InicioECONOMÍAO Concello inicia a licitación do novo contrato dos centros socioculturais con...

O Concello inicia a licitación do novo contrato dos centros socioculturais con máis investimento e tres lotes

O concelleiro Xan Duro detalla un aumento orzamentario do 24% respecto a 2021, a reorganización en tres lotes e a ampliación de horarios e servizos en barrios como Vite e Romaño

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago de Compostela puxo en marcha a licitación do contrato de xestión da rede de centros socioculturais por un período de dous anos con posibilidade de prórroga por outros dous e un orzamento base de arredor de 3,4 millóns de euros. O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, explicou que o novo expediente incorpora melloras organizativas e laborais e supón “un 24% máis de investimento que a licitación de 2021”, o que, dixo, “permitirá destinar preto de 400.000 euros adicionais por ano á rede”. “Teríame gustado iniciar o procedemento antes, pero traballamos en pregos complexos para ofrecer o mellor servizo á veciñanza e máximas garantías ao persoal”, afirmou.

A proposta reduce de catro a tres os lotes do contrato para simplificar a xestión. O lote 1 (Atención e Información ao Público) reforza o punto de entrada dos centros e prevé máis de 19.000 horas anuais de atención, 4.000 máis que no contrato anterior. Este incremento permitirá unificar horarios e abrir polas mañás en barrios que o demandaban, como Romaño e Vite. Os centros de Maruxa e Coralia (Casco Histórico), Aurelio Aguirre (Conxo), Santa Marta, José Saramago (Vite), San Xoán, Romaño, As Fontiñas, xunto coa Casa das Asociacións de Cornes e Agustín Bueno (Castiñeiriño), funcionarán de luns a venres de 09:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:30, e os sábados de 10:00 a 14:00; en San Xoán, Santa Marta e Maruxa Coralia engádese tamén a franxa de 17:00 a 21:00 os sábados pola tarde. “Buscamos axustar mellor os horarios ás dinámicas de cada barrio”, indicou Duro.

O lote 2 céntrase na Biblioteca Municipal José Saramago, cun mínimo de 10.600 horas anuais para xestión bibliotecaria, préstamo intercentros e programas de animación á lectura. O concelleiro salientou que a biblioteca conta con máis de 6.000 persoas usuarias con carné e preto de 14.000 préstamos rexistrados, e mantén 19 grupos entre clubes de lectura, escritura e dinamización infantil e xuvenil. O prego inclúe a creación dunha web específica e a xestión das redes sociais do servizo, ademais do novo premio José Saramago de relato curto. “Queremos seguir avanzando na digitalización para mellorar a atención aos lectores e lectoras”, apuntou.

O lote 3 (Dinamización e Mediación Sociocultural) integra a antiga área de Animación e o bloque de Novas Tecnoloxías —neste contrato unificados— para facer a oferta “máis atractiva” ás empresas. A programación fixa contempla un programa de xogo e lecer con 6.000 horas anuais, clubes de tempo libre para persoas maiores (1.500 horas) e club mozo (1.500 horas), ademais de dinamización dixital e novas tecnoloxías con 8.000 horas anuais, unha das actividades “de maior demanda”, especialmente entre a poboación maior. A oferta completarase con actividades ordinarias arredor de eixos como cultura e arte, memoria e patrimonio, natureza e sustentabilidade e benestar e saúde, así como actividades estacionais (Entroido, Semana Santa, Verán e Nadal) por 2.000 horas anuais, e unha bolsa de 3.500 horas para accións non regulares ao longo do ano.

No plano laboral, os pregos recollen cláusulas para favorecer a estabilidade: calquera ampliación de horas deberá priorizar o persoal xa subrogado, co obxectivo de concentrar xornadas e avanzar cara a contratos máis amplos. “Confiamos en mellorar as condicións e dar resposta ás distintas casuísticas do servizo”, sostivo o edil.

O anuncio de licitación publicarase e abrirase un prazo de 35 días naturais para a presentación de ofertas. Duro lembrou a complexidade do contrato, que abrangue 43 centros e un volume elevado de horas e actividades, con adaptación de horarios e coordinación de públicos diversos. Sobre as incidencias dos primeiros días de curso nalgúns espazos, como Santa Marta, indicou que se requiriron explicacións á empresa e que se tratou de episodios “mínimos”, coa previsión de que a programación quede normalizada esta semana. “Agora que o expediente bota a andar, agardamos resolver no menor prazo posible, cumprindo a lei, para reforzar unha rede da que nos sentimos orgullosos”, concluíu.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here