InicioMOV. SOCIAISPor que os máis novos abandonan o galego? Expertos analizan o impacto...

Por que os máis novos abandonan o galego? Expertos analizan o impacto dos prexuízos e a falta de recursos nunha mesa redonda

Os participantes das xornadas coincidiron en que a transmisión xeracional e o ámbito educativo son claves para a supervivencia da lingua

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Na mesa redonda ‘Emerxencia lingüística e perspectivas de acordo arredor da lingua galega’, celebrada este sábado no marco das IV Xornadas de Normalización Lingüística, expertos de diversas institucións analizaron a crítica situación da lingua galega e debateron propostas para garantir a súa supervivencia. Os participantes coincidiron en que a transmisión xeracional e os ámbitos educativos son clave para reverter as alarmantes cifras de perda de falantes, especialmente entre as xeracións máis novas.

UN TERZO DOS MENORES DE 15 ANOS NON SABE FALAR GALEGO

Cunha asistencia dun centenar de persoas, a mesa redonda comezou coa intervención de Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, que destacou que “un terzo dos menores de 15 anos non sabe falar galego”, segundo os datos do IGE, e subliñou o abandono da lingua nos centros educativos por parte do alumnado galegofalante debido a un “proceso de substitución”. Sinalou tamén que a administración “incumpre a Lei de Normalización Lingüística”, tratándoa como “unha sublingua”.

Pola súa banda, Hakan Casares, representante do Consello da Cultura Galega (CCG), comparou a situación de Galicia coa de comunidades como Catalunya ou Euskadi, onde “canto máis nova é a xente, máis utilizan as súas linguas propias”. Porén, en Galicia, os datos amosan o contrario, asegurou: “a lingua galega está menos presente entre as persoas con maior nivel de estudos ou ingresos e nos contextos máis formais”. Casares tamén alertou de que estas tendencias serán difíciles de reverter sen unha acción decidida.

Os participantes coincidiron en que a situación actual require medidas contundentes e moitos fixeron alusión á necesidade de derrogación do Decreto do Plurilingüismo. Ana Pérez Rico concluíu así que “romper prexuízos é a clave para garantir o futuro do galego” e instou á Xunta a derrogar o Decreto “para que todos poidamos expresarnos con liberdade”. Tamén reclamaron formar parte dos grupos de traballo anunciados pola Consellería de Cultura para o suposto “pacto pola lingua” e solicitaron que se teña en conta a súa proposta de bases para a normalización lingüística no ensino, acordada en 2020 con outras organizacións sindicais e pedagóxicas. Entre outras demandas, apuntaron á necesidade de restablecer a obrigatoriedade dunha proba en galego nas oposicións docentes e na administración autonómica, eliminada nos últimos anos, e ao desenvolvemento dun plan específico de formación en materia lingüística e sociolingüística para o profesorado, tanto no ensino regrado como nas universidades e outras ensinanzas postobrigatorias.

Os representantes da RAG, Henrique Monteagudo, e do Consello da Cultura Galega, Hakan Casares, subliñaron a importancia de proxectos piloto para o fomento do galego, como escolas infantís onde a lingua vehicular sexa o galego, e de reforzar os recursos e competencias das equipas de normalización lingüística en centros educativos e administracións. Tamén fixeron fincapé na creación de material didáctico específico para a integración do alumnado inmigrante, na ampliación da oferta formativa en galego para adultos a través de Escolas Oficiais de Idiomas e doutros cursos descentralizados, e na necesidade de implicar tanto á Xunta como aos concellos na normalización lingüística.

O vicepresidente da RAG engadiu que o proceso de substitución lingüística “está acelerado na última década”, apuntando a unha redución significativa do uso do galego en contextos educativos. Sobre a escola asegurou que en Ames, onde a RAG realiza un estudo sociolingüístico, redúcese o uso do galego nun 11% na educación infantil, un 17% na primaria e un 30% na secundaria. Asegura que os pais galegofalantes sufren neste contexto unha “fonda frustración”.

A POLÉMICA INTERVENCIÓN DE VALENTÍN GARCÍA

Pola súa banda, Valentín García, secretario xeral da Lingua Galega, defendeu a posibilidade de revisar o decreto, sempre que se acade un “clima de consenso político”, pero insistiu en que a elección do uso do galego recae na liberdade individual das familias, unha postura que foi fortemente cuestionada polos demais participantes no debate.

O representante da Xunta foi amplamente criticado tanto polos participantes como polo público. García recoñeceu que “a situación do galego é preocupante” e apelou á necesidade dun pacto político e social pola lingua. Con todo, foi acusado por Ana Pérez Rico durante a súa posterior intervención de “escudarse nun dereito básico violado” e de ignorar a realidade detrás dos datos. Pérez Rico denunciou os prexuízos que levan ao abandono da lingua e asegurou que “a causa do abandono do galego é a agresión que sofren os nenos galegofalantes”.

A inmigración apareceu no debate cando Valentín García relembrou a posición da Xunta ante os datos do IGE, asegurando que a perda de falantes do galego nas cifras pode deberse á inmigración. Pérez Rico aseguroulle que “os inmigrantes non veñen con ningún prexuízo e aprenden a lingua tamén”. Tamén asegurou o secretario xeral da Lingua que non nos podemos fiar dos datos que fan referencia a menores de 15 anos, xa que “esta información non está fornecida polos propios rapaces, senón polos adultos maiores de idade que contestaron a enquisa”.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

Medio cento de estudantes maniféstanse en Santiago para reivindicar a igualdade de xénero no marco do 8M

Preto de medio cento de estudantes participaron este venres nunha mobilización polas rúas do...

Galiza por Palestina pide ás candidatas á Reitoría da USC compromisos claros sobre a relación con institucións israelís

A organización Galiza por Palestina fixo público un chamamento ás candidatas que concorren á...

Chafarís e Down Compostela protagonizan en marzo a campaña municipal ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’

O Concello de Santiago presentou este mércores as actividades correspondentes ao mes de marzo...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here