InicioSUCESOSA Garda Civil desarticula en Santiago un grupo criminal por roubos de...

A Garda Civil desarticula en Santiago un grupo criminal por roubos de cobre en trece puntos da provincia

Detidos seis homes que operaban dende a capital galega e foron interceptados en Sigüeiro cun botín de máis de tres toneladas

Publicado o

Xornal de Compostela

A Garda Civil deu por desarticulado un grupo criminal itinerante especializado no roubo de cable de cobre, que tiña a súa base de operacións en Santiago de Compostela e ao que se lle atribúen, polo momento, 13 delitos cometidos na provincia da Coruña. A investigación, bautizada como Operación Redcupru, arrincou o pasado 1 de maio tras un roubo en Touro, e culminou coa detención de seis homes de entre 24 e 31 anos, todos con vínculos directos coa capital galega.

Segundo informou a Comandancia da Garda Civil, os arrestados pasaban as noites en vehículos estacionados en Santiago e desde alí planificaban os seus golpes. As súas accións dirixíanse a zonas boscosas e pouco transitadas, próximas a estradas secundarias con tendido eléctrico ou telefónico paralelo, onde podían operar sen ser detectados.

O grupo, organizado de forma xerárquica, utilizaba un sistema de dous vehículos: un deles realizaba funcións de lanzadeira para anticipar controis policiais e o outro, unha furgoneta, era o que se empregaba para cometer o roubo. Todas as accións tiñan lugar de noite, utilizando vehículos de alugueiro sen condutor, o que dificultaba a súa identificación.

Unha vez no lugar elixido, os delincuentes cortaban os cables en tramos de 2 ou 3 metros, que logo cargaban na furgoneta. Para evitar ser detectados, abandonaban o lugar por vías rápidas ata puntos onde ocultaban o material sustraído.

A clave da operación estivo na identificación anticipada do seguinte golpe previsto, o que permitiu montar un operativo de vixilancia que culminou coa súa interceptación na peaxe da AP-9 en Sigüeiro, no concello de Oroso. Alí, os axentes atoparon máis de 3 toneladas de cable de cobre, ademais de roupa escura, luvas e ferramentas de corte.

A Garda Civil tamén confirmou que se lles imputan os delitos de roubo con forza, pertenza a grupo criminal, estragos e apropiación indebida. Os dous vehículos foron incautados e o material recuperado xa foi restituído á empresa Telefónica España, afectada polos roubos.

Os detidos foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Ordes, aínda que a operación continúa aberta e non se descartan novas detencións nas vindeiras semanas. A investigación contou coa colaboración do Equipo Roca e axentes de Santiago, que realizaron o seguimento do grupo desde os primeiros roubos rexistrados.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

Dous feridos en Santiago por unha fuga de gas nunha vivenda

Dúas persoas víronse afectadas por unha fuga de gas dun quentador nunha vivineda de...

Falece un home tras sufrir un atropelo en Santiago de Compostela

Un home faleceu na tarde deste xoves tras sufrir un atropelo en Santiago de...

Dúas menores resultan feridas tras un atropelo na rúa do Restollal en Santiago

Dúas nenas resultaron feridas este martes despois de sufrir un atropelo na rúa do...