InicioSOCIEDADEA USC crea o programa Fénix para recuperar investigadores Ramón y Cajal...

A USC crea o programa Fénix para recuperar investigadores Ramón y Cajal perdidos por un erro na convocatoria

A iniciativa, “propia, extraordinaria e limitada”, busca incorporar catro persoas investigadoras que quedaron fóra do proceso de 2025 tras non completarse a solicitude tramitada pola Universidade

Publicado o

Xornal de Compostela

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deu o visto e prace ao programa Fénix, unha iniciativa propia coa que pretende apoiar a incorporación de persoas investigadoras vinculadas á convocatoria Ramón y Cajal de 2025 que quedaron fóra do proceso despois de que a Universidade non completase a solicitude correspondente. O caso remóntase a finais do pasado ano. Segundo confirmaron fontes da institución, o Consello de Goberno da USC aprobara a finais de novembro a oferta de prazas e as candidaturas correspondentes, aínda baixo o anterior equipo de goberno.

Tras esa aprobación había varias semanas para completar os trámites necesarios, pero o procedemento non chegou finalmente a formalizarse, o que deixou as candidaturas fóra da convocatoria. A Universidade abriu posteriormente unha investigación interna para determinar as responsabilidades polo sucedido. Agora, como resposta á situación xerada, pon en marcha o programa Fénix.

“RECUPERAR PARTE DESE TALENTO E ASUMIR RESPONSABILIDADE INSTITUCIONAL”

A vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta, Almudena Hospido, definiu Fénix como un instrumento “propio, extraordinario e limitado” exclusivamente á convocatoria Ramón y Cajal de 2025. Segundo explicou, o obxectivo é “recuperar, na medida do posible, parte dese talento e asumir responsabilidade institucional” polo acontecido.

A iniciativa busca facilitar a incorporación ou a continuidade destas persoas investigadoras na USC e ofrecerlles un marco de desenvolvemento profesional e científico inspirado nas condicións que terían obtido a través dun contrato Ramón y Cajal. O programa pretende así minimizar as consecuencias dun procedemento que non chegou a completarse e evitar que a Universidade perda persoal investigador que xa fora seleccionado internamente para concorrer á convocatoria.

CATRO PRAZAS EN INVESTIGACIÓN BIOMÉDICA, BIOSANITARIA E FÍSICA

O programa Fénix abrangue catro prazas, todas elas vinculadas á convocatoria Ramón y Cajal de 2025. Unha corresponde á área de Biosciencias e Biotecnoloxía, no Departamento de Fisioloxía e con adscrición ao Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS). Outras dúas prazas pertencen á área de Biomedicina, tamén dentro do Departamento de Fisioloxía e adscritas ao CIMUS. A cuarta corresponde á área de Ciencias Físicas, no Departamento de Física de Partículas e con adscrición ao Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).

COMPROMISO DE PRESENTARSE A FUTURAS CONVOCATORIAS

O programa establece tamén que as persoas investigadoras beneficiarias deberán concorrer ás próximas convocatorias Ramón y Cajal mentres sigan cumprindo os requisitos, así como a outros programas competitivos de excelencia que poidan permitir a súa consolidación. Fénix regula ademais as condicións de incorporación e vinculación coa USC, a dotación económica destinada ao desenvolvemento da actividade investigadora e un itinerario profesional orientado á eventual estabilización deste persoal.

Esta posible consolidación estará, en todo caso, condicionada ao cumprimento dos requisitos e dos procedementos de planificación, autorización e aprobación que correspondan dentro da Universidade. Con esta medida, a USC trata de dar unha saída excepcional ás consecuencias dunha convocatoria que non chegou a tramitarse correctamente, ao tempo que intenta manter na institución catro perfís investigadores que, de non mediar o erro administrativo, poderían ter optado aos contratos Ramón y Cajal de 2025.

ÚLTIMAS

O Concello reclama cambios no PIA de Lavacolla e cuestiona que permita estender o uso comercial por todo o parque empresarial

O Concello de Santiago presentou alegacións ao proxecto de interese autonómico (PIA) do parque...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

Pedro Blanco preséntase como o candidato “valente” do PSdeG para Compostela

O candidato á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, avogou por un cambio en Santiago...

‘El Muelle 1931 Shop’ reúne 15 DJs e coleccionistas en tres xornadas arredor da cultura do disco en Santiago

O barrio de San Pedro converterase durante tres días nun dos puntos de encontro...

A xuíza de Angrois apoia o indulto total da pena de prisión ao maquinista do Alvia

A maxistrada encargada da execución da sentenza polo accidente ferroviario de Angrois de xullo...

Declarado de interese autonómico o proxecto para crear un aparcadoiro de 1.500 prazas no CHUS

O Consello da Xunta declarou proxecto de interese autonómico (PIA) a reordenación da contorna...

A USC incorpora 13 obras de José María Fenollera á Facultade de Xeografía e Historia

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) recibiu en comodato 13 obras do pintor...