A Policía Nacional abriu unha investigación en Santiago para esclarecer se o falecemento de dúas persoas en senllas vivendas da rúa do Hospitaliño podería estar relacionado cunha posible fuga de gas, e non con causas naturais, como se concluíra nun primeiro momento.
Segundo fontes municipais e tal e como adiantou El Correo Gallego, a reapertura das dilixencias prodúcese tras un episodio rexistrado o 23 de decembro, cando unha nai e a súa filla, residentes na mesma rúa, tiveron que ser trasladadas ao Hospital Clínico Universitario de Santiago por unha intoxicación severa de monóxido de carbono.
Naquel momento, efectivos dos Bombeiros de Santiago desprazáronse ata a vivenda afectada, onde confirmaron a presenza de niveis deste gas, aínda que indicaron que non se detectara combustión no interior do inmoble.
A concatenación destes feitos levou agora ás autoridades a revisar as conclusións iniciais sobre as dúas mortes rexistradas na mesma rúa, en vivendas distintas, co obxectivo de determinar se existe relación entre ambos os falecementos e unha posible fuga de gas ou se, pola contra, se mantén a hipótese de causas naturais. A investigación permanece aberta á espera de novas comprobacións técnicas e informes.

