InicioSOCIEDADEEstes dous mozos santiagueses e o seu reto viral en Tik tok:...

Estes dous mozos santiagueses e o seu reto viral en Tik tok: situar os 313 concellos galegos nun mapa

Lucas e Pedro iniciaron unha aventura en Tik tok e os seus vídeos fixéronse virais. E ollo que saen á rúa para ver canto sabe a xente de xeografía!

Publicado o

Por Amanda Ferpe

Saberías situar no mapa onde se atopa Entrimo? E Lourenzá ou Boborás? E os 313 concellos galegos? Pois este é o reto que teñen por diante, Pedro Ruíz e Lucas Rodríguez. Estes dous mozos santiagueses viven xuntos en Vigo desde fai tres anos e crearon un xogo que difunden en Tik tok“Subimos o primeiro vídeo por subir e fíxose viral, non contabamos con isto”, recoñecen. Pero como xurdiu a idea? Resulta que dende hai tempo consultaban unha páxina onde cubrían concellos doutro xogo. “Pouco despois, o Celta sacou a camiseta da tempada cos 313 concellos galegos e pensamos que sería guai sabelos de memoria. Tamén un chío nos animou a poñer a proba os seus coñecementos de xeografía”, explica Lucas.

A cousa quedou aí, nun desexo, ao que se lle sumou, outro. As paredes do piso estaban baleiras e pensaron en poñer uns pósters ou marcos. Porén, un día a Lucas ocorréuselle que tanto falar do mapa e dos concellos, que podería ser entretido imprimir un mapa e poñelo na parede. “Cando cheguei de clases atopeime co xogo, un mapa e 313 papeliños para ir cubrindo e pensei en subilo a Tik tok, sen agardar a repercusión”, conta Pedro. Ambos xa se coñecían do instituto e estudan Enxeñería eléctrica (Pedro) e Enxeñería mecánica (Lucas).

CANTOS CONCELLOS SAÍRON NO XOGO? COMO FUNCIONA? 

“Desde o inicio iamos facer o xogo, sen ter en conta as visualizacións que puidera ter, e temos pensado chegar aos 313 concellos. Era inicialmente para nós e agora tamén para a xente que ve os vídeos”, comentan. Lucas, pese a ser de Santiago de Compostela, ten unha tía que traballa en Verín e vai moito, “son cigarrón”, destaca. Así, soe fixarse nos distintos carteis da estrada que conecta a capital con Verín, e tamén ten familia en Forcarei, e fai o propio. “De igual forma da liña entre Santiago e Vigo. Non era consciente de que moitos eran concellos e fun probando nunha páxina a ubicalos no sitio correspondente. Dalgúns escoitara falar pola súa gastronomía ou festas”, expón.

No caso de Pedro, tamén é de Santiago, pero a súa familia e de Ribeira; e seguidor do Deportivo da Coruña e fai surf: “Coñezo máis ou menos A Coruña enteira, a zona da costa por facer surf en Valdoviño, pasar por Narón, Ferrol, e a costa de Lugo. O que máis me custa e o interior de Ourense e de Lugo”. Antes de comezar co reto practicaban a situar os concellos, pero agora xa teñen como norma non consultalo previamente: “Aprendes a base de ter erros, a papeleta que non acertamos volve para a caixa e así poder saír de novo. Ao fallar miras onde está e que hai ao redor para a próxima”.

Pero como puntualizan? Lucas, polo de agora, ten pleno de acertos nos 11 vídeos que levan, mentres que a Pedro resistíuselle algún. Propoñen un xogo, escollerán cada un unha papeleta sen mirar e terán que marcalo no mapa, se é correcto suma un punto e se falla resta un, e non poñelo supón 0 puntos. Saíron xa: As Somozas, Outes, Entrimo, Riotorto, Ribeira de Piquín, Ponteceso, Barbadás, Lourenzá, O Barco de Valdeorras, Nogueira de Ramuín, Teo, Boborás, Vilariño de Conso, Gondomar, Bergondo e Vila de Cruces.

Un total de 16 concellos, que ademáis de situalos no mapa, tamén van acompañados de imaxes representativas de cada lugar. “Pensamos en que se saíse o noso concello, tamén nos gustaría que se visen imaxes do máis destacado que ten ou curiosidades. Dalgún é máis difícil atopar, pero imos sacando pouco a pouco”, apuntan. Por exemplo, a Lucas chamoulle a atención o caso de Teo: “Mira que estamos aburridos de pasar por aló ao ser de Santiago e, mesmo pola ponte colgante, sen saber que era a máis longa de Galicia. Ao final coas imaxes e situando no mapa podemos aportar maior coñecemento nun vídeo breve”. Pedro non sabía nin pasara nunca por Nogueira de Ramuín: “Buscando ese din cun dato que me sorprendeu como que a Fonsagrada é o concello máis grande”. 

A XEOGRAFÍA NA RÚA

Recentemente Lucas e Pedro trasladaron este xogo á rúa nunha “andaina por Compostela”, xunto a o tiktoker, Lucas Rey: “Propúxonos esta idea de ir co mapa e preguntar sobre xeografía pola rúa e como xa leva un tempo creando contido, deixámonos guiar”. Así, decidiron ir ata Santiago e parar á xente para ver se sabían situar no mapa o concello galego que lles saira.

Falaron con dúas mozas que sacaron a pepeleta de O Saviñao e pensaron: “Soa a por Portugal ou preto, non?”. Ían un tanto desencamiñadas e tiveron unha segunda oportunidade con Cerdedo-Cotobade, pero sen éxito. Logo, un home foi quen de situar ben Sarria e un grupo de tres rapazas tamén probaron a xogar. Sairon o concello de Lalín, de Agolada e de Salceda de Caselas, sen ser ben situados no mapa. “Son malas as clases de xeografía”, dicía unha delas no vídeo.

“Xa agardabamos algo así, a parte do descoñecemento á hora de ubicar sitios, as xeracións novas soe pasar do tema, non só de xeografía de Galicia, senón en xeral. Hai aplicacións de mapas e dálles igual se Muros está ao lado de Outes ou de Noia, saben que está por aló e xa”, comparten. Se ben é certo que lles sorprendeu que non se situara ben Lalín no mapa ao ser “grande e coñecido”. Consideran que nos colexios “xeografía de Galicia pouca” e que pola súa experiencia os que saben é porque xogan ao fútbol ou baloncesto: “Practicar un deporte supón desprazarse a distintos campos, en distintas zonas e ir coñecendo”.

CAL SERÁ O PRÓXIMO RETO LOGO DE SITUAR ESTES 313 CONCELLOS? 

Que concello lles faría ilusión que saíse antes? “Eu estou ansioso e faríame ilusión que me tocara Verín”, di Lucas, mentres que Pedro tira por Ribeira, esa zona do Barbanza: “É onde vou os fins de semana, polo verán, onde teño a familia e de onde destacaría a festa da Dorna. É totalmente diferente ás demais festas, con moitas actividades e que só sabe o que significa e comos e vive a xente que é de aló”.

feedback da xente en comentarios é moi positivo e expresan estar “expectantes” a que saian os seus concellos e ver se saben colocalos. Só levan 16 dos 313, así que aínda lles quedan moitos papeliños por diante, pero e despois? “Estivemos o outro día falando de que moitos nomes de concellos proceden da denominación do río que pasa polos mesmos, Ribadeo ou Pontedeume. Pensamos en situar ríos de Galicia, pero xa veremos!”.

Isto do xogo tamén repercutiu na relación con outra xente: “Ao ser universitarios, xa ten pasado de falar con alguén e moitos crer que non se sabe onde queda ese concello. Non hai moito, falamos con dúas mozas de Zás ou de Cee, que levaron unha sorpresa ao ver que sabiamos deses concellos”. Procuran tamén cos vídeos aportar valor e xerar un contido divulgativo: “Hoxe en día hai moitos contidos en Tik tok e noutras redes, aleatorio, espontáneo, curto e que non aporta. En vídeos dun minuto tentamos xerar coñecemento e a xente é algo que agradece, máis aló do fenómeno das reproducións”.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

ÚLTIMAS

(VÍDEO) O Samaín: a festa celta que inspirou o Halloween

Aínda que o Halloween é popular hoxe en día, esta festividade ten en realidade...

(VÍDEO) Bonaval: O ‘cemiterio para vivos’ de Compostela

Sabías que en Santiago hai un cemiterio para vivos? Se algunha vez paseaches polo...

Desarticulan un grupo que abastecía un punto de venda de drogas en Concheiros, con cinco detidos

A Policía Nacional detivo a cinco persoas na desarticulación dun grupo dedicado ao tráfico de drogas...

Atopan o cadáver dunha muller nun piso da Rúa Home Santo

Os servizos de emerxencias localizaron este martes o cadáver dunha muller duns 40 anos...

Persoal das fundacións públicas de investigación sanitaria de Galicia ameazan cunha folga ante a sede da Consellería

Decenas de persoas concentrouse este mércores ante a sede da Consellería de Sanidade, no barrio...

A iluminación de Nadal en Santiago aumenta en 50.000 euros este ano

A Xunta de Goberno de Santiago de Compostela aprobou este luns a adxudicación do...

O Concello de Santiago remarca que “claro que afecta” aos prezos de aluguer a presenza das VUT

A concelleira de Turismo de Santiago, Miriam Louzao, reafirmou este luns a posicion do...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here