InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO Consorcio de Santiago impulsará a restauración do arco de Mazarelos e...

O Consorcio de Santiago impulsará a restauración do arco de Mazarelos e da fonte de Praterías

A intervención permitirá recuperar o estado dos dous monumentos históricos e establecer un plan de mantemento periódico

Publicado o

Xornal de Compostela

O Consorcio de Santiago acometerá ao longo deste ano a restauración do arco de Mazarelos e da fonte de Praterías, dous dos monumentos máis emblemáticos da cidade histórica. A intervención, que mobilizará un orzamento de preto de 400.000 euros, centrarase na eliminación das principais patoloxías detectadas e na elaboración dun protocolo de mantemento que asegure a súa conservación a longo prazo.

No caso do arco de Mazarelos, último vestixio da antiga muralla medieval compostelá, o proxecto de restauración conta cun investimento de 188.986 euros. A actuación foi precedida por un análise mediante escáner láser e levantamento 3D, que permitiu identificar acumulación de vexetación e restos de intervencións de distintas épocas. Os traballos incluirán a limpeza da fábrica para eliminar raíces e elementos daniños, mantendo só aqueles líquenes que non comprometan a integridade da estrutura. Ademais, avaliaranse con detalle as distintas fases construtivas do monumento e definirase un plan de actuación e conservación futuro.

Pola súa parte, a fonte de Praterías, situada na emblemática praza do mesmo nome e fronte á fachada sur da Catedral, será obxecto dunha intervención dotada con 211.686 euros. Os informes técnicos apuntan á suciedade acumulada nas esculturas e ao deterioro do sistema de canalización, con condutos obstruídos ou danados. A restauración prevé limpeza e consolidación das esculturas, así como a recuperación do circuíto de auga con materiais e técnicas compatibles cos elementos patrimoniais. Tamén se implantará un programa de mantemento periódico.

Segundo explicou o Consorcio, as intervencións aplicarán métodos pouco invasivos, como o uso de láser ou microsferas de goma, en liña coas actuacións desenvolvidas recentemente na Catedral de Santiago. Estes sistemas están recomendados en monumentos de pedra, xa que permiten preservar as superficies sen causar danos, ao contrario que os métodos tradicionais con auga a presión, non autorizados en Galicia para bens patrimoniais.

O presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), Carlos Henrique Fernández, valorou positivamente a iniciativa, destacando que se trata de dous dos elementos máis sensibles do centro histórico: “Santiago necesita manter os seus monumentos en bo estado para non comprometer a súa condición de cidade Patrimonio da Humanidade”.

Fernández advertiu tamén sobre os efectos da masificación turística sobre o patrimonio urbano e chamou a implementar medidas de control de uso, especialmente no caso da fonte de Praterías, “frecuentemente empregada por visitantes como elemento lúdico”. A entidade apunta á necesidade de compatibilizar conservación e actividade turística nun contexto urbano que non foi deseñado para soportar os niveis actuais de tránsito peonil e rodado.

As obras aínda non teñen data de inicio concreta, pero o Consorcio prevé lanzar en breve o concurso para os traballos de restauración e levantamento planimétrico da fonte. As intervencións insírense nun plan global de conservación e posta en valor do conxunto histórico de Santiago de Compostela.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Catedral de Santiago e San Martiño Pinario abrirán as súas bibliotecas ao público con visitas guiadas este venres

O patrimonio bibliográfico de Santiago de Compostela será protagonista este venres 23 de outubro,...

Santiago acollerá en 2027 o Foro Consultivo Anual dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa

Santiago de Compostela será a sede en outubro de 2027 do Foro Consultivo Anual...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here