InicioSANTIAGOBOQUEIXÓNO Pico Sacro acolle a Cerimonia do Lume Sagrado para dar a...

O Pico Sacro acolle a Cerimonia do Lume Sagrado para dar a benvida ao solsticio de verán

O ritual, representado pola Asociación da Fervenza do Castro de Callobre, serviu para acender as candeas que a veciñanza de Boqueixón empregará nas cacharelas de San Xoán

Publicado o

Xornal de Compostela

O Pico Sacro volveu converterse este mediodía nun espazo de encontro arredor da tradición coa celebración da Cerimonia do Lume Sagrado, un ritual vinculado á chegada do solsticio de verán e á obtención simbólica do lume a partir da luz solar. A actividade reuniu veciños e veciñas de Boqueixón nunha xornada marcada pola calor e polo ambiente festivo na contorna da capela de San Sebastián.

A representación correu a cargo da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre, da Estrada, que puxo en escena o séquito da Raíña Alda. O grupo concentrouse na zona do aparcadoiro do Pico Sacro e iniciou desde alí un desfile ata a ermida, acompañado pola música do grupo folclórico local Son de Gaita, de Sergude.

A comitiva estivo encabezada pola Raíña Alda e polo seu Druída, figuras centrais desta recreación. Xa diante da capela de San Sebastián, o Druída empregou o seu bastón, equipado cunha lupa no extremo, para concentrar a luz do sol sobre a ramaxe colocada no pebeteiro. O proceso prolongouse durante varios minutos, nun momento no que boa parte das persoas asistentes buscaron sombra arredor da ermida debido ás altas temperaturas.

A pesar da forte calor, o lume tardou en prender de maneira estable. O pebeteiro chegou a acenderse en varias ocasións, mais a brisa que sopraba no Monte Ilicino dificultou que as lapas se mantivesen. Finalmente, tras varios intentos, o Druída conseguiu prender o Lume Sagrado, que foi empregado para acender as candeas dos veciños e veciñas presentes.

Estas candeas serán utilizadas agora para prender as cacharelas de San Xoán, mantendo así a conexión entre o ritual celebrado no Pico Sacro e unha das tradicións máis arraigadas da noite do 23 de xuño. A cerimonia funcionou, deste xeito, como preludio das celebracións de San Xoán no municipio.

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, participou no acto acompañado polo concelleiro de Turismo, José Luís Mareque, e polo concelleiro de Obras, Manuel Fernández Munín. Rodeiro agradeceu a colaboración da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre, que un ano máis se encargou da posta en escena desta actividade no Pico Sacro.

Durante a súa intervención, o rexedor tamén animou ás persoas presentes a participar na programación dos ‘Atardeceres no Pico Sacro’, unha proposta que se desenvolverá durante os venres, sábados, domingos e vésperas de festivos.

“Todos os venres, sábados, domingos e vésperas de festivos haberá unha food-truck no Pico, acompañada de música e doutras actividades, para ver os atardeceres e anoiteceres no Pico Sacro. Ademais, haberá degustacións relacionadas coas festas de interese turístico que temos en Boqueixón: a Festa da Filloa de Lestedo, os Xenerais da Ulla de Sergude e as Carrozas do San Cidre”, adiantou o alcalde boqueixanés.

A Cerimonia do Lume Sagrado volveu poñer o foco no Pico Sacro como espazo simbólico e paisaxístico da comarca compostelá, cunha proposta que combina recreación, participación veciñal, música tradicional e celebración arredor das festas de San Xoán.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Xunta estrea en Boqueixón un distintivo para impulsar o aproveitamento dos alimentos

A Xunta presentou este luns en Boqueixón o distintivo 'Coa comida, Galicia sen desperdicio',...

Fotowalk Galicia reúne en Boqueixón máis dunha trintena de afeccionados á fotografía

Un total de 34 persoas afeccionadas á fotografía chegadas de distintos puntos de Galicia...

Boqueixón licita novas obras de saneamento por preto de 70.000 euros para seis aldeas

O Concello de Boqueixón vén de licitar dous proxectos destinados a ampliar e mellorar...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here