InicioSOCIEDADEA Revista Galega de Educación aborda os desafíos da dixitalización nas aulas...

A Revista Galega de Educación aborda os desafíos da dixitalización nas aulas no seu novo número

A libraría Couceiro acollerá o acto de presentación do monográfico centrado no programa E-Dixgal e na integración das tecnoloxías no ensino galego

Publicado o

Xornal de Compostela

A Revista Galega de Educación (RGE), editada polo Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega (NEG), vén de publicar o seu número 92, centrado nos retos e oportunidades da dixitalización no ensino galego. O monográfico aborda en profundidade o programa E-Dixgal, promovido pola Xunta de Galicia, e ofrece unha análise ampla e crítica sobre o uso das novas tecnoloxías nas aulas.

A presentación oficial desta nova entrega terá lugar en Santiago de Compostela, o martes 17 de xuño ás 19:00 horas, na libraría Couceiro, un dos espazos de referencia do pensamento pedagóxico e cultural da cidade. O acto está aberto ao público e diríxese especialmente á comunidade educativa, aos colectivos vinculados á innovación no ensino e a todas aquelas persoas interesadas no debate arredor da dixitalización nas escolas galegas.

Coordinado por Jesús Rodríguez Rodríguez, Silvia López Gómez, Camino Pereiro González e Denébola Álvarez-Seoane, o número recompila achegas de profesionais de diferentes etapas educativas, así como análises teóricas e experiencias de aula. Entre os textos destacados figura o documento Medidas necesarias para mellorar a dixitalización nas aulas galegas, no que se propoñen liñas de actuación para unha integración tecnolóxica sostible, crítica e adaptada ao contexto educativo galego.

Outros artigos abordan cuestións como a formación dixital do profesorado, a alfabetización tecnolóxica na primeira infancia, a aplicación de metodoloxías STEM na secundaria, a incorporación da intelixencia artificial nas dinámicas escolares ou os desafíos da educación dixital no medio rural.

A publicación tamén inclúe unha entrevista con Manuel Area e Jordi Adell, especialistas recoñecidos no ámbito da tecnoloxía educativa, que ofrecen unha visión crítica sobre a estratexia dixital institucional e alertan sobre os riscos dunha implantación sen base pedagóxica clara.

Desde a NEG subliñan que este número da RGE chega nun momento de especial relevancia, xa que a expansión das tecnoloxías nos centros educativos está a suscitar debates intensos sobre o modelo de escola que se quere construír. Neste sentido, consideran que o monográfico pode ser unha ferramenta útil para fomentar a reflexión e o diálogo informado na comunidade educativa galega.

ÚLTIMAS

Sanmartín acusa a Xunta de obstaculizar a zona tensionada e reclama máis datos para avaliar os seus efectos

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, cuestionou este venres a actuación da...

A alcaldesa lamenta a morte de Beiras e chama a divulgar o seu legado entre as novas xeracións

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, expresou este venres o seu pesar...

Mercedes Rosón e as non adscritas apoian a oposición veciñal ao parque empresarial de Lavacolla

As concelleiras e o concelleiro non adscritos do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, Mila...

Santiago concederá case 2.000 bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares, 145 máis que o curso pasado

O Concello de Santiago de Compostela prevé conceder un total de 1.989 bolsas de...

A acampada de Santiago pola vivenda mantense pese ao mal tempo “ata que haxa cambios reais”: “Como bos galegos, non nos para a choiva”

A acampada pola vivenda instalada na Praza do Obradoiro de Santiago continuará de xeito...

O PSOE urxe a Raxoi a definir xa o futuro de Fontes do Sar e Santa Isabel

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, instou o Goberno local a avanzar...

O Ano Santo 2027 arrancará o 31 de decembro coa apertura da Porta Santa ao mediodía

O vindeiro 31 de decembro darase o pistoletazo de saída oficial ao Ano Santo...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here