InicioCULTURAO Museo do Pobo Galego inaugura unha exposición para homenaxear ás cantareiras...

O Museo do Pobo Galego inaugura unha exposición para homenaxear ás cantareiras galegas

A mostra 'Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión' visibiliza o legado da poesía oral tradicional e abrirá ao público este venres no claustro alto

Publicado o

Xornal de Compostela

O Museo do Pobo Galego inaugurará este venres 11 de abril ás 19:00 horas a exposición ‘Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión’, unha homenaxe colectiva ás mulleres creadoras e transmisoras da poesía popular oral que será protagonista do Día das Letras Galegas 2025. A mostra poderá visitarse no claustro alto do Museo ata o 28 de setembro, e pretende visibilizar o papel das cantareiras na conservación do patrimonio oral galego, nun percorrido expositivo que mestura son, imaxe e documentación histórica.

A exposición, producida polo Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), presenta materiais procedentes de cancioneiros, arquivos históricos, gravacións sonoras e entrevistas actuais, co obxectivo de reconstruír a cadea de transmisión interxeracional da oralidade en Galicia. Segundo explicou Isabel Vigo, técnica do APOI, o proxecto parte dun traballo de “baleirado de nomes de informantes e recompiladoras” presentes en arquivos históricos, desde o Seminario de Estudos Galegos ata os fondos de Alan Lomax ou as Misións Folclóricas do CSIC, con especial atención ao papel das mulleres como garantes do saber inmaterial.

A mostra incorpora tamén material audiovisual inédito, entrevistas a mestras cantareiras actuais e pezas cedidas por particulares, nun proceso colectivo de recuperación que foi salientado pola presidenta do Padroado do Museo, Concha Losada: “Trátase dun traballo rigoroso que pon en valor un legado cultural vivo e en constante evolución, protagonizado por mulleres cuxos nomes moitas veces non figuran nos libros de historia”.

No acto inaugural participarán Rosario e Carme das Marías, nai e filla, integrantes das pandeireteiras Raigañas de Cerqueda, quen ofrecerán unha intervención musical que simboliza o fío da transmisión xeracional, eixo central da mostra.

ACTIVIDADES PARALELAS

Ao redor da exposición, o Museo do Pobo Galego desenvolverá un amplo programa de actividades culturais, educativas e musicais que se estenderán ata setembro. Destacan a xornada ‘A voltas co baile’ o 26 de abril, centrada na relación entre canto e danza tradicional, e o concerto do grupo Bouba, o 14 de xuño, no Xardín do Claustro.

Tamén haberá obradoiros familiares como Prende no colo (8 de maio), concertos de grupos como Raigañas (13 de setembro) ou visitas cantadas pola colección permanente (6 de xullo), así como coloquios con especialistas, como a intervención do filólogo Antón Santamarina (7 de maio) e a conversa da artista Faia Díaz sobre o seu disco Alvela (15 de maio).

Coincidindo co Día das Letras Galegas, o Museo acollerá a gravación dun programa especial do espazo radiofónico La riproposta, de RNE, dedicado á poesía oral galega.

COMPROMISO EDUCATIVO

A exposición ‘Cantareiras’ inclúe tamén accións didácticas específicas para escolares. Máis de 200 grupos educativos están a participar esta tempada en visitas guiadas, xogos sonoros, actividades de descuberta e obradoiros como Has de cantar, no que o alumnado aprende a crear poesía oral a través da experiencia co repertorio tradicional.

O Museo tamén está a desenvolver itinerarios sonoros accesibles para persoas con discapacidade visual, grazas á colaboración coa ONCE.

Todo o programa conta co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, nun esforzo conxunto por recoñecer, preservar e divulgar o papel fundamental das mulleres na memoria cultural galega.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Alcalá Norte actuará en Santiago o 6 de marzo de 2027 para presentar o seu segundo disco

A banda madrileña Alcalá Norte ofrecerá un concerto en Santiago de Compostela o próximo...

O Concurso Fran Pérez Narf celebrará a súa final en Santiago co regreso aos escenarios dos Quinindiolas

O Salón Teatro de Santiago de Compostela será o escenario este sábado, 24 de...

Troyanos de Compostela abrirá ao público o seu ensaio do luns no centro sociocultural do Romaño

A agrupación Troyanos de Compostela ofrecerá o próximo luns, 19 de outubro, un ensaio...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here