InicioSOCIEDADESantiago xa é zona tensionada: os novos alugueiros non poderán superar o...

Santiago xa é zona tensionada: os novos alugueiros non poderán superar o prezo do contrato anterior

A declaración entra en vigor durante tres anos, limita as rendas dos grandes posuidores, permite prórrogas extraordinarias dos contratos e abre a porta a incentivos fiscais e máis axudas públicas

Publicado o

Xornal de Compostela

A declaración de Santiago de Compostela como zona de mercado residencial tensionado entrou en vigor este xoves e prolongarase durante un prazo de tres anos. A aplicación deste instrumento permitirá contar coas medidas de contención dos prezos do alugueiro previstas na lexislación estatal, así como coas actuacións recollidas no plan elaborado polo Concello para tratar de corrixir os desequilibrios existentes no mercado da vivenda.

Santiago convértese deste xeito na segunda cidade galega en recibir esta clasificación, despois da Coruña, cuxa declaración entrou en vigor hai xusto un ano. Xunto coa capital galega, outras seis localidades españolas incorporáronse esta semana á listaxe oficial, que suma xa 317 municipios considerados zonas tensionadas. Segundo o Ministerio de Vivenda, este instrumento protexe actualmente arredor de 9,3 millóns de persoas.

OS NOVOS CONTRATOS NON PODERÁN SUPERAR A RENDA ANTERIOR

Desde este xoves, os novos contratos de alugueiro asinados en Santiago non poderán superar o prezo do contrato anterior da mesma vivenda. Tampouco se poderán establecer novas condicións que obriguen o arrendatario a asumir cotas ou gastos que non estivesen previstos con anterioridade. A única excepción producirase cando o inmoble fose obxecto de actuacións de rehabilitación ou mellora que permitan aplicar os incrementos previstos legalmente.

LÍMITES PARA GRANDES POSUIDORES E VIVENDAS SEN ALUGAR

No caso dos inmobles pertencentes a propietarios considerados grandes posuidores, a renda acordada ao inicio dun novo contrato non poderá superar o límite máximo establecido segundo o índice de prezos de referencia do Ministerio de Vivenda. Esta mesma limitación aplicarase tamén ás vivendas que non estivesen alugadas durante os últimos cinco anos.

En Santiago consideraranse grandes posuidores as persoas físicas ou xurídicas propietarias de cinco ou máis vivendas. A normativa estatal fixa por defecto esta definición para quen posúa dez ou máis inmobles, pero permite reducir o limiar nas zonas tensionadas cando así se solicite, como sucedeu no caso compostelán.

PRÓRROGAS EXTRAORDINARIAS DE ATA TRES ANOS

Os contratos de alugueiro de vivenda habitual sometidos á declaración poderán prorrogarse de maneira extraordinaria por períodos anuais e durante un máximo de tres anos. Durante ese tempo, segundo establece a normativa estatal, “seguiranse aplicando os termos e condicións establecidos para o contrato en vigor”. Esta medida busca ofrecer unha maior estabilidade ás persoas arrendatarias unha vez remate o período ordinario do contrato.

INCENTIVOS FISCAIS E MÁIS AXUDAS PÚBLICAS

A declaración permitirá tamén aplicar os incentivos fiscais no IRPF previstos para os propietarios que aluguen as súas vivendas cumprindo determinadas condicións relacionadas co prezo ou co perfil da persoa arrendataria. Ademais, Santiago poderá acceder a axudas máis cuantiosas para a execución das actuacións incluídas no Plan Estatal de Vivenda 2026-2029.

O PLAN DE MEDIDAS CORRECTORAS DO CONCELLO

Como esixe a lei, o Concello elaborou un plan de medidas correctoras que se aplicará durante os tres anos de vixencia da declaración. O documento inclúe actuacións para optimizar o uso do parque residencial, incrementar a oferta de vivenda protexida e mellorar a eficiencia da Administración municipal nesta materia. Entre as medidas previstas figuran a tributación das vivendas baleiras, as actuacións destinadas a ampliar o parque público e protexido e un maior control sobre os usos turísticos dos inmobles.

Algunhas destas iniciativas xa están en marcha ou en proceso de aplicación. É o caso do control dos pisos turísticos, cuxo número se reduciu durante os últimos anos. No tocante ás vivendas desocupadas, o Concello xa modificou a ordenanza do imposto sobre bens inmobles (IBI) e está a elaborar o censo necesario para aplicar os recargos correspondentes.

UN SERVIZO GRATUÍTO PARA RESOLVER DÚBIDAS

O Goberno local puxo en marcha en xuño un servizo gratuíto de asesoramento en materia de alugueiro. A atención préstase telefonicamente os martes e de maneira presencial os venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Entre outras cuestións, o servizo atende consultas destinadas a resolver dúbidas sobre a declaración de zona tensionada e sobre os efectos que terá nos contratos de alugueiro da cidade.

GORETTI DESCARTA QUE A ZONA TENSIONADA REDUZA A OFERTA DO ALUGUEIRO

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, descartou que a declaración da cidade como zona de mercado residencial tensionado provoque unha caída da oferta de vivendas en alugueiro. “Eu creo que non, que non vai existir esa posibilidade. O que estamos vendo polos datos que temos é que as medidas que acompañan toda a declaración de zona de mercado residencial tensionado van ser medidas positivas”, afirmou a preguntas dos xornalistas tras inaugurar unha plataforma loxística no polígono do Tambre. En todo caso, Sanmartín sinalou que o Goberno municipal irá avaliando a evolución do mercado “a medida que vaia pasando o tempo”.

A rexedora insistiu na “necesidade de contención dos prezos”, unha medida que, ao seu xuízo, era “imprescindible para que a xente tamén poida vivir en Santiago en réxime de alugueiro”. Segundo explicou, este era precisamente o segmento do mercado da vivenda que “se estaba tensionando de maneira especial” na capital galega. Coincidindo coa entrada en vigor da declaración, Sanmartín cualificou a medida como unha “noticia moi positiva para o conxunto da poboación” de Compostela. A alcaldesa lembrou ademais que a declaración de zona tensionada está acompañada doutras actuacións municipais destinadas a facilitar o acceso á vivenda.

Goretti Sanmartín afirmou que é a Xunta a que debe realizar o procedemento de inspección e control para que se cumpra a zona de vivenda residencial tensionada, xa que as competencias en vivenda son dos gobernos autonómicos e é o que se fai noutras CC.AA.

“Nós temos unhas obrigas con ese plan de medidas correctoras. Todo o mundo ten esas obrigas que ten que cumprir e, por suposto, a posibilidade de facer inspección para que se cumpra é da Xunta”, explicou en rolda de prensa.

E é que, a preguntas dos medios tras entrar en vigor esta cuestión, o titular do Goberno galego argumentou que, se a Xunta “quixese boicotear algo, era tan doado como non facer esa declaración”. Polo tanto, “boicot cero”, manifestou antes de sinalar que, a partir de agora, os resultados da declaración serán “responsabilidade do Concello”.

Neste contexto, a mandataria local preguntouse “quen sabe os contratos que hai e onde están depositados? e quen leva ese control?”, ao tempo que indicou que iso non se fai a nivel municipal, polo que é “lóxico” que a inspección a faga a Xunta.

RUEDA NEGA UN BOICOT DA XUNTA Á ZONA TENSIONADA

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, rexeitou este xoves que o Goberno galego estea a boicotear a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado e subliñou que os seus resultados serán responsabilidade do Concello. A preguntas dos medios tras a entrada en vigor da medida, Rueda argumentou que, se a Xunta “quixese boicotear algo, sería tan doado como non facer esa declaración”“Pídea o Concello, pero faina a Xunta”, lembrou. Por iso, insistiu en que existe “boicot cero” por parte do Executivo autonómico.

“SE VAI BEN, MEDIDA BEN TOMADA; E, SE NON, AO REVÉS”

Rueda sinalou que, a partir de agora, os efectos da declaración dependerán da xestión municipal. “Se a cousa vai ben, medida ben tomada; e, se non, ao revés”, aseverou. O presidente defendeu tamén as palabras da conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, quen afirmou este mércores que a declaración de Santiago “non era unha boa noticia”. Segundo explicou Rueda, a experiencia da Coruña mostra que os prezos apenas baixaron un 1%, mentres que se retiraron numerosos pisos do mercado de alugueiro.

A XUNTA CIFRA NUN 50 % A CAÍDA DA OFERTA NA CORUÑA

“Creo que iso non é bo. Era unha consecuencia que diciamos que se podía producir e produciuse”, sostivo. Rueda insistiu en que, en menos dun ano, a oferta de alugueiro na Coruña se reduciu un 50%, unha evolución que, ao seu xuízo, confirma os riscos advertidos pola Xunta antes da aplicación deste instrumento.

RESPOSTA DA XUNTA A SANMARTÍN

O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo da Xunta, Heriberto García Porto, respondeulle á alcaldesa de Santiago, a nacionalista Goretti Sanmartín, no que atinxe ás zonas de mercado residencial tensionado, que non é competencia do Executivo autonómico “establecer un procedemento de seguimento nin moito menos un réxime sancionador”.

As zonas de mercado residencial tensionado e o procedemento para a súa declaración están regulados na Lei estatal de vivenda“, manifestou, en declaracións remitidas aos medios, nas que subliña que o papel da Xunta, en aplicación da lei e por solicitude dos concellos interesados, é comprobar o cumprimento dos requisitos e dar o visto e prace, se procede, á declaración.

“Pero en ningún caso é competencia da Xunta establecer un procedemento de seguimento e moito menos un réxime sancionador. É unha lei estatal e, se é o caso, debe ser o Estado quen estableza o réxime sancionador”, recalca. Ao respecto, subliña que o Concello de Santiago, “se entende que hai unha falta de regulación”, o que debe facer é “dirixirse ao Estado”.

Manifestouno despois de que, nesta mesma xornada, Sanmartín destacase que é a Xunta a que debe realizar o procedemento de inspección e control para que se cumpra o que supón a declaración de mercado tensionado. Fíxoo co argumento de que as competencias en vivenda son dos gobernos autonómicos e é o que se fai noutras CC.AA.

ÚLTIMAS

Prisión provisional e sen fianza para o detido polo atropelo mortal en Bertamiráns

O detido polo atropelo mortal sucedido este mércores en Bertamiráns, no municipio coruñés de...

Borja Verea promete reducir a menos de 20 días o pagamento aos provedores do Concello de Santiago

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, comprometeuse a situar o período...

Dous detidos en Santiago mentres roubaban xoias nun domicilio do centro

Dúas persoas foron detidas o pasado domingo tras ser pilladas 'in fraganti' mentres roubaban...

Investigado por asasinato o detido logo dun atropelo intencionado en Ames no que a vítima faleceu

A Garda Civil investiga por un delito de asasinato ao detido este mércores por...

Borja Verea promete reducir a menos de 20 días o pagamento aos provedores do Concello de Santiago

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, comprometeuse a situar o período...

Dous detidos en Santiago mentres roubaban xoias nun domicilio do centro

Dúas persoas foron detidas o pasado domingo tras ser pilladas 'in fraganti' mentres roubaban...

Pedro Blanco destaca o Xacobeo 2027 como unha “oportunidade para proxectar Galicia no mundo

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou o Xacobeo 2027 como unha...