HomeSOCIEDADEA Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia promove a 6ª edición...

A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia promove a 6ª edición do ciclo ‘A saúde é o que importa’

Unha mesa redonda en Santiago abordará os beneficios das augas mineromedicinais no tratamento de patoloxías músculo-esqueléticas e reumáticas

Publicado o

Por Xornal de Compostela

Baixo o título ‘A saúde é o que importa‘, a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia promove un ciclo destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico actual das augas mineromedicinais. Esta iniciativa cumpre a súa 6ª edición.

Mañá xoves, a partir das 19:30, celebrarase unha nova sesión deste ciclo, no salón Rahid do compostelán Hotel Araguaney, con entrada libre ata completar aforo. Consistirá nunha mesa redonda na que se abordarán as indicacións actuais da cura termal para o tratamento de patoloxías músculo-esqueléticas e reumáticas. Estará moderada polo director da Cátedra, o doutor Juan Gestal. Os expertos participantes manterán un coloquio posterior co público e proxectarase ademais o documental ‘A balneoterapia na patoloxía músculo-esquelética‘. Os asistentes ao encontro recibirán un exemplar do libro Balnearios en los Caminos de Santiago en Galicia, editado pola Cátedra de Hidroloxía.

O doutor Jesús Pino Mínguez é profesor da Universidade de Santiago e especialista en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). Afondará nos beneficios terapéuticos da cura termal para facer fronte ás doenzas musculoesqueléticas.

O especialista pon de relevo que a patoloxía musculoesquelética está a ter moita prevalencia na actualidade. Segundo os seus datos, estímase que entre o 70 e o 85% da poboación activa tivo un episodio de dor lumbar que restrinxiu a súa actividade física, afectando á súa actividade laboral e á súa calidade de vida. Tal como salienta, “a dor vertebral é a segunda causa de consulta médica despois da gripe, sendo a primeira causa de absentismo laboral“. Indica que “xunto aos clásicos tratamentos para esta patoloxía como son os fármacos, a cirurxía ou a rehabilitación, a balneoterapia está a ser de grande utilidade como tratamento coadxuvante, destacando así mesmo a ausencia de efectos secundarios”.

“A eficacia da balneoterapia na patoloxía muscoloesquelética está a ser avalada na actualidade por unha importante cantidade de ensaios clínicos e publicacións científicas, de xeito que entre a comunidade científica existe un amplo consenso respecto á efectividade das augas mineromedicinais nesta especialidade médica”, declara o doutor Pino. Sinala que, no caso particular da lumbalxia, “as augas termais favorecen o equilibrio do paciente. Ademais, a mellora que aporta a flotabilidade e a temperatura das augas, favorece unha melloría na carga hidrostática que soportan os discos intervertebrais. E, polo seu efecto relaxante sobre a musculatura paravertebral, a balneoterapia achega efectos terapéuticos beneficiosos sobre este cadro doloroso”. Nesta liña, o experto manifesta que “o exercicio terapéutico en augas termais pode ser un método seguro e eficaz para mellorar a pacientes con dor lumbar crónica”.

O doutor Jesús Figueroa Rodríguez é profesor da USC e xefe do Servizo de Rehabilitación do CHUS. Na súa intervención centrarase nas patoloxías reumáticas. En relación a estas doenzas, salienta que “non cabe dúbida de que a balneoterapia constitúe un tratamento coadxuvante ideal para a abordaxe de moitos procesos dolorosos do aparato locomotor, en particular nos procesos dexenerativos articulares como artroses de xeonllo, cadeira, lumbar…; reumatismos inflamatorios crónicos ou de partes brandas como a fibromialxia”.

O especialista indica que “tense demostrado que nestas patoloxías a balneoterapia mellora aspectos como a percepción da dor, a rixidez articular, o ton muscular e, en definitiva, a funcionalidade e a calidade de vida dos pacientes”.

Segundo o doutor, “no caso particular das persoas que padecen osteoartrite de xeonllo, que é a doenza dexenerativa máis común dos xeonllos, tense comprobado que o tratamento combinado de terapia termal con fármacos e exercicios de rehabilitación ofrece resultados moi favorables e sen efectos secundarios. Ademais, a aplicación de peloides ou barros termais axuda a diminuír a dor, reducindo o consumo de medicamentos específicos”.

ÚLTIMAS

A alcaldesa de Santiago di que “faltan detalles técnicos” para pechar o protocolo marco de colaboración coa Xunta sobre o CHUS

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asegurou que o protocolo marco de colaboración entre...

Falece María Belén López Meirama, profesora da Facultade de Filoloxía da USC

María Belén López Meirama, directora do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da...

O impacto do turismo masivo: alugueres cada vez máis inaccesibles en Santiago

Co final da selectividade e do curso universitario, chega o momento no que milleiros...

Compostela homenaxea a Francisco Asorey, escultor “de raza” e artista “referente”, no 63 aniversario da súa morte

O Panteón de Galegos Ilustres acolleu este martes un acto de homenaxe a Francisco...

Falece María Belén López Meirama, profesora da Facultade de Filoloxía da USC

María Belén López Meirama, directora do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da...

Compostela homenaxea a Francisco Asorey, escultor “de raza” e artista “referente”, no 63 aniversario da súa morte

O Panteón de Galegos Ilustres acolleu este martes un acto de homenaxe a Francisco...

O catedrático da USC Elisardo Becoña ingresa na Academia de Psicoloxía de España

Elisardo Becoña, catedrático de Psicoloxía Clínica na Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here