Un treito do muro do antigo cemiterio de Bonaval, en Santiago de Compostela, veu abaixo este xoves tras producirse un desprendemento que afectou tamén a varios nichos situados na súa parte frontal. Segundo trasladou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, a avaliación preliminar do persoal municipal de arquitectura apunta a unha “importante acumulación de auga” no terreo situado na parte superior como causa principal do incidente.
A rexedora explicou que o fragmento afectado abrangue aproximadamente 15 metros de longo por 6 de alto. De acordo coa análise inicial, o aumento do peso e da presión do terreo provocou o empuxe sobre un muro de pedra e mampostería que non reunía as condicións axeitadas para soportar ese tipo de carga. “O persoal técnico de Obras tamén indica que un muro destas dimensións e con este tipo de pedra non é o ideal para soportar as presións do terreo. O derrube inicial aumentou a inestabilidade e provocou que, posteriormente, caese a parte frontal dos nichos”, sinalou.
Como medida preventiva, o Concello procedeu a perimetrar a área afectada e a pechar o acceso á zona da ábsida da igrexa, ao espazo do cemiterio e á área do parque adxacente, ante a posibilidade de que se produzan novos desprendementos. Durante a mañá, operarios municipais de Vías e Obras instalaron valos de protección que substituíron o precinto inicial colocado o día do suceso.
O derrube produciuse nun ámbito de especial relevancia histórica e patrimonial, integrado no conxunto de San Domingos de Bonaval, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1912. A alcaldesa lembrou que o muro afectado forma parte dun espazo con séculos de historia e con intervencións realizadas en distintos períodos.
Antes de definir calquera actuación, o goberno local encargará á arqueóloga municipal a elaboración dun informe detallado sobre o estado do muro. Ademais, será preciso realizar estudos xeotécnicos e análises de estabilidade, tendo en conta as características do terreo e as dificultades de acceso á zona.
Sanmartín avanzou que a intervención que finalmente se determine podería non limitarse ao tramo derrubado, senón estenderse ao conxunto do muro e dos nichos, co obxectivo de garantir a estabilidade estrutural de todo o perímetro.
Ao tratarse dun espazo catalogado como BIC, calquera proxecto de rehabilitación deberá ser consensuado coas administracións competentes en materia de patrimonio. Mentres non se dispoña dos informes técnicos definitivos, a área permanecerá pechada ao público por motivos de seguridade.

