InicioECONOMÍAO Concello activa 18 obras para mellorar a accesibilidade e anuncia o...

O Concello activa 18 obras para mellorar a accesibilidade e anuncia o corte da Ponte do Sarela en xuño

A reparacións en rúas, parques e pasos escolares buscan construír unha cidade máis segura, diversa e sen barreiras

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago de Compostela ten en marcha 18 actuacións repartidas por todo o municipio destinadas a mellorar a accesibilidade no espazo público, cun investimento global que supera os 366.000 euros. Así o anunciou este martes en rolda de prensa o concelleiro de Vías e Obras, Xesús Domínguez, acompañado polo xefe de servizo Antonio Ranedo, nun balance centrado no impulso dun modelo urbano máis diverso, inclusivo e sustentable.

Segundo explicou Domínguez, estas actuacións encaixan no marco do Plan de Accesibilidade Universal de Santiago de Compostela, presentado en febreiro e elaborado coa participación cidadá e unha análise integral dos edificios e espazos públicos. O obxectivo é garantir igualdade de condicións para acceder a servizos, bens e infraestruturas municipais, especialmente para persoas con mobilidade reducida.

Entre as intervencións máis destacadas atópanse 14 actuacións específicas en diferentes puntos da cidade, como as rúas do Río, Lavadoiro, do Avío, Irmandiños, Betanzos, Varsovia, Berlín, Dublín ou Outeiro de Sar, cun orzamento de case 190.000 euros e un prazo de execución de oito meses. Os traballos nestas zonas comezaron a principios de maio e foron definidos a partir de incidencias rexistradas a través de canles cidadás, como aplicacións ou a liña verde.

Tamén se están a executar obras relevantes no Ensanche, como a mellora de accesibilidade no cruzamento entre Xeneral Pardiñas e República do Salvador, adxudicada por máis de 50.000 euros e xa próxima á súa finalización. A actuación inclúe elementos que priorizan a seguridade peonil e prevén abrir ao tráfico a zona tras un mes de fraguado.

Outras dúas intervencións clave céntranse na contorna escolar: a creación de pasos elevados na Rúa dos Loureiros e na Rúa das Rodas, pensados para mellorar a seguridade dos itinerarios do programa Colecamiños e o acceso á escola infantil A Galiña Azul. Estes pasos seguirán criterios estéticos coherentes coa cidade histórica e permitirán conectar tramos actualmente interrompidos polo tráfico rodado.

Fóra do bloque de accesibilidade, Domínguez anunciou que a Ponte do Sarela permanecerá cortada ao tráfico entre o 9 e o 14 de xuño, en horario de 8:00 a 15:00 horas, para realizar unha reparación do empedrado da calzada, cun orzamento de 11.930 euros. A actuación inclúe a substitución das pedras deterioradas e contará cun plan de desvíos coordinado desde a área de Mobilidade para minimizar o impacto no transporte escolar e as liñas que veñen de Aríns.

Por último, o concelleiro recoñeceu a existencia de deficiencias no entorno da zona de Chapacuña e do Carmen de Abaixo, cun firme en mal estado e baches notables. Indicou que se están valorando intervencións máis amplas a medio prazo e que, mentres tanto, se realizarán traballos provisionais de rebacheo para mellorar a seguridade viaria.

Domínguez concluíu reiterando o compromiso do seu departamento co obxectivo de facer de Compostela un lugar máis habitable, accesible e seguro para todas as persoas, avanzando cara un urbanismo que sitúe os dereitos da cidadanía no centro das actuacións municipais.

ÚLTIMAS

Santiago asfalta preto de 10.000 metros cadrados de vías urbanas e rurais nas últimas semanas

O Concello de Santiago levou a cabo nas últimas semanas diversas actuacións de mellora...

O Son do Camiño esgota todos os abonos para a súa edición de xuño en Santiago

O festival O Son do Camiño volveu esgotar todos os seus abonos para a edición...

O BNG denuncia deficiencias no transporte público entre Bertamiráns, O Milladoiro e Santiago

O Bloque Nacionalista Galego denunciou as deficiencias do transporte público que conecta o concello...

O PSOE denuncia o “deixamento” do Goberno local co patrimonio escultórico de Santiago e pide actuar no conxunto de Leopoldo Nóvoa en Bonaval

A concelleira do Grupo Municipal Socialista de Santiago Marta Abal denunciou o que cualificou...

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

A Fundación Juana de Vega organiza unhas xornadas para analizar o legado de Adam Smith e os 40 anos de España na UE

A Fundación Juana de Vega, a través da Cátedra Juana de Vega da USC,...

A Xunta inviste máis de 12 millóns na modernización de centros educativos de Santiago

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, cifrou en máis de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here