A CIG e a concelleira socialista Marta Abal ofreceron este martes senllas roldas de prensa sobre a situación das horas extraordinarias e dos cadros de persoal de Policía Local e Bombeiros do Concello de Santiago. Ambas intervencións coincidiron en que a falta de efectivos condiciona o servizo, aínda que propoñen vías distintas para resolvela.
Desde a CIG, a responsable da sección sindical María Xosé Santos abondou na crítica ao modelo baseado en gratificacións. Segundo os datos que o sindicato di recibir do departamento de Persoal con nove meses de atraso, o gasto real en 2024 elevouse a 1.866.261,91 euros, fronte á previsión de 500.000 euros. O desglose que manexan é: Policía Local, 938.721 euros; Bombeiros, 643.870,22 euros; e Administración, 70.857,73 euros. “Para nós é un gasto desorbitado que non resolve a prestación ordinaria”, sostivo, reclamando prazas en propiedade no canto de horas extra: “Co importe das gratificacións estaríamos a falar de arredor de 35 prazas novas”.
A central sindical subliñou tamén advertencias recollidas pola intervención municipal sobre expedientes de horas extra incompletos, falta de autorización previa, dificultade de control anual e superación de límites establecidos en convenio (prolongacións de xornada e tope de 80 horas anuais), ademais de que o gasto efectivo superou o límite do 10% para gratificacións previsto nas bases de execución do orzamento. “Hai servizos nos que se prevén bolsas de horas extraordinarias para cubrir necesidades estruturais por falta de persoal”, engadiu.
No tocante aos Bombeiros, o delegado indicou que o parque traballa con mínimos de nove profesionais por quenda, o que “obriga a recorrer continuamente ás horas extra”. O sindicato calcula que o volume pagado en 2024 sería “equivalente a arredor de 20 prazas”, lembrando que a xubilación anticipada do corpo e a normativa vixente permiten excepcionalidades para crear efectivos sen restrición pola taxa de reposición, dentro do límite do capítulo 1. Sobre a Policía Local, a CIG denunciou a falta dunha planificación anual por quendas, descompensacións na repartición das horas (“hai quen supera amplamente a media”) e o uso de axentes en tarefas administrativas. A central propón explorar auxiliares de policía en épocas de maior carga e a elaboración dun informe de necesidades desde a xefatura. “Instamos a empregar as excepcións do artigo 20 e, se cómpre, pedir autorización ao Ministerio para ampliar prazas esenciais”, concluíu Santos.
Pola súa parte, a concelleira Marta Abal afirmou que as demandas de Bombeiros e Policía Local “son xustas e lexítimas” e que están avaladas por xurisprudencia do Tribunal Supremo sobre a retribución de festividade e nocturnidade: “A solución pasa por crear un complemento específico diferenciado ou por modificar o actual”. A edil advertiu de que a negativa a realizar horas extra —“voluntarias”— compromete a operatividade dos servizos e asegurou que nos últimos días o parque de bombeiros quedou sen operatividade ao dispoñer só de catro efectivos nunha quenda de 24 horas. Tamén cualificou de “insuficientes” os mínimos de tres patrullas por quenda na unidade operativa da Policía Local.
Abal criticou a “falta de vontade política” do Goberno municipal por non ter pechado un acordo “sabendo do problema desde principios de ano” e cuestionou que a única novidade sexa un grupo de traballo “sen composición nin obxectivos definidos”: “É posible, é viable e hai maioría sindical para un acordo rápido e con garantías”. A concelleira pediu que a alcaldesa presida ese órgano: “Debe deixar de mirar para outro lado e asumir en primeira persoa a xestión do conflito”.
Interrogada sobre o recurso ás horas extra, Abal admitiu que “cantas menos, mellor” por razóns xurídicas e de seguridade laboral, pero defendeu que, mentres non se reforzan os cadros, cómpre organizar e supervisar os servizos e tirar de gratificacións cando sexa imprescindible: “A realidade é que determinadas unidades teñen que saír á rúa cun mínimo operativo”. A socialista lembrou que en 2020 o anterior Goberno resolveu un conflito “similar” vía decreto da Xunta de Goberno local, solución posteriormente ratificada polo TSXG, e reivindicou suprimir a taxa de reposición para servizos críticos “con control orzamentario”.

