InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO Concello prepara unha gran mostra para exhibir as estatuas do Mestre...

O Concello prepara unha gran mostra para exhibir as estatuas do Mestre Mateo recuperadas da familia Franco

Míriam Louzao confirma que se traballa nos trámites para o traslado das esculturas de Abraham e Isaac a Santiago, onde se exporán de forma aberta á cidadanía

Publicado o

Xornal de Compostela

A portavoz do Goberno local de Santiago, Míriam Louzao, anunciou este venres que o Concello está “a traballar en todos os trámites necesarios” para que cheguen á cidade as estatuas dos profetas Abraham e Isaac, atribuídas ao Mestre Mateo e actualmente en mans da familia Franco, tras a sentenza do Tribunal Supremo que obriga á súa restitución ao municipio compostelán.

Louzao explicou que o Pazo de Raxoi prepara unha “gran mostra aberta” coa finalidade de que “toda a cidadanía poida visitalas” unha vez se materialice o traslado das pezas, e incidiu en que o obxectivo é que as esculturas “cheguen a Santiago canto antes”. Porén, confirmou que aínda non existe unha data concreta para o seu recibimento.

O alto tribunal ditou o 19 de xuño que a familia do ditador Francisco Franco debía devolver ao Concello as dúas esculturas procedentes do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, adquiridas de forma irregular nos anos 50. Un mes despois, o Goberno local requiriu aos herdeiros que asumisen o traslado das obras, advertindo que, en caso de negativa, o consistorio reclamará o custo do transporte.

En relación co destino das esculturas, o Concello prevé que se exhiban provisionalmente no Museo do Pobo Galego, onde xa se conserva outra peza asociada ás figuras: unha láudaa sepulcral do século XIV, adquirida na mesma operación que os profetas. Non obstante, o executivo municipal non descarta a súa futura instalación noutro inmoble de propiedade municipal, de acordo coas condicións de conservación e exposición que determine o persoal técnico.

Con esta actuación, o Concello compostelán avanza na recuperación dun patrimonio histórico e artístico de gran valor, vinculado directamente ao Mestre Mateo e ao conxunto do Pórtico da Gloria, e prevé que a súa chegada a Santiago permita devolver as esculturas ao espazo cultural e simbólico ao que pertencen.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Catedral de Santiago e San Martiño Pinario abrirán as súas bibliotecas ao público con visitas guiadas este venres

O patrimonio bibliográfico de Santiago de Compostela será protagonista este venres 23 de outubro,...

Santiago acollerá en 2027 o Foro Consultivo Anual dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa

Santiago de Compostela será a sede en outubro de 2027 do Foro Consultivo Anual...