas ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, varias persoas e un can foron retirados do interior.

Dúas persoas precisaron axuda dos bombeiros para abandonar o inmoble pola escaleira interior. Foron trasladadas en ambulancia polo 061 debido a problemas respiratorios, aínda que, en principio, o seu estado non reviste gravidade. Outras catro persoas puideron saír polos seus propios medios sen necesitar asistencia sanitaria inmediata.

A Policía Nacional e Local aseguraron o perímetro mentres continuaban os traballos de extinción e ventilación do edificio para retirar a acumulación de fume. As tarefas prolongáronse durante boa parte da mañá, á espera de que os equipos técnicos poidan avaliar os danos e determinar as causas do suceso

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

Un ciclista resulta ferido leve tras caer por unha fochanca en San Pedro de Mezonzo

Un ciclista resultou ferido leve na noite deste martes tras sufrir unha caída na...

Excarcerada unha persoa tras chocar co seu coche contra un camión aparcado en Santiago

Unha persoa tivo que ser liberada do seu coche tras chocar contra un camión...

800 usuarios afectados por cortes de luz en Santiago e Ames

Uns 800 usuarios víronse afectados esta mañá de venres por cortes da luz debido...