InicioSANTIAGOO 25 de Abril en Galicia, cincuenta anos despois na vida do...

O 25 de Abril en Galicia, cincuenta anos despois na vida do militar Xosé Fortes e a xornalista Margarita Ledo

Publicado o

Xornal de Compostela

A USC, en concreto a Facultade de Filoloxía, celebra o 50 aniversario da Revolução dos Cravos cunha serie de actos entre os que figura a testemuña de galegos que viviron aquel momento desde as dúas bandas do Miño. Persoas que, ou estiveron dentro de Portugal coa ditadura xa eliminada ou quen coñeceu militares lusos e as diferenzas existentes entre o estamento militar español e o portugués. Así, dúas testemuñas como Margarita Ledo Andión, catedrática emérita de comunicación audiovisual na USC que se exiliou en Portugal en 1974 e Xosé Fortes, exmilitar expulsado do exército español por pertenza á Unión Militar Democrática (UMD), un grupo de militares desencantados coa ditadura franquista e con vocación democrática. As dúas voces foron introducidas polos xornalistas Áurea Sánchez, ex correspondente en Galicia del diario La Vanguardia e ex redactora de Televisión Española (TVE) e Joel Gômez quen exerceu o xornalismo en Santiago de Compostela, en La Voz de Galicia, entre 1981 e 2022.

MARGARITA LEDO: O EXILIO E O DESCOÑECEMENTO MUTUO
A traxectoria e relación persoal de Margarita Ledo e Xosé Fortes coa revolución portuguesa estivo marcada polas circunstancias que envolvían as súas vidas persoas e profesionais no momento. Así, Margarita Ledo exiliouse a Portugal por estar en busca e captura por un acto considerado “de guerra” e Xosé Fortes por ser acusado de sedición e proposición para a rebelión interna dentro do exército español. As traxectorias persoais en relación co movemento revolucionario portugués foi moi diferentes e mesmo no caso de Fortes, aínda hoxe as presións internas das forzas armadas españolas non lle permiten acceder a algúns dereitos que ten como coronel retirado.

En 1973 Margarita Ledo traballaba en El Ideal Gallego na Coruña, en paralelo estaba organizada dentro da Unión do Pobo Galego (UPG). “Do 24 ao 25 de xullo de 1973 decidimos levar adiante unha acción en Santiago que era colocar unhas caixas de Farias onde introduciramos uns panfletos políticos. As caixas estourarían grazas a uns petardos e un sistema de reloxaría que marcaba a hora para estourar” relata Ledo. A acción foi para adiante mais “fomos moi confiados e unha muller denunciou á policía o número de matrícula do vehículo que me prestaran para ir da Coruña a Santiago”.

A consencuencia inmediata foi o prendemento da persoa propietaria do vehículo e “cando chamaron á redacción souben que me buscaban”. A partir de aí comeza unha andaina por diferentes agochos na Coruña até que en 1974 a UPG decide ter alguén dentro do proceso que se vivía en Portugal e Ledo pasa á outra beira do Miño mediante contactos. “Un deles era Viale Moutinho, que traballaba no xornal “Diario de Noticias”, que escribira ‘Introdución á historia do nacionalismo galego’ e ademais era moi amigo de Manuel María”. Foi Moutinho quen a presentou na emisora de radio de Porto e alí tivo un espazo de quince minutos cada semana dentro do programa “O Norte Día a Día”. “Desde a embaixada española tentaron moitas veces cortar con aquel espazo, mesmo viñeran á emisora persoas que poñían como pretexto que estabamos a dividir a esquerda”.

Mais o interese desde un primeiro momento era establecer contactos con movementos políticos en Portugal e establecer redes de apoio para membros da UPG tanto en Portugal como no “’interior’ que era como chamabamos a Galicia”. Os movementos cos que se establecen contactos foron Esquerda Socialista, Partido Revolucionario do Proletariado e o Partido Comunista Portugués. Mais até a chegada de xente exiliada desde Galicia, a percepción que se tiña do país en Portugal era practicamente nula “só algún sector universitario coñecía o galeguismo, había libros sobre este tema nalgúns fondos universtiarios mais tamén era unha cuestión complexa porque o adxectivo ‘galego’ tiña connotacións pexorativas”. Esta cuestión debíase á emigración de galegos cara Portugal e que recolleran os oficios máis baixos da sociedade, de aí a asociación de ‘galego’ como máis negativo, “salvo cando dicían traballas como un galego, que era traballar arreo sen parar”.

En 1976 o goberno presidido por Adolfo Suárez asinaba un decreto-lei polo que se amnistiaba “todos los delitos y faltas de intencionalidad política y de opinión” mais non aqueles que “hayan puesto en peligro o lesionado la vida o la integridad de las personas”. “Nese momento fun amnistiada, unha amiga e máis eu fomos falar cun oficial da Policia Judiciaria en Porto, facilitounos que nos desen os papeis para saír de Portugal e en Madrid fun ao TOP (Tribunal de Orden Público) cun avogado de oficio e oficialmente fun amnistiada”.

Soldados portugueses o 25 de abril, durante a revoluçao dos cravos

XOSÉ FORTES: O EXÉRCITO NON PERDOA
Xosé Fortes formou parte da Unión Militar Democrática (UMD), organización que pretendía democratizar o exército español e que se opoñía á dictadura franquista. Entre os seus puntos estaba a amnistía a todos os presos políticos e retorno dos exiliados, respecto dos dereitos humanos, cortes constituíntes e loita contra a corrupción. Á parte que propoñían unha serie de reformas dentro das forzas armadas como limitar a xurisdicción militar, revisión do servizo militar obrigatorio e tamén a dignificación dos suboficiais.

Xosé Fortes ingresa na Academia Militar de Zaragoza en 1953, despois é alférez de infantaría en Toledo, logo é trasladado a Pontevedra co grao de tenente. En 1969 matricúlase en Filosofía e Letras e entre 1971 e 1974 fai os cursos de doutorado e realiza as investigacións para a súa tese doutoral. O 29 de xullo de 1975 préndeno xunto con outros nove militares da UMD. Son xulgados, condenados a varios anos de cadea e expulsados do exército.

“Coñecín militares portugueses nos campamentos de recrutas de Tui e no 1962 fun convidado a unha cea de despedida duns oficiais que eran enviados a Angola” sinala. “O 25 de abril quedei deslumbrado pola ética e estética daquel golpe que era un reverso do liderado por Pinochet en Chile”. Fortes retoma relacións con oficiais portugueses a través de Basilio García que o pon en contacto co capital David dos Santos Martelo. “Cando fundamos a UMD en setembro de 1974, fun quen estableceu relacións institucionais co Movemento das Forças Armadas (MFA) portugués a través do capitán da Marinha, Carlos Contreiras”.

O día do xuízo contra os militares da UMD, un representante do daquela príncipe Juan Carlos (logo rei) enviáballes un “grande abrazo” pois coñecía a boa parte dos que ían ser xulgados. “Antes de sermos detidos houbera contactos con Juan de Borbón e con Juan Carlos quen preguntaron se seriamos leais á monarquía, a nosa resposta foi que a monarquía era unha decisión do pobo español”. A resposta pode estar detrás da posterior actitude de Juan Carlos de Borbón. Finalmente foron condenados a cadea por “sedición, proposición para rebelión interna e a intervención dos militares en política”.

En 1976 saíron da cadea despois da publicación do real-decreto lei de amnistía aínda que non foron readmitidos no exército nin se lles aplicou a amnistía de 1977 até dez anos despois. O xeneral Gutiérrez-Mellado, daquela vicepresidente do Goberno de Suárez, recoñecera que non se podía readmitir nas forzas armadas aos militares da UMD por “sublevación militar”. “Eramos uns traidores, intragables, mesmo se di que un dos puntos esixidos durante o intento de golpe de estado do 23F era non sermos admitidos de novo nas forzas armadas”. En 1987 foron integrados na amnistía de 1977 e na segunda lexislatura de Rodríguez Zapatero, concretamente en 2010, entregóuselles a Cruz do Mérito Militar e Aeronáutico a catorce exmembros da UMD. “Aínda así, a día de hoxe estamos mal vistos”.

Sobre a relación existente cos militares portugueses, Fortes destaca que “Franco mantiña aos diferentes militares illados uns doutros, mentres que en Portugal había unha relación fluída entre os diferentes mandos, á parte que os portugueses, que estaban na OTAN, tiñan coñecementos que os mandos españois non tiñan”. Os militares portugueses sabían idiomas estranxeiros ao revés dos militares españois. Sobre se existiu o temor a que Franco enviara tropas a Portugal para sufocar a revolución: “desde os EE.UU dixéronlle que non movera un dedo a pesar de ter presentado un ‘Plan para invadir Portugal en 72 horas’, mais que non fixera nada”.

A revolución portuguesa supuxo un revulsivo para a sociedade española do momento. Un exército podía derrocar unha ditadura de corte fascista, ao revés do acontecido en Chile. Militares do exército franquista quixeron iniciar un proceso de democratización das forzas armadas mais foron reprimidos polo tardofranquismo e a día de hoxe, os sobrevivintes, seguen pagando as consecuencias daquel “atrevemento”.

Os actos conmemorativos da revolución portuguesa na USC continuarán no mes de maio entre os días 7 e 8 cunha revisión da súa pegada na historia.

ÚLTIMAS

Os Galetiktokers 2024 premian a creación audiovisual en galego en Ames

A quinta edición do certame Galetiktokers, impulsado polos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística...

Santiago acollerá o primeiro Congreso Nacional sobre Formación Permanente do Profesorado

A cidade de Santiago de Compostela será o escenario do primeiro Congreso Nacional sobre...

A agrupación socialista de Santiago homenaxea aos seus militantes máis veteranos

A agrupación socialista de Santiago realizou onte unha homenaxe aos militantes con máis de...

ARi[t]mar, unha oda ás relacións galego-portuguesas

Onte á noite no Auditorio de Galicia gozouse da novena edición da Gala aRimar...

Santiago acollerá o primeiro Congreso Nacional sobre Formación Permanente do Profesorado

A cidade de Santiago de Compostela será o escenario do primeiro Congreso Nacional sobre...

Unha conferencia dos Luns do Ateneo abordará o papel pioneiro de Galicia no cribado neonatal

O próximo luns, 25 de novembro, ás 19:30 horas, a sede Afundación, situada na...

A xuíza do ‘caso Desproi’ cita como investigado ao exconcelleiro de Santiago José Manuel Pichel

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago chamou a declarar como investigado ao...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here