InicioSANTIAGOBOQUEIXÓNO alcalde de Boqueixón propón que o Pico Sacro forme parte das...

O alcalde de Boqueixón propón que o Pico Sacro forme parte das Montañas Sagradas do mundo

O ciclo ‘Un mes e Pico’ reivindica o valor patrimonial, histórico e simbólico do monte Ilicino e impulsa a súa candidatura a Ben de Interese Cultural

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Boqueixón inaugurou esta fin de semana a sétima edición do ciclo ‘Un mes e Pico’, unha iniciativa que busca divulgar o valor histórico, natural e simbólico do Pico Sacro e consolidar a súa candidatura a Ben de Interese Cultural (BIC). Durante o acto de apertura, o alcalde Ovidio Rodeiro animou á veciñanza a continuar apoiando o proxecto e anunciou un novo reto para o futuro: a inclusión do monte compostelán entre as ‘Montañas Sagradas do mundo’.

“Estou convencido de que todos xuntos conseguiremos ese obxectivo común: que o noso Pico Sacro sexa declarado Ben de Interese Cultural”, afirmou Rodeiro, quen engadiu que o traballo “non vai acabar aí” e que o Concello xa comezou a preparar os pasos necesarios para acadar ese recoñecemento internacional. “Imaxinade: Monte Olimpo, Monte Sinaí, Monte Fuji, Machu Picchu… Pico Sacro. Quen dixo medo!”, concluíu.

O ciclo de conferencias celebrado no Centro de Interpretación do Pico Sacro reuniu a cinco destacados especialistas co obxectivo de ofrecer unha mirada interdisciplinar sobre o Monte Ilicino. O astrofísico Antonio César González García, ex presidente da Sociedade Europea de Astronomía e investigador do CSIC, analizou o papel do Pico Sacro como referente da paisaxe galega. Nesa mesma liña interveu o arqueólogo César Parcero Oubiña, tamén do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), quen destacou a importancia do monte na configuración histórica do territorio.

O arqueólogo David Fernández Abella, da Universidade de Santiago de Compostela, presentou os achados realizados este verán durante a limpeza do alxibe do Castelo do Pico Sacro, unha antiga cisterna do século XII destinada a recoller auga da fortaleza.

Pola súa parte, a antropóloga Cristina Sánchez-Carretero, vicedirectora do INCIPIT e ex presidenta da Asociación de Antropoloxía do Estado Español, expuxo os procesos de salvagarda patrimonial que se están desenvolvendo para garantir o recoñecemento do Pico Sacro como símbolo cultural de Galicia, paso previo á súa declaración oficial como BIC.

O ciclo pechouse coa intervención do tamén arqueólogo e director do INCIPIT, Felipe Criado-Boado, quen reflexionou sobre o valor espiritual e simbólico das montañas nas diferentes culturas. “En moitos países consérvase a memoria viva das montañas sagradas, mentres que en Europa, case sempre, se perdeu”, sinalou. A súa intervención conectou directamente coa nova aposta do Concello: situar o Pico Sacro no mapa das montañas máis emblemáticas do planeta, como espazo sagrado, patrimonial e identitario da cultura galega.

ÚLTIMAS

Gonzalo Muíños pide recuperar o dobre sentido en Rodas tras o atropelo dun escolar de La Salle

O concelleiro non adscrito do Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, reclamou ao Goberno municipal...

Santiago reunirá 200 profesionais da industria aeroespacial nun congreso internacional os días 28 e 29 de outubro

Santiago de Compostela converterase os próximos 28 e 29 de outubro nun punto de...

Rozas confirma que o novo contrato do SAF non estará operativo o 31 de outubro e que o Concello traballa nos orzamentos de 2027

A tenenta de alcaldesa de Santiago de Compostela e portavoz de Compostela Aberta no...

Santiago abre este xoves unha nova edición dos orzamentos participativos para que a mocidade decida o destino de 10.000 euros

O Concello de Santiago de Compostela iniciará este xoves, 15 de outubro, unha nova...

A Xunta estrea en Boqueixón un distintivo para impulsar o aproveitamento dos alimentos

A Xunta presentou este luns en Boqueixón o distintivo 'Coa comida, Galicia sen desperdicio',...

Fotowalk Galicia reúne en Boqueixón máis dunha trintena de afeccionados á fotografía

Un total de 34 persoas afeccionadas á fotografía chegadas de distintos puntos de Galicia...

Boqueixón licita novas obras de saneamento por preto de 70.000 euros para seis aldeas

O Concello de Boqueixón vén de licitar dous proxectos destinados a ampliar e mellorar...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here