InicioSOCIEDADESantiago vive un multitudinario Día de Galicia entre tradición, política e festa

Santiago vive un multitudinario Día de Galicia entre tradición, política e festa

A Ofrenda ao Apóstolo, os actos institucionais e o ambiente nas rúas marcaron unha xornada con grande afluencia de visitantes.

Publicado o

Xornal de Compostela

Como cada 25 de xullo, Santiago de Compostela celebrou o Día Nacional de Galicia cunha xornada na que conviviron a tradición relixiosa, os actos institucionais, a reivindicación política e o ambiente festivo nas rúas. A cidade reuniu milleiros de veciños, peregrinos e visitantes arredor da Ofrenda ao Apóstolo, aínda que cunha afluencia algo menor ca noutras edicións. A forte presenza policial e os controis de acceso ao Obradoiro, onde non se permitía entrar con mochila, provocaron longas ringleiras para acceder á praza durante a mañá.

A ausencia do rei Felipe VI, representado nesta ocasión polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, xerou certa decepción entre algúns asistentes, especialmente entre turistas que descoñecían que o monarca non presidía este acto desde 2022. Durante a súa intervención na Catedral, Santalices expresou o desexo de que o rei participe na celebración do Xacobeo 2027 e solicitou tamén a súa mediación para que o papa León XIV visite Santiago con motivo do Ano Santo.

No plano institucional, a cerimonia desenvolveuse coa presenza das principais autoridades galegas e estatais. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e numerosos conselleiros e representantes públicos participaron na comitiva oficial. Feijóo foi, ademais, unha das figuras máis demandadas polos asistentes, que aproveitaron a súa presenza para fotografarse con el e saudalo. Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, non participou na parte litúrxica, como é habitual, pero recibiu posteriormente ás autoridades no Pazo de Raxoi.

Na recepción oficial, Goretti Sanmartín reivindicou Santiago como un “lugar de paz, de memoria e de dignificación dos sinais de identidade”, facendo un chamamento ao diálogo e á cooperación entre institucións. A rexedora tamén lembrou o 90 aniversario do plebiscito do Estatuto de Galicia e homenaxeou a Camilo Díaz Baliño, protagonista do cartel das festas deste ano, apelando á necesidade de preservar a memoria histórica e de evitar que a sociedade se deixe arrastrar “polos ventos do odio ou da polarización”.

ÚLTIMAS

O Sindicato de Vivenda de Compostela denuncia que unha manifestante ingresou no hospital tras unha agresión policial

O Sindicato de Vivenda de Compostela denunciou que varias participantes nas mobilizacións da folga...

O PSdeG abre a campaña en Santiago cun chamamento á mobilización para o 29-N

O PSdeG iniciou en Santiago a campaña para as eleccións xerais do 29 de...

Pedro Sánchez participará nun acto electoral en Santiago o mércores 18 de novembro

O presidente do Goberno e candidato do PSOE ás eleccións xerais, Pedro Sánchez, visitará...

Fronte Ampla propón crear unha empresa farmacéutica pública en Santiago en colaboración coa USC

A coalición Fronte Ampla presentou este xoves en Santiago de Compostela o seu programa...

Condenados a máis de 4 anos de prisión por prender lume a unha discoteca de Santiago con 200 persoas dentro por non deixalos entrar

O que comezou como unha negativa a permitir a entrada nun local de ocio...

O maquinista do Alvia evita polo de agora o cárcere á espera da decisión sobre o indulto

A xuíza María Elena Fernández Currás accedeu a suspender o cumprimento da pena de...

A muller que apuñalou a un home en Ames en febreiro acepta tratar o seu consumo de drogas a cambio de non ir a...

A muller acusada de tentativa de homicidio por apuñalar un home en Bertamiráns, en...