InicioSOCIEDADEA autovía Brión-Noia, un paso máis preto: licitadas por 11,2 millóns de...

A autovía Brión-Noia, un paso máis preto: licitadas por 11,2 millóns de euros as obras para a reconversión do corredor

O prazo de execución é de 18 meses e a estimación é transformar en autovía 4,9 quilómetros de vía

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta licitou por 11,2 millóns de euros a execución das obras da conversión en autovía de 4,9 quilómetros da vía de altas prestacións Brión-Noia, que discorre polos concellos de Brión e Rois, e que terán un prazo de execución de 18 meses. Neste contexto, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, debullou ante os medios os detalles desta licitación, á que as empresas poden presentar ofertas ata o 12 de setembro.

Segundo indicou a titular de Infraestruturas, xa está colgada a licitación no perfil do contratante para que as empresas poidan presentar as súas ofertas e, tal e como explicou o director, ampliouse o prazo de presentación de ofertas ata o 12 de setembro, para que no mes de agosto “non pille por sorpresa aos contratistas”. En concreto, actuarase no tramo entre Brión e a ligazón de Urdilde –entre os puntos quilométricos 11+640 e 16+600–. Trátase dunhas obras que darán continuidade á aprobación do proxecto de trazado de desdobramento da CG-1.5 entre o final da autovía Santiago-Brión ata o inicio do tramo Martelo-Noia, “cun investimento estimado que supera os 29 millóns de euros”.

“Serán máis de 11 millóns de euros de investimento e cinco quilómetros a maiores que, como ben dicía o director, tentaremos iniciar a súa execución este mesmo ano para que sexa unha realidade no ano 2027”, indicou Martínez Allegue. Neste sentido, aproveitou para facer un chamamento ao Goberno Central, ao que pediu que “sexa valente e tome exemplo do que fixo a Xunta co rescate das autovías con peaxe en sombra”.

A ACTUACIÓN

En concreto, a estrada proxectada no desdobramento terá en cada calzada dous carrís de 3,5 metros, beiravías de 2,5 metros exterior e un metro interior, tamén disporá dunha mediana de 3 metros, “dando continuidade ás características da autovía no tramo Santiago-Brión”. No marco das obras que se acometerán, realizaranse algunhas modificacións na conexión coa autovía Santiago-Noia (AG-56), co obxectivo de “adaptar o trazado existente á nova autovía”. Unha delas será a reconstrución dos “noiros do desmonte” na marxe esquerda en dirección Noia, para obter “o ancho necesario para a nova sección”.

Con todo, conservarase a ligazón de Urdilde, sendo obxecto do desdobramento a execución definitiva dos ramais da calzada para desdobrar, pero o ramal de entrada en Gundín desaparecerá coa ampliación da calzada pola “imposibilidade física” de conservalo co desdobramento da vía. Por último, a conselleira sinalou que o desdobramento licitado beneficiará de maneira directa a unha poboación de máis de 160.000 habitantes dos concellos de Brión, Rois, Santiago, Ames, Lousame e Noia. E lembrou que as vías de altas prestacións supoñen xa máis de 500 km da rede viaria autonómica, “de maneira que 8 de cada 10 galegos xa viven a menos de 15 minutos dunha destas estradas”.

ÚLTIMAS

O PP de Santiago denuncia “insultos” de manifestantes da CNT durante unha actividade informativa en Carreira do Conde

O Partido Popular de Santiago denunciou este venres un incidente con participantes nunha manifestación...

A CIG denuncia ante a Inspección de Traballo deficiencias de seguridade no laboratorio do Hospital Clínico de Santiago

A CIG-Saúde presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo pola situación do Laboratorio...

Santiago cederá á Xunta unha parcela na Muíña para construír 123 vivendas públicas de alugueiro

O Concello de Santiago cederá á Xunta de Galicia unha parcela municipal na Muíña...

Un veciño de Santiago asegura que tivo que mudar de casa tras anos de acoso homófobo por parte dun matrimonio

A Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, xulgou este venres un matrimonio...

Brión leva a pleno uns orzamentos de 9,2 millóns para 2026, un 19% máis que en 2024

O Pleno do Concello de Brión abordará este mércores, 7 de outubro, ás 13:00,...

Brión pide tamén reducir o consumo de auga ante o aumento da demanda e a situación de seca

O Concello de Brión fixo un chamamento á colaboración da veciñanza para limitar o...

Brión abre ao público unha mostra con 33 obras doadas en homenaxe a Xosé Vizoso

O Concello de Brión inaugurou na noite deste venres unha exposición integrada por 33...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here